Páginas

viernes, noviembre 08, 2013

A VIAXE OUTONAL AO VICIÑO CHAVES.

A VIAXE OUTONAL A CHAVES, 

por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

Agardamos a chegada do bus na parada da praza de Lazúrtegui. Achégase unha parella. Espetámoslle se agardan para Chaves. Efectivamente tamén viaxan para Portugal. De seguido chega o transporte que vén da comarca de Bembibre. Vira para o barrio de Flores do Sil, onde suben mulleres maiores moi ledas. Despois para Catroventos, para unha nova recollida de viaxeiros. Ainda de noite, porque non amence antes das oito, tomamos o desvío para a autoestrada a Galiza. Néboas na chaira berciana mentres o bus avanza para Valdeorras. 

Tras entrar no túnel de Covas estamos na viciña e irmá Comunidade Autónoma. Seguimos o curso do río Sil na Veiga de Cascallá, despois O Barco, Vilamartín, ata chegar á Rúa e Petín. Eiquí atravesamos o dito río e collemos a estrada 536, para as aldeas de Freixido e Porto Mourisco. Pola C-533 subimos pola bisbarra do Bolo que amosa un bo firme asfáltico, o que facilita a longa viaxe nosa.




POLAS TERRAS DO BOLO.

Mentres o bus agatuña a montaña, desfrutamos dos vales de  Bibei, á dereita, e do rio Xares, co encoro de Prada, á esquerda. Por fin chegamos ao alto do Covelo, cos seus 1052 metros de altitude. Agora para baixo, mentres nos acompaña o grande encoro do Vao, do dito río Bibei. Un pouco máis aló, Viana do Bolo co seu Castelo medieval. Foi o rei Fernando Ii quen reedificou a fortaleza en 1180. Estas terras foron señorío dos Pimentel, condes de Benavente, que loitaron contra o conde de Lemos polo dominio da rexión do Bierzo a fines do século XV.

BANDEIRA DA CIDADE DE CHAVES


  Deixamos esta vila señorial para nos dirixir cara á Gudiña. Antes da chegada lemos no cartelo a referencia á aldea galega de Bembibre, que nos lembra a nosa vila mineira e berciana. Xa na Gudiña, importante vila polas súas comunicacióis, ferroviarias e de estradas, hai parada para estirar as pernas e tomar con cafeíño quente. Moitos autobuses de lugares moi distantes tamén agardan, así como un destacamento de vehículos do Ministerio de Defensa. 



Tras repoñer forzas e facer amigos na parada xa que o bus non sempre permite a conversa co resto de viaxeiros reiniciamos a estrada. Agora cara a comarca de Verín, pola autoestrada Rías Baixas, A-52. Atravesamos o alto de Erosa (895 m.), despois o concello de Riós e, de contado, o alto de Fumaces, cos seus 855 metros. Máis adiante xa vemos a vila de Verín, co seu Castelo de Monterrei. Non entramos na vila porque tomamos a N-532 para Portugal. Xa hai ganas de chegar a Chaves, fin do camín. A entrada no estado viciño non achega nada novo, porque semella moito coas terras galaicas. As vivendas, a paisaxe, o clima e demais. 

CHEGOU O TEMPO DAS MERCADORÍAS.

Arrodeamos a cidade de Chaves na procura do almacén Europa. Este é o obxectivo de moitos dos viaxeiros. Tras baixar do bus, todos para dentro, na busca das mercadorías. Roupa variada sen moita calidade. Teñen máis aceptación as sabas e mailas toallas de algodón que rebosan nos carriños. Seguimos polos corredores, atopamos a estantería de santos relixiosos, nada para nós, dirixímonos para os viños de Portugal, onde mercamos botellas de agasallo. Moita menaxe de couciña, como nos chineses. En fin, sóbranos tempo, imos para fóra. Pero temos que agardar moito polo resto de viaxeiros que non rematan de mercar as súas mercadorías. As moitas bolsas de plástico teñen todas o nome dos seus propietarios con roturador para evitar perdas e confusióis, coma noutras ocasióis acontecerá.



Xa estamos todos no bus, case ás dúas da tarde. Agora para o xantar, que xa hai fame. Nas aforas da cidade atópase o restaurante. As mesas xa están agardando aos comensais. O primeiro as fritaxes e lonchas de xamón que nos lembran os bos sabores dos porcos de Guijuelo. O segundo prato é o rei Bacallau. No seu punto feito polos máis expertos cociñeiros portugueses. Na mesa parolamos cunha parella de Bembibre que presume das súas viaxes a Portugal, de norte ao sul, anímannos a participar nas futuras viaxes. Chega a hora dos postres, o restaurante non reparte polas mesas e os lambóns atacan a única mesa coas fontes de flan, macedonia, tarta… quen antes chega máis colle. Os últimos non catan nada, hai protestas. 



POUCO TEMPO PARA A VISITA CULTURAL DE CHAVES.

Despois do xantar, todos para o bus de novo. Agora lévannos para unha grande superficie comercial das aforas para mercar bacallau. Non é o noso obxectivo. Visitamos a sección de libraría e alí collemos un diccionario de Portugués, o noso irmao lingüístico. De novo a xente tarda en mercar de todo, a espera serve para facer amizades entre os viaxeiros. Por fin entramos na cidade, non sen problemas para atopar aparcadoiro. E iso que non estamos nas festas patronais dos Santos, que serán días despois.



Agatuñamos a vila vella de Chaves. Na procura do seu Castelo perdémonos entre o seu fermoso rueiro. A praza da Camara Municipal ben merece unhas fotos, cos seus  edificiois señoriais. Máis aló a torre de Menagem, arrodeado de canóns e alta muralla. A vista da contorna paga a pena, inesquecible. Outros monumentos salientables son as igrejas de Santa María Maior e maila da Misericordia, así como o paço dos Duques de Bragança. Damos marcha para atrás na procura da ponte romana. Mestres baixamos vemos a grande actividade comercial das rúas principais. O río Tamega pasa con forza por debaixo dos arcos da ponte. O seu paseo fluvial non ten igual co abondoso arboredo. 



O tempo pasa rápido mentres camiñamos polo rueiro de Chaves. Comprobamos que nos bares hai un grande seguimento do partido de liga entre o Barcelona e o Real Madrid. Non sabería dicir quen ten máis siareiros. Os viaxeiros van chegando cara o bus. A meirande parte deles amosan cansancio e tristura pola derrota do Madrid. O bus avanza rápido dentro da noite pechada. Dentro dunhas horas estaremos xa de novo no Bierzo. Mentres chegamos, lembramos a mestura de tantas experiencias compartidas, novas amizades e as fermosas imaxes fixas da cidade de Chaves que ben merece unha nova viaxe.

O Bierzo, outubre de 2013.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario