sábado, octubre 04, 2008

O DIALECTISMO COMARCAL BERCIANO AFASTADOR.


O DIALECTISMO COMARCAL BERCIANO AFASTADOR,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. de Fala Ceibe do Bierzo.



A normalización social do idioma galego na rexión berciana ten ainda a resistencia dos defensores do dialectismo comarcal. Estes alegan que a lingua normalizada que vén de Galiza é allea ao que falan acotío. Dende logo que hai diferenzas entre o galego-berciano comarcal e o galego estándar, no léxico, fonética e morfosintaxe. Pero a realidade é que esas diferenzas teñen o mesmo valor filolóxico que o resto do dialectismo que poidamos atopar nas comarcas da Comunidade Autónoma de Galicia. Os falantes do idioma galego do noroeste peninsular sabemos da necesidade que había de fixar unha variedade supradialectal, a cal agora temos na dita normativa do galego. Precisamos dun idioma común, superador das diferenzas dialectais galegas, para evitar confusiois lingüísticas, propias das particularidades das falas dos distintos territorios. O idioma galego moderno debe facilitar ao máximo a comunicación e a comprensión entre os seus falantes. A falla da actual normativa do galego provocaría entre os diversos falantes problemas para entendermos, a nivel oral e escrito, entre os habitantes dos Ancares bercianos, A Mariña luguesa, Baixo Miño, A Fisterra e demais.


As investigaciois filolóxicas xa concretaron que o idioma galego se divide en tres ámbitos territoriais, chamados bloques. O bloque oriental está formado polas áreas asturiana, oriental central, oriental de transición e zamorana. Na dita área oriental central atopamos as subáreas dos Ancares, O Bierzo, O Courel, Valdeorras e Viana. Entre estas zonas hai diferenzas dialectais. Pero é que na propia rexión berciana atopamos diferenzas polo miúdo entre as partes oriental e occidental, ou entre o galego de Ancares, Valcarce, A Cabreira Baixa e demais. Estas diferenzas comarcais débense á influencia dos outros idiomas veciños (castelán e ástur-leonés), pero tamén á existencia de varios vales pechados (Selmo, Valcarce, Burbia, Ancares, Fornela…) que fomentaron falas de seu e microtoponimia diversa. Agora ben, estas diferenzas dialectais non son de sufiente entidade para concretar a formación dun dialecto berciano con una normativa propia.


Os partidarios do dialectismo comarcal do Bierzo saben ben das súas diferenzas filolóxicas, non só coas zonas veciñas, senón entre eles mesmos. Pois valoran nesta diferenciación lingüística a utilización dunha fala mesturada de castellanismos, velaí a denominación como chapurreao. Pero é que outros pretendemos valorar a lingua galega, mediante a súa diferenza filolóxica co castelán, por ser este outro idioma latino. Ademais o galego ten máis semellanzas históricas co portugués ca co castelán, por iso debe achegarse ao luso.


Moitos bercianos falan o idioma galego como ben saben, e intentan escribilo con moito esforzo, xurdindo pois o dialectismo comarcal porque non tiveron a oportunidade de aprender a normativa correspondente. Outros rexeitan o idioma galego estándar, non desexan escoitalo, nin lelo nin escribilo. Pero peor resulta que estes últimos queiran impedir aos bercianos que poidamos aprender o idioma galego moderno, e a normalizar o seu uso social na nosa rexión. Non se pode condenar aos bercianos a conservarmos únicamente o dialectismo comarcal, cando temos a posiblidade evolucionar dende o galego-berciano, ao idioma galego estándar e chegar ao portugués por mor das semellanzas lingüísticas.


O futuro do galego do Bierzo está no fomento do idioma estándar. Lingua que ten unha grande funcionalidade, na administración, o ensino, os medios de comunicación, as novas tecnoloxías e demais. O galego normativo únenos ao resto da comunidade lingüística galega do noroeste peninsular, Galiza, Eonavia, Seabra, e tamén ás comunidades portuguesa, brasileira e africana. Así pois a lingua galega de hoxe fainos tamén internacionais. Fronte a isto, os partidarios do dialectismo comarcal queren empecharnos dentro das serras bercianas. No fondo éstes non cren no futuro do idioma galego, non queren o seu prestixio, nin a súa declaración de oficialidade, nada de recoñecemento de dereitos lingüísticos para os falantes bercianos. ¿Qué pretenden pois?. Conservar o dialectismo berciano sen modernizalo, non queren que mude porque non están preparados para afrontar o novo futuro plurilingüe sen medos e prexuízos. Viven coas verbas rurais do pasado, vencellados ás falas familiares dos seus antergos, na cárcere da soidade e do illamento. Máis valería cavilar en cómo manter a herdanza do idioma galego que recibiron, en cómo transmitilo con xeito aos seus descendentes, e en facelo atraínte aos neofalantes.


O Bierzo, outubro de 2008.
http://www.obierzoceibe.blogspot.com/

6 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Como galegofalante e como galega non podo mais que discrepar deste post.

¿Onde está escrito que os mal chamados dialectos afastan dunha lingua común? ¿Acaso un andaluz que fala no seu castelán afástase dun castelán ou dun asturiano só por falar un castelán diferente?

¿Acaso eu, que aprendín o galego normativo por temas académicos, son diferente só porque os meus pais aprenderon o seu galego de Valdeorras na casa, que non é normativo?

Considero que para o ensino, o galego normativo é o mellor modo de que todos aprendamos a mesma lingua, pero nunca un lugués, un compostelán o un da Costa da Morte, que non falan o mesmo galego, se lles pode impoñer unha lingua.

No Bierzo o en calquera bisbarra na que se fala calquera lingua (castelán ou galego) pasa exactamente a mesma cousa. Cando nunha aldea un labrego chama dunha forma un aparello, comunícase sen problemas con outro labrego doutra aldea, ainda que ese aparello se chame doutro xeito.

As linguas unen, non afastan, e calquera imposición artificial no falar da xente (non esquezamos que as linguas teñen vida grazas à xente), serán en vano.

10:54 a. m.  
Blogger Xabier Lago Mestre said...

entendiches mal a miña crítica. Porque eu estou contra do dialectismo que rexeita calquera norma do galego por alleo. Se queremos avanzar co galego temos que ter unha lingua normativizada, isto non quita que haxa dialectismo, por susposto, pero non se pode permitir que os defensores do dialectismo berciano ataquen calquera intento de normalizar o galego, porque así non progresamos dentro da comunidade galego-falante do noroeste peninsular. Se me entendiches mal ben que o sinto. Saúdos dende O Bierzo

5:50 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Pero tes que ter en conta unha cousa.

Do mesmo modo que ti pides unha normalización do galego, tampouco podes criticar à xente que prefire non adoptar unha normativa artificial, porque como din moitos dos avós das aldeas: "eu non entendo o galego da TVG porque falan unha lingua moi rara".

Qué queremos? Que a xente se afaste definitivamente da normativa e que finalmente o uso da lingua se limite ás escolas e ás institucións?
Ou queremos que o galego non caiga en desuso ata no Bierzo?

Teñamos unha mente aberta: o importante é que os bercianos que falan galego na súa casa sigan falando esa lingua tan fermosa. Nas nosas casas ou nas nosas aldeas.

Saúdos dende Ponferrada.

12:25 p. m.  
Blogger Xabier Lago Mestre said...

entendámonos, ninguén critica que se fale en galego dialectal nas casas, nas escolas, nas igrexas... O que pasa é que precisamos dunha variante supradialectal, normativa oficial, que sirva para entendermos sen problemas. Mira ben, o dialectismo comarcal do noroeste peninsular pode non servirnos para entendermos, estás segura de entender certo galegho de comarcas montañosas?...
Non resulta lóxico que un galego-falante escriba en galego dialectal, tal como soa, ante a administración de xustiza, un xuíz por exemplo, cando está en xogo unha sentenza de multa ou de cárecere. Necesitamos obxectividade e comprensión total da lingua galega supradialectal para evitar erros lingÚísticos.
Eu no fondo vexo mal futuro ao patrimonio lingüístico dialectal porque penso que perde as súas funciois, as que tiña no pasado, ante o empuxe da norma supradialectal, que exerce novas funciois que non pode desenvolver o dialectismo comarcal. A realidade é dura para todos, para min, que sinto a perda progresiva do galego dialectal. Grazas polo teu comentario crítico

11:48 p. m.  
Blogger Moncho Pais said...

Unha normativa é precisa para poder progresar unha lingua. Pódese estar ou non dacordo coa normativa vixente, pero de todos é sabido que sen ela pouco habería que facer alén de esfarelármonos ata a desaparición. É obvio que O Bierzo ten as súas características propias a nivel lingüístico (e mesmo dentro do propio Bierzo diferentes zonas dialectais), mais hai que adaptarse á normativa. Quen di que non a entende é porque non lle dá a gana. Eu son dunha zona dialectal moi particular que se afasta considerablemente da normativa vixente e acéptoa encantado porque sei dos seus beneficios e porque sei que, á fin de contas, só son pequenos detalliños o que a diferencian.

Animos aos bercianos a defender a escrita en galego para salvar a súa lingua e afastarse do diferencialismo que nos levará a todos ao precipicio.

1:50 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Noraboa pul blog de tou, préstame asgaya q´un defesor del galléu nel Bierzu sía sensible tamién y faiga amiente a la outra llingua llariega, creigu qe cun xente asina haberá xeitu de compreisión pa daqé día entamare´l diálogu ya´l sófitu bilateral ente las dúas llinguas.
yá abonda d´amolanos, habemos a audános, ye la única igua.
pué qe nun vos preste el miramientu qe guei se tien al llionés nel estatutu, peru pués vere q´entá nun entamonun aición denguna.
la Junta castillana enxamás moverá un didu en favor del llionés, y poucu más haberá cul galléu.
Somos nós los bercianos ls qe tenemos de sacanos ls castannas del fuéu, xuníos an facendeira.
Asturfalantes y galaicofalantes.
OUFECIALIDÁ PA LAS LLINGAS DE NUESU
Bierzu llibre, capital Bimbibre. xD

3:33 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home