viernes, abril 19, 2013

PEDALADAS ENTRE OZUELA E VALDECANADA DO BIERZO



PEDALADAS ENTRE OZUELA E VALDECANADA,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es



Outra nova excursión principiamos no pobo de Toral de Merayo/Toural de Meraio.  Nesta ocasión queremos visitar aldeas do sur do concello de Ponferrada, no seu lado montañoso. Tras saír de Toural, agarda a suba suave polo borde do cerro do Castro, cun cumio de 615 metros. Atravesamos a canle de Cornatel que leva auga para o lonxano encoro de Campañana, en Carucedo. Outro cerro das Infantas (692 m.) esixe o noso esforzó colectivo. Despois as paraxes da Lombana e maila Encina. Un caseto amosa bandeiras bercianas cruzadas pintadas por autor anónimo. Neste lugar paramos para desfrutar da panorámica do Bierzo baixo e das montañas de Vilafranca, e para tomar un bo grolo de auga fresca. 


Diante nosa o desvío para a aldea de Orbanallo, baixo o cerro da Mallada. Pero nós seguimos a estrada principal para Ozuela, máis costa e cansanzo. Pero trala volta do cerro do Cueto (760 m.) chegamos á abandonada escola, onde dous cativos saúdannos amablemente. Debaixo da pendurada aldea de Ozuela, a paraxe das Campazas, enriba o cerro dos Peñericos (817 m.). Fermoso o casarío e mellores viciños. Por iso aproveitamos para falar cun habitante coa desculpa da localización da súa igrexa, para despois preguntar polos seus barrios. A confianza do diálogo facilita a crítica contra o viciño brasileiro que ergueu un sebe vexetal que impide a visión panorámica ao noso viciño de atrás. Ás veces habería que regular máis o planeamento urbanistico rural, así como a arquitectura popular, sobre todo nestes conxuntos aldeáns tan aproveitables. Trala cortés despedida seguimos camín polo seu rueiro.



Tiramos fotos das casas pero tamén da paisaxe sen igual. Despois baixamos para o chamado barrio do Río. Rápido descenso por pronunciada pendente de terra. Xa estamos no máis baixo do val do río Ozuela, para atravesalo cruzamos pola ponte vella, cara á outra beira. Agora toca a suba por pista moi enlaimada tralas derradeiras chuvieiras do inverno. En moitas ocasións botamos pé a terra porque o camín empece a axil pedalada. Na corda do val serve para pasar ao outro val do regueiro Valdecañada. Na altura do Cabezo (676 m.), a vista do pobo de Valdecañada, aló abaixo, paga a pena. Imos ao seu casarío ribeirán. Escoitamos os golpes do martelo na madeira. Moitos dos seus viciños aproveitan o domingo para subir ao pobo dende Ponferrada e facer traballos de mantemento das súas vivendas rurais. Valdecañada segue o trazado da súa estrada principal. Entorno a este camín femosas casas, moitas delas moi ben restauradas. Ao final do pobo, a mán esquerda, a igrexa parroquial. 



Saímos do pobo para cruzar pola ponte sobre o río Oza. Diante de nós a suba para a estrada que vai para San Lorenzo. Ese camín ábrese entre os cerros Encinedo (751 m.) e La Peñona (728 m.). Nós non estamos para ese esforzo, así pois, seguiremos o descenso polo val do río Oza. Esta ribeira está chea de arboredo, principalmente chopeiras, grazas a tanta auga do propio río, e despois dos regueiros Valdecañada e Ozuela. Máis adiante pasamos baixo a canle de Cornatelo, que sae dun túnel baixo o monte Paxariel. Por fin ábrese o val co casarío de Toural de Meraio.  Aproveitamos o bar da praza do Nogaledo para recuperar forzas. E rematamos recomendando moito esta viaxe a quen queira encherse de boas sensacióis.



O Bierzo, abril de 2013.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es