sábado, diciembre 31, 2011

O GALEGO DO BIERZO TEN FUTURO NA INTERNET



O GALEGO NA INTERNET TEN FUTURO TAMÉN,
Por Xabier Lago Mestre.


O noso idioma galego loita acotío por ter o seu posto na internet. Nesta arañeira procúrase ofrecer informacióis axeitadas e interesantes para a ampla audiencia rexional, nacional e internacional. Por suposto, son os internautas da Galiza os que teñen un protagonismo especial no fomento do noso idioma estremeiro. Dende O Bierzo tamén intentamos achegar o noso gran de area con moito esforzo individual e colectivo.


INFORMANDO EN GALEGO DENDE O BIERZO.
Non se pode negar que a presenza do galego na internet berciana aínda causa sorpresa por uns e, en menor medida, tamén rexeito doutros. Os prexuízos antigalegos seguen presentes nun sector da poboación berciana. Prexuízos que tardarán en desaparecer porque a presenza do galego nas novas tecnoloxías supón unha novidade difícil de asumir aínda.


O GALEGO ENTRA NOS FOGARES DE NOVO.
Paga a pena reflexionar sobre o que provoca a nova entrada do galego nas casas a través das novas tecnoloxías da información. O desprestixiado galego, rural e labrego, agora entra sen permiso nos computadores dos bercianos e dos internautas en xeral. Non pode ser! Dirán moitos e moitas. Quen lle deu permiso?.


Temos que seguir a xogar con esta actual dinámica internauta que posibilita que o galego do Bierzo entre nas casas. Non será doado asumir esta nova realidade postmoderna. Por iso o rexeito de moitos. Agora ben, hai que aproveitar estas portas abertas para dar unha boa impresión aos castelánfalantes que non acollen sen querelo.


QUE O GALEGO ENTRE POLOS OLLOS.
Internet posibilita que o galego chegue máis lonxe e a máis cidadáns. Teñamos pois a habilidade para ofrecer unha boa pegada inicial aos que reciben a nosa lingua. Neste sentido utilizamos a estratexia de ofrecer unha primera imaxe positiva e fermosa do galego. Se o noso idioma entra polos ollos de moitos internautas que descoñecen o galego, que reciban un impacto visutal moi bo e abraiante que non poidan rexeitar.


Ofrecemos galego e imaxe que axuda a asimilar a sorpresa inicial ante unha mensaxe en un idioma desprestixiado que quizais non sexa do agrado de todos. A imaxe, unha vez vista, resulta difícil de rexeitar. E que acontece se repetimos esas boas mensaxes en galego de xeito reiterado?. Coidamos que esas mensaxes periódicas van sendo asumidas parcialmente polos castelanfalantes. Co tempo o rexeito trócase, en moitos casos, por tolerancia en outra fase. Tolerancia non quere dicir que lean ou escriban en galego, simplemente que xa non se molestan en borrar as informacióis galegueiras. Así pois, o galego escrito xa non lles molesta tanto. Nunha fase futura quizais incluso fagan o esforzó de ler en galego, que xa é bastante para comezar, non si?.


DAMOS UNHA IMAXE FERMOSIÑA.
Hai que vencellas as imaxes galegueiras con temas de interese berciano, casos das tradicióis, turismo rural, fotos antigas, fala popular, arquitectura labrega, toponimia, costumes etnográficas, etc. Que o galego acompañe fotos de interese social é básico. Outro tema é axudar a tomar conciencia colectiva da represión ou coerción que o galego sufriu, por ejemplo durante a época da ditadura franquista, prohibición do ensino galego, falta de oficialidade histórica dos idiomas rexionais, etc. Hai que espertar as conciencias individuais e colectivas, tendo moi claro que estes procesos duran moito tempo e os resultados a curto prazo escasean.


Incluso comentamos que utilizando o galego na internet tamén ofrecemos léxico e sons propios deste idioma. Se un castelanfalante fai o esforzó por ler a palabra VILAFRANCA DO BIERZO, ou por escoitar un viedo galegueiro Forzamos a súa pronuncia galegueira, mentalmente ou coa súa voz. A repetición visual de palabras galegas favorecen a súa asimilación paulatina polos seus potenciais lectores, quizais algúns destes poidan ser neofalantes galegos. Non perdamos pois a esperanza.


O DEBATE DIALÉCTICO SEMPRE FAVORECE O GALEGO.
A presenza do galego na internet obriga aos seus usuarios a debater cos castelanfalantes que rexeitan este idioma. Estas polémicas non soen ser pacíficas porque a mentalidade prexuiceira non deixa razoar ben aos opositores. Os argumentos bilingües priman sempre sobre os que rexeitan o galego. Máis pronto que tarde os opositores recúan ante a argumentación bilingüe. Temos que saber ter paciencia e non perder as formas ante as ofensas que non tardan en chegar, como dicimos, pola falta de razoamento axeitado. A boa estratexia galegueira serve para defenderse ante os contrarios pero tamén ante os que están caladiños, á espreita. Estes tamén participan no xogo dialéctico, hai que telo en conta e pensar en eles, no momento de non perder as formas. Podes convencer, pero se perdes as formas, estás derrotado, non deixes que esto pase pois serás mirado con lupa.


Opinamos que os escritos bilingües son máis modernos que un monolingüismo castelán caduco e trasnoitado. O bilingüismo é un valor social en alza. Hai que aproveitarse das nosas mellores posibilidades lingüísticas. Ademais, esa comunicación galegueira que nos une con Portugal e Brasil é outro punto ao noso favor. Quen pode dar máis!


O Bierzo, xaneiro de 2012.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://www.todobierzo.com/