AS REXIÓNS DO BIERZO E VALDEORRAS,
por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es
Dende hai tempo hai certa polémica política pola constitución do Concorcio de Turismo de Valdeorras. O problema está na integración neste organismo dos concellos viciños. A proposta inicial trata de xuntar os concellos de Rubiá, O Barco de Valdeorras, Carballeda, A Veiga, Vilamartín, A Rúa, O Bolo, Manzaneda, Larouco, Petín, San Xoán do Río, A Pobra de Trives e Chandreixa de Queixa. Para a adhesión a este Consorcio precisa a aprobación, por maioría cualificada, dos seus respectivos plenos. E algúns concellos aínda non conseguiron esa maioría especial.
PROBLEMAS NO CONSORCIO TURÍSTICO DE VALDEORRAS.
A oposición dalgúns concellos á dita integración vén da man de que queren a inclusión noutras zonas viciñas, caso da Ribeira Sacra. Esta é a proposta de San Xoán do Río ou a Pobra de Trives. Pero tamén hai resistencia en demanda do seu recoñecemento territorial, tradicional e propio, pois desexan que se admitan os nomes das bisbarras de Trives e Manzaneda, como os chamados Xeodestinos. É dicir, non é doado reunir nun consorcio unha rexión tan ampla e variada, Valdeorras, O Bolo, Trives e Manzaneda, para atopar un nome territorial que lles identifique turísticamente. Ademais, uns concellos queren promocionar o viño e mailo botelo na súa restauración, caso de Valdeorras, e outros a montaña, en Trives, Manzaneda e Chandreixa de Queixa. Agardemos que finalmente consigan o necesario consenso turístico para este territorio periférico e illado. Este Consorcio pode ser o xérmolo dun mellor futuro de unión identitaria.
Algo semellante aconteceu durante certo tempo na rexión do Bierzo. O noso territorio tamén amosa moita variedade cultural, xeográfica e turística. Popularmente temos as zonas oeste, galegueira, a leste máis leonesa ou a norteña astur. Pero, por mor do Consello Comarcal do Bierzo, acadouse a necesaria unión. Agora a promoción turística se fai a través do Patronato de Turismo do Bierzo, dependente do dito Consello Comarcal. Esta integración berciana evita que Ponferrada faga unha promoción independente nas feiras turísticas, como así acontecerá hai tempo. A oferta turística unitaria do Bierzo, a través do Consello Comarcla, ten sido un acerto para a nosa promoción exterior. Porque os visitantes xa identifican O Bierzo dun xeito claro e independente doutras comarcas de León ou Castela no noroeste peninsular.
INTUR 2013. A PERDA DA IDENTIDADE BERCIANA.
Os problemas económicos internos do Consello Comarcal e tamén certas actitudes políticas erradas provocaron que hogano a presenza do Bierzo na Feira do Turismo Interior de Valladolid non teña sido a esperada. Ata agora o Consello Comarcal tivo o seu propio espazo promocional no recinto correspondente á Junta de Castela e León nas feiras de Intur e Fitur de Madrid. Pero agora a presidencia do ente berciano tomou a decisión de participar dentro do espazo do Consorcio provincial de León.
Acudimos a Intur de novo e procuramos o espazo turístico do Bierzo. Toda unha grande decepción ver no recuncho un pequeño mostrador promocional da nosa terra. Folletos antigos xa, nada de renovación, do Mundial de Ciclismo nada de nada, ningún cartelón con imaxes da nosa paisaxe sen igual, non música ambiental nosa, etc. Todo de branco, no recuncho asignado polo Consorcio provincial de León. Temos o mesmo espazo que Astorga, La Bañeza e demais comarcas leonesas, cando para nada somos o mesmo. Ningunha referencia ao Consello Comarcal do Bierzo porque quen prima é León. Sen máis.
Visto o visto, visitamos o espazo promocional de Galiza. Paga a pena velo. Xa non hai mostradores por provincias, ao contrario que a centralista Junta de Castela e León. Referencias turística ao interior, cidades, camiños de Santiago, medio natural, etc. Hai máis salientamos o tema dos chamados Xeodestinos, a saber, zonas turística de Galiza. Un total de 18 Xeodestinos, de onde destacamos Ancares-Courel, xuntas as dúas comarcas, A Ribeira Sacra e Manzaneda-Trevinca que inclúe Valdeorras e mailo Bolo. Cremos que cos Xeodestinos se superan os vellos lindeiros provinciais que pouco achegan por caducos. Mentres tanto, en Castela e León seguimos coa típica promoción provincial con forzados consorcios territoriais desta tipoloxía que anulan, como temos visto, alternativas promocionais como o noso Patronato turístico do Bierzo.
O BIERZO, novembro de 2013.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
http://sites.google.com/site/obierzoxa
http://www.facebook.com/xabierlagomestrewww.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario