domingo, agosto 02, 2009

CAMIÑOS HISTÓRICOS POLA REXIÓN BERCIANA


OS CAMIÑOS HISTÓRICOS POLA REXIÓN BERCIANA,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. Fala Ceibe do Bierzo.



Nunha rexión periférica tan ampla como O Bierzo atopamos moitos camiños principais e secundarios ao longo da historia. Velaí unha relación deses camiños antigos, comezando polos romanos e seguindo polos medievais, coma os Camiños de Compostela. Veremos as aspectos variados das infraestruturas viarias da Idade Moderna (séculos XVI ao XVIII), para rematarmos coas grandes reformas nas vías de comunicación do século XIX.


VÍA ROMANA DE BRAGA-ASTORGA, ITINERARIO ANTONINO Nº 14.
Partimos do porto do Pedrafita, beiramos o val do río Lamas, seguimos por Santo Tirso e Ruitelán (posible mansión romana Uttaris), ondea topamos unha ponte romana. Pola marxe do río Valcarce chegamos á Veiga de Valcarce, despois Ambasmestas, coa ponte do regueiro Valboa. A Portela de Valcarce, regueiro de Valdelobas en Trabadelo. Segundo a marxe esquerda do río Valcarce chegamos a Vilafranca pola ponte río Burbia. Saímos pola veigada norte de Valtuille de Abaixo, ata castro da Ventosa (Bergido), xunta Pieiros, xa en Cacabelos.


VÍA DE BRAGA-ASTORGA, ITINERARIO ANTONINO Nº 20.
De Cacabelos tomamos sentido norte de Camponaraia, Fontes Novas, Columbrianos, cruzamos o río Sil en Fonte de Azufre, ata Santo Tomás de las Ollas. Subimos Montearenas para baixalo despois na outra vertente. Cruzamos o río Boeza en San Miguel de las Dueñas. Tomamos a marxe esquerda do regueiro de Paradasolana, ao sur de Calamocos, dirección norte de Onamio, entre Solano e Abesedo, regueiro Tejedas. Continuamos a Foncebadón e despois Rabanal, cara a Astorga (Asturica Augusta).


VÍA ROMANA DE BRAGA-ASTORGA, ITINERARIO VÍA NOVA Nº18.
Dende Xestoso (posible mansión Gemestario), Arnado, Castropete, casarío S. Tirso e pobo de Cabarcos, regueiro de Val de Inxertos ata Portela e Aguiar. Cruzamos río Selmo en Frieira, onde hai ponte antiga. Pola marxe dereita do río Sil ata Toural dos Vaos, onde cruzamos río Burbia E enlazamos co río Cúa pola beira dereita. Vilamartin, Sorribas ata chegar a Cacabelos (posible Bergidum Flavium). Cruzamos río Cúa en dirección a Cabanas Raras, por pago Carrapito (toponímico viario), a Cubelos do Sil. Cruzamos río Sil pola ponte somerxida polo encoro de Bárcena en Congosto. De novo cruzamos río Noceda en S. Román (posible mansión Interamnium Flavium), para seguir pola Venta de Albares, onde cruza río Boeza. Seguimos regueiro do Tremor, ata Torre do Bierzo, regueiro da Silva, Montealegre, Mosteiro de Sta. Cruz de Montes, para Manzanal do Porto.


AS REDES VIARIAS ROMANAS DO NORTE E DO SUR DO BIERZO.
No tratamento dos camiños romanos seguimos ao profesor Manuel Abilio Rabanal Alonso, o cal atopa otros vieiros que chama secundarios. Así temos a vía no Boeza, dende Viloria. A vía que dende Ponferrada cruza a ponte Mascarón a Campo e sube polas pontes de Mal Paso, a Riego de Ambrós. A vía do río Noceda dende s. Román de Bembibre. A vía do río Sil dende Congosto. A vía do río Cúa para ir a Peranzais, de Chano ao porto do Trayecto. A vía dende Vilafranca ao Val do Burbia. A vía polo río Cabreira que vai ás canles meridionais dos montes Aquilanos que levan auga para As Médulas. A vía romana a S. Pedro de Montes e a castro Rupiano, preto das canles septentrionais dos montes Aquilanos que descenden para As Médulas.


OS CAMIÑOS MEDIEVAIS A COMPOSTELA POLO BIERZO.
Todos sabemos do traxecto tradicional, popular e turístico do Camín de Santiago pola rexión berciana, Foncebadón, Molinaseca, Ponferrada, Camponaraia, Cacabelos, Vilafranca, Trabadelo e demais. Pero hai outros camiños.


CAMÍN DE SANTIAGO POLO MANZANAL que pasaba por este porto alternativo ao de Foncebadón (1504 m.) porque tiña menos altura (1230 m.) e polo tanto podería ser mellor superado polos peregrinos. Baixaba a Torre, seguía por Albares, Bembibre, S. Román, Almázcara, S. Miguel de las Dueñas, Sto. Tomás de las Ollas, cruza o río Sil á altura de Compostilla (antigo despoboado medieval de Compostela), na procura de Columbrianos, Fontes Novas, Camponaraia e demais.


CAMIÑO VELLO DE SANTIAGO. José Fernández Arenas (El Viejo Camino de Santiago, 2006) relata o itinerario que vén de Boñar, La Robla, La Magdalena, Fasgar, e entra no Bierzo na ermida de Santiago en Colinas Campo de Martín Moro, Igueña, Quintana de Fuseros, Cabanillas de S. Justo, S. Justo de Cabanillas, Labaniego, Arlanza, Losada, S. Esteban e vai para Toreno. Desta vila pasa para Berlanga, A Veiga de Espiñareda, S. Pedro de Olleros, S. Clemente, e deiquí tira para Cacabelos ou Vilafranca. Pero esta rota pode cruzar o río Sil por Sta. Marina do Sil, seguindo para Bárcena e As Cabanas. Tamén atravesa o río Sil en ponte de Congosto para Cubelos do Sil. De Bárcena continúa por Cabanas, Magaz de Abaixo, Arganza, Canedo e Cacabelos, ondea topa o Camiño de Santiago máis transitado.


ROTA CEPEDANA. Augusto Quintana Prieto (Visión histórica de la Cepeda, 1995) nos descubre o camín que vén de Villameca, Culebros, Corus, Requejo, Villagatón, Brañuelas, Tremor, Cerezal, Torre (donde se unío co ramal que vén de Manzanal).


CAMIÑO DE SANTIAGO SUR. Este camino era alternativo nos períodos invernais que impedían atravesar polo porto do Cebreiro. O historiador Serafín Álvarez (2005) nos indica o camín que vai dende Ponte Boeza, Otero, Pajariel, Toural de Meraio, igrexa de S. Jorge de Rimor, Priaranza, Villavieja, Castelo de Cornatelo, e deiquí tomar dos ramais. Primeiro: Villaseca, Chao de Rozadas, Penelas, Camiño de Campañana, monte Sta. Cecilia, ermida de Sta. Cecilia, igrexa de sanatiago das Valías, varca de Viladepaos, Paradela, Requeixo, Frieira e Portela. Segundo ramal: Paradela de Muces, Campelo, Raniego, A Brea, As Médulas, A Ponte Domingo Flórez, A Pontóriga en Sobradelo.


REPARACIÓN DE PONTES BERCIANAS NA IDADE MODERNA.
Na Idade Moderna non hai importantes obras públicas en carreteiras pero si nas pontes bercianas. Así a ponte do Boeza de Ponferrada repárase en 1573, pero tralo seu derrube se constrúe unha nova ponte en 1588-89, a obra continúa en 1601. A ponte de Bembibre repárase en 1573 e 1590, pero se arruína en 1648. A ponte de Cacabelos está en obra en 1590, para 1630 está arruinado, a súa reparación continuaba en 1650. As 7 pontes do Val de Valcarce foron reparadas en 1590, 1600 e 1640. A ponte de Ponte Domingo Flórez repárase en 1649, e a ponte de Frieira en 1580, mentres que a de Molinaseca ten obra en 1590. Como nota curiosa comentamos que o Depositario Xeral de Pontes do Reino de León foi acusado de corrupción xa que se levaba a metade do diñeiro adicado a cada ponte construido (Miguel A. Aramburu-Zabala, La arquitectra de puentes en Castilla y León, 1992).


REAL CAMIÑO DE CASTELA A GALIZA NO SÉCULO XVIII.
Os reis Borbóns reforzaron a rede viaria entre Castela e Galiza. Pero as obras pola rexión berciana se realizaron cun importante retraso por mor dos problemas orográficos. Así, en 1764, catorce anos depois do seu comezo do Real Camiño, non chegaran aínda ata Bembibre. Entre 1770 e 1771 rematan as obras da carreteira real de Astorga ata o porto do Manzanal, sendo o arquitecto Carlos Lemaur quen fai o trazado do porto. Na década dos 80 estas obras públicas reciben un pulo institucional baixo o goberno de Floridablanca. En 1788 reedifican a ponte de Cacabelos, á vez que contratan moitos labregos nas obras entre a vila do Cúa e Vilafranca. A construcción do Real Camiño sufre as consecuencias dos problemas socioeconómicos, por mor da crise de subsistencia do periodo. Velaí as queixas do concello de Vilafranca (1789), “por efecto de la general esterilidad del presente año y el de haberse aumentado el consumo de pan con la mucha gente ocupada en las construcción del nuevo Real Camino que se dirige desde esta villa a la de Cacabelos y otras obras, se han agotado los cortos frutos que produjo este estrecho país (…)” (Gonzalo Anes, Las crisis agrarias en la España Moderna, 1974). No mesmo ano tamén o concello de Ponferrada protesta porque reclama o desvío do Camiño Real para si, xa que atravesaba pola ponte de Bárcena, “no se dirija a Congosto sino a Ponferrada por Camponaraya, por ser menos costoso”.


AS VÍAS DE COMUNICACIÓN BERCIANAS NO SÉCULO XIX.
As vías de comunicación bercianas teñen o desenvolvemento moi importante a fines do século XIX. En 1860 inaugúrase a estrada de Madrid á Coruña, e o alcalde de Ponferrada, Isidro Rueda, refírese a que “todos interesados en que Ponferrada prospere, unámonos y trabajemos para que dentro de poco celebremos la inauguración de la carretera a Asturias, la terminación de la de Orense y para que algún día venga el ferrocarril (…)”. En marzo de 1864 inaugúranse as obras da estrada a Ourense, en xuño tocaba o turno á estrada a Asturias, mentres que en setembro saían a concurso as obras do desexado ferrocarril Palencia-Ponferrada e Ponferrada-A Coruña. Pero as obras das estradas non remataron ata a década dos 70. Polo que toca ao ferrocarril, a línea Astorga-León inaugúrase en 1865, a prolongación Astorga-Brañuelas en 1868, mentres que as máquinas de vapor non chegaron á capital berciana ata moitos anos despois, en 1882.

O Bierzo, agosto de 2009.
www.obierzoceibe.blogspot.com

1 Comments:

Anonymous vila-franco said...

¡Hostias...!jajajaja y ja...
Entonces ahora me explico porqué hay una autoescuela en Ponferrada que se llama AUTOESCUELA RUEDA....¡Claro...!Tuvo,Isidro,que hacer la carretera,para poder haber coches y sacar el carnet de conducir,¡Claro...!
¡Como no me daria cuenta antes...!JAJAJAJAJAJA

3:42 p. m.  

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home