sábado, marzo 18, 2006

O ensino do galego para diante no Bierzo, curso 2005-06

O GALEGO ADIANTE NO BIERZO,
artículo de Xabier Lago Mestre,
presidente del colectivo cultural falaceibe.

O novo curso escolar 2005-06 presenta para o alunado berciano a novidade de poder estudiar o idioma galego como unha materia optativa máis en cuarto do Ensino Secundario Obrigatorio. A correspondente Orde da Consellería de Educación da Junta de Castela e León, de xullo de hogano, regula o currículo da asignatura de Lingua e Cultura Galegas, concretando os seus obxectivos, contidos e criterios de avalidación. A súa oferta por parte dos centros educativos de O Bierzo non require previa autorización da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Educativa castelá, e deberá ser impartida por profesorado habilitado en idioma galego. É importante indicar que a aprobación desta nova materia polo alunado servirá para obter a correspondente titulación oficial por parte da Xunta de Galicia

Así pois, os bercianos conseguimos un novo avance no ensino da nosa lingua territorial nos centros escolares. Recordemos que o proceso de incorporación do idioma galego ao sistema educativo tomou un novo pulo coa sinatura do Acordo de Colaboración entre a Xunta de Galicia e maila Junta de Castela e León, en Vilafranca o 18 de xullo de 2001. Con esta nova medida educativa damos un salto cualitativo no ensino do galego porque agora se recoñece a competencia lingüística cun maior nivel académico no ESO. O que hai que denunciar unha vez máis é que a Consellería de Educación castelá siga sen cumprir as recomendaciois do Procurador do Común (febreiro de 2002 e decembro de 2004) sobre a necesidade de realizar unha campaña escolar axeitada da actual oferta da materia de lingua galega nos distintos niveis educativos e centros de O Bierzo. Razón pola cal aproveitamos esta ocasión para informar á comunidade berciana sobre a comentada novidade educativa, e tamén para insistir nas vantaxes que supón a aprendizaxe do idioma galego.

Estudiar galego permite recuperar este valioso patrimonio lingüístico berciano. Ademáis a aprendizaxe do noso idioma territorial resulta moi doado porque O Bierzo histórica, xeográfica e culturalmente ten moito de galego (paisaxe, toponimia, tradiciois, arquitectura rural, música, gastronomía, etc). Rexeitar estes concretos vincallos, quizáis por mor duns ilóxicos prexuízos antigalegos, é negar a nosa existencia como bercianos cunha idiosincrasia colectiva diferenciada. Tampouco debemos olvidar ese alunado berciano que ano tras ano opta por continuar os seus estudios nalgunha das tres universidades galegas, e que grazas ao coñecemento do galego de O Bierzo consegue integrarse millor nestes centros superiores.
Outro tanto hai que dicir dos bercianos que aspiran a ocuparen un emprego público (Xunta, Sergas, universidades, deputaciois, etc) ou privado (medios de comunicación, comercio...) na veciña Galicia, e que necesitan saber galego. Que sempre será millor traballar a uns quilómetros ao oeste, onde un berciano se sente como na súa terra mai, que non ter que emigrar a Madrid, Cataluña ou Valencia. Asemade o coñecemento do galego nos permite o acceso a outros medios de comunicación (TVG, Radio Galega, internet e demáis) para ter unha información máis completa. E por último dicir que dende o galego hai un sinxelo paso ao portugués-brasileiro, medrando así a nosa eficacia políglota.

Todos sabemos que houbo unha fractura xeracional entre os bercianos con lingua familiar galega e os seus descendentes, escolarizados en castelao durante a segunda metade do século XX. Pois ben, a actual ensinanza do galego en O Bierzo está posibilitando que os neofalantes teñamos un protagonismo especial na recuperación da nosa lingua minorizada. ¿Cómo? normalizando o uso deste idioma nos centros escolares, prestixiándoo tamén a nivel familiar, veciñal e social, ou a través do activismo cultural que está favorecendo no fondo un verdadeiro “rexurdimento galego-berciano”.

Ponferrada, setembre de 2005.
http://www.falaceibe.tk