lunes, octubre 25, 2010

BASES GALEGUEIRAS DO COLECTIVO FALA CEIBE DO BIERZO.



BASES GALEGUEIRAS DO COLECTIVO FALA CEIBE DO BIERZO,
falaceibe@yahoo.es



Un grupo de asociacióis lingüísticas de Castela e León pretenden a creación dunha Plataforma de Asociaciones en Defensa del leonés y el gallego. Para a súa posta en práctica se quere fixar un manifesto fundacional. O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo pretende animar ese debate amosando as nosas chamadas Bases Galegueiras. Como presuposto previo, este colectivo berciano declara que hai grandes diferencias reivindicativas entre as diversas asociacióis lingüísticas de Castela e León. Diverxencias que deberán ser previamente conciliadas con naturalidade para favorecer a unidade de acción nesta Comunidade Autónoma.


1. CONCRECIÓN TERMINOLÓXICA.
Fala Ceibe reclama o uso reivindicativo dos términos lingua e idioma galego do Bierzo. Superando así as denominacióis secundarias de falas galegas, dialecto berciano e linguas mesturadas coma galego-leonés.


Asumimos con normalidade as diferencias lingüísticas das sucesivas etapas históricas do noso idioma galego, así como a diversidade dialectal, filolóxica e sociolingüística, e a súa caracterización diacrónica, sincrónica, diatópica y diastrática.


2. RESPECTO AOS PROCESOS REIVINDICATIVOS.
Cada colectivo lingüístico ten a súa dinámica reivindicativa propia, e Fala Ceibe non é unha excepción a ese principio. Neste contexto estrutural entendemos as nosas demandas, alianzas extraterritoriais (en Galiza, Portugal e UE), medios, metodoloxía, temporalidade, estratexias, tácticas concretas e demais.



3. DIVERSIDADE DE ÁMBITOS VINDICATIVOS.
Fala Ceibe traballa en diversos ámbitos reivdicativos. Para nós é fundamental o traballo fóra dos nosos lindeiros político-administrativos. Esta específica actitude nosa non está sendo comprendida dentro desta Comunidade Autónoma por outras asociacióis leonesistas.


Eses eidos vindicativos son: ensino do galego en todos os niveis, uso administrativo en todas as administracióis públicas, recuperación toponímica en galego, utilización do galego nos medios de comunicación tradicionais e das novas tecnoloxías da información, recepción dos medios de comunicación de Galiza no Bierzo, galego nas actividades privadas (comercio, hostalería, restauración…), relacióis culturais plenas con Galiza, etc.



4. CONFIGURACIÓN DUN RÉXIME XURÍDICO GALEGO-BERCIANO.
A lingua galega do Bierzo xa conta cun réxime xurídico propio que non teñen o resto de linguas territoriais de Castela e León. Referímonos a que ten o abeiro do Estatuto de Autonomía de Castela e León (artigos 5 e 46) e maila futura reforma da Lei da Comarca do Bierzo. Resolucióis a prol do galego das Cortes Xerais e das Cortes de Castela e León. A isto engadimos o Estatuto de Autonomía de Galiza, a Lei de Normalización Lingüística de Galiza e o Plano Xeral de Normalización Lingüística de Galiza.



Os bercianos galego-falantes pretendemos ter os mesmos dereitos lingüísticos cos galegos veciños porque temos a mesmo idioma. O proceso vindicativo do Bierzo será longo para acadar o dito obxectivo estratéxico: un réxime xurídico-lingüístico común con Galiza.



5. DEREITO Á NORMATIVIZACIÓN DO NOSO IDIOMA GALEGO.
Fala Ceibe aposta por unha lingua galega do Bierzo plenamente normativizada, porque consideramos que non hai diferencias co idioma falado na veciña Galiza. Por iso aceptamos a normativa para o galego que fixa a Real Academia Galega. Neste senso asumimos con normalidade o dialectismo berciano e o acercamento progresivo á lingua portuguesa.



6. TERRITORIALIDADE LINGÜÍSTICA ABERTA.
A lingua galega do Bierzo en pleno século XXI non pode nin debe ter ningún tipo de atranco histórico para o seu desenvolvemento pleno. Por iso estamos a prol de rachar con calquer lindeiro histórico ou político-administrativo de hoxe que empece a nosa plena vitalidade lingüística en galego, en convivencia cultural cos nosos veciños de Galiza. Os lindeiros dialectais (isoglosas) e históricos (linguas territoriais) son froito do pasado, e son aproveitados políticamente para restrinxir os intercambios lingüísticos. As zonas de contacto interidiomático (leonés, galego e castelán) non poden ser ríxidas senón abertas. Hai que ter presente os ámbitos comarcais, de tipo socioeconómico, como zonas de confluencia interlingüística, casos do Bierzo baixo e Ponferrada, porque favorecen a inmigración, permanente ou ocasional, e maila emigración interna.



7. A UNIDADE DE ACCIÓN PARCIAL.
A unidade de acción pódese concretar na reclamación da aprobación da Lei das Linguas Territorias de Castela e León ante as Cortes de Valladolid. Tamén pode haber intertroco de información vindicativa e estratéxica.


8. A CONTINUIDADE TERRITORIAL ETNOCULTURAL GALEGA.
Por último, teimar na considerada continuidade territorial etnocultural galega do Noroeste peninsular para os territorios veciños de Galiza, Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas, Val do Elas e Portugal. O futuro do idioma galego-portugués dependerá do destino que lle dea o conxunto da comunidade lingüística descrita. Por iso, o obxectivo fundamental e estratéxico será evitar a división cultural desas comunidades territoriais que teñen a mesma lingua galega común.






Etiquetas: , ,