Páginas

jueves, marzo 13, 2014

BALANZO DAS XORNADAS DO GALEGO NA REXIÓN DO BIERZO


BALANZO DAS VI XORNADAS FREI MARTÍN SARMIENTO NO BIERZO,

Por Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

XORNADA SOBRE O XII CABODEANO DO PROGRAMA DO ENSINO DO GALEGO NO BIERZO.


A xornada festivaleira no teatro vilafranquiño tivo como protagonistas ao alunado de galego dos colexios do Bierzo e da Seabra que viñeron da man do loitador Felipe Lubián. O acto foi aproveitado polos políticos convidados, tanto da Xunta de Galiza e da Junta de Castela e León, para louvar o programa de ensino do galego no Bierzo. Os ditos altos cargos políticos defenderon o éxito do seu labor baseándose no alto número de alunado de galego. Iso si, non tiveron en conta nos seus discursos os graves problemas que a execución do ensino tivo lugar durante os sucesivos cursos académicos. Estamos de seguros de que sen eses atrancos institucionais e políticos hoxe poderiamos falar dun maior número de alunado afectado. Por suposto, a presenza dos altos cargos políticos atraeu a presencia dos medios de comunicación no acto, os cales de xeito minoritario recolleron as súas información xornalistas na lingua galega. Así pois, seguimos a agardar unha maior recepción do galego nos mass media bercianos.

DEBATE DE SERÁN SOBRE O ENSINO DO GALEGO EN PONFERRADA.

No campus universitario de Ponferrada tivo lugar un encontro aberto coa comunidade escolar afectada polo galego (profesorado, mestres, pais e nais, alunado…). De novo as autoridades presentes, Secretario Xeral de Normalización Lingüísñtica, da Xunta de Galiza, coma a Directora Provincial de Educación de León, defenderon o éxito do ensino do galego no Bierzo. Basearon as súas disertacióis no alto número de alunado acadado, ano tras ano. Pero o certo é que faltou autocrítica institucional porque ten habido moitos atrancos políticos durante estes anos pasados.



Velaí o forte e crítico debate posterior a cargo do colectivo Fala Ceibe do Bierzo. Hogano temos asistidos abraiados á supresión do galego no bacharelato no insti Europa, logo, no mes de xaneiro, recuperado por mor da presión social e escolar. A Directora Provincial defendeu que non houbo supresión do galego neste caso senón suspensión por falta de alunado. Ela tivo o atrevemento de esixir un certo número mínimo de alunado no bacharelato. O certo é que nunca antes se demandara ese mínimo de alunos, nin en cursos anteriores nin en centros escolares bercianos. No fondo trátase dunha novidosa estratexia política que trata de crear outro atranco para desanimar a demanda de galego no ensino. O poder político non desexa que medre o número de alunado porque pode demandar máis dereitos lingüísticos no Bierzo e crear problemas políticos novos que non quere asumir a Junta de Castela e León ante a minoría galegofalante desta rexión periférica.

Tampouco a Directora Provincial fixo referencia aos cambios normativos que provocaron a perda do recoñecemento dos méritos dos profes e mestres que iniciaron o programa do ensino do galego no Bierzo. Neste curso a meirande parte dos antigos profes e Mestres perderon os seus postos pola reestructuración da baremación das listaxes de profesorado de galego. Neste curso 2013-14 temos novos profesores sen experiencia no ensino do galego creando así un novo problema pedagóxico para o alunado afectado.

FIXACIÓN DE CENTROS EDUCATIVOS DE REFERENCIA.

Volvemos ao tema da esixencia dun número mínimo de alunado por aula de galego para dicir que isto provocará que haxa centros que poidan perder a oferta de galego. Esta nova demanda institucional trata de crear un novo atranco para o ensino galego no Bierzo. Non cabe dúbida que a Junta de Castela e León traballa ben na súa estratexia para restrinxir e desmotivar a demanda de galego nesta rexión estremeira. Para defenderse desta problemática hai que reclamar o establecemento de centros de secundaria de referencia, casos dos institutos de Vilafranca, Cacabelos e Europa de Ponferrada. Só deste xeito se pode protexer e garantir o ensino do galego nestes centros fronte aos recortes de todo tipo (ratios mínimos de alunado, financiación, profesorado…). Máis curioso é que o idioma francés, como segunda lingua optativa e voluntaria, non ten esa esixencia de ratio mínima nos institutos segundo a normativa europea. Pero o galego, idioma territorial e histórico do Bierzo, debe agora cumprir cun número mínimo de alunado segundo esixe a Junta de Castela e León. 



Outra proposta foi que o alunado de galego dos centros de ensino primario en Ponferrada teña asignado e garantizado a continuidade da súa aprendizaxe do galego nos institutos das súas zonas respectivas. Estes son os casos do insti Virgen de la Encina respecto ao centro Valentín García Yebra e do insti Fontesnovas respecto aos centros de Catroventos. Sen embargo, ante a nova demanda institucional de ratios mínimos de alunado de galego por aulas, temos o problema engadido de que a dispersión de alunado de galego por varios institutos de Ponferrada pode ser perigoso senón se acadan os ditos mínimos de alunado por aulas esixidos agora pola Junta de Castela e León.

CARRACEDELO E A VEIGA DE VALCARCE SEGUEN SEN GALEGO. 

Outras problemáticas que saíron no debate foron as que afectan á falta de oferta educativa de galego nos centros rurais agrupados de Carracedelo e da Veiga de Valcarce. Onde hai unha clara resistencia institucional a ofertar galego que presiona sobre a potencial demanda lingüística dos pais, nais e alunado afectado. Resultou curiosa a proposta da Directora Provincia de Educación a prol da publicidade do ensino do galego. Non defendeu a propaganda institucional neste senso pois pode crear, segundo ela, agravios comparativos con outras linguas estranxeiras. Por iso ela propuxo facer o boca a boca tradicional entre os compoñentes das comunidades escolares afectadas. Así non hai agravios da minoría galegofalante do Bierzo con outras comunidades lingüísticas (inglesa, francesa…). Que grande argumentación política para non favorecer o galego, lingua territorial do Bierzo, fronte a outras linguas estranxeiras, toda unha igualdade discriminatoria para os galegofalantes.

ENCONTRO PRIVADO COA REAL ACADEMIA GALEGA EN VILAFRANCA.

A presenza de membros da Real Academia Galega posibilitou unha xuntanza con representantes da comunidade galegofalante da rexión do Bierzo (colectivos culturais, políticos locais, pais...). Fala Ceibe aproveitou a ocasión para demandar o protagonismo do Bierzo no Día das Letras Galegas a través dun persoeiro local, caso de Antonio Fernández e Morales. Neste senso hai que ter en conta a especificidade cultural e territorial do Bierzo que imposibilita ter persoeiros literarios de moita sona e ampla obra cultural. Por iso habería que ter máis en conta nese potencial Día das Letras Galegas adicado ao Bierzo a homenaxe aos falantes a título colectivo. Esta peculiar dinámica cultural sería extensível para o resto de bisbarras periféricas da Galiza.



Outros interlocutores fixeron referencias a que se fala galego no Bierzo oeste a través das relaciois interxeracionais. Pero a falta de mocidade e a emigración está a trocar estas relaciois interxeracionais de xeito moi grave. Por iso haberá que facer un esforzo pola aprendizaxe académica do galego a partires de agora se se quere manter este idioma territorial. Tamén se falou de facer un congreso sobre o galego do Bierzo, antes do verán, para debater sobre potenciais procesos de dinamización lingüística deste idioma na nosa rexión. Agardemos que entre todos e todas sexamos capaces de sacar adiante ese congreso, sempre que prime o debate interno da cidadanía berciana sobre o academicismo formalista.

O Bierzo, marzo de 2014. 


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario