O DÍA EUROPEO DAS LINGUAS REXIONAIS
O DÍA DAS LINGUAS EUROPEAS NO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
Polo 26 de setembro os europeos
sentímonos orgullosos de celebrar o Día das linguas europeas. Festa dos
falantes dos idiomas oficiais e tamén do resto de linguas non oficiais.
Recordamos que os estados aprobaron a chamada Carta europea das linguas
rexionais e minorarias. Carta que se executa polos estados de xeito desigual. A
título de exemplo, en España acontece que falantes do mesmo idioma galego non
temos recoñecidos os mesmos dereitos. A saber, os falantes de galego no Bierzo
somos considerados de segunda categoría polo ordenamento lingüístico español. E
así é por mor dun lindeiro administrativo que afasta Galicia e O Bierzo nos
niveis provinciais e autonómico. O poder político ben sabe dividir certas
comunidades culturais, coa axuda do seu dereito lingüístico, para no fondo
devalualas e rematalas.
A
seguir queremos reflexionar sobre o ativismo político contra das linguas
minorizadas. No Bierzo ben sabemos disto trala longa experiencia de séculos.
Sen embargo, imos deternos nas últimas décadas para atopar exemplos das
dinámicas antigalegas. Quen non recorda cando se recoñeceu o galego no Estatuto
de autonomía de Castela e León no ano 1999. Daquela o leonesismo político e cultural
protestou porque o galego non existía no Bierzo, senón o súa fala galegoleonesa que agora estaba ameazada por
un idioma foráneo. Logo aconteceu a execución da materia de galego voluntario
nos centros escolares do Bierzo (2002). De novo o leonesismo atacou este avance
pedagóxico porque se trataba dunha colonización cultural, dunha imposición
lingüística galega, etc. Ante a demanda de miles de alunos bercianos por esta
nova opción lingüística, calaron as acusaciois cazurras paseniño. A upl máis
antigalega maniféstase na súa proposta de supresión do galego no Estatuto de
Castela e León (2005). Co recoñecemento expeso do galego no articulado da Lei
da Comarca do Bierzo (2010) tivemos que soportar novos ataques do outro lado do
Manzanal.
O
leonesismo dedica tódolos seus esforzos políticos en atacar o galego. Mentres a
súa lingua leonesa esmorece e non consegue os avances do galego no Bierzo
(recoñecementos legais, ensino, prestixio lingüístico, dixitalización, difusión
televisiva…). Resulta que a dinámica política leonesista non ten xeito. Temos
máis exemplos. Cando se formula a proposta de establecer sinais de tráfico en
galego no Bierzo, novos ataques da upl (2023). Pouco depois, neste ano 2025, a
upl pide sinalización en leonés nas autoestradas e carreteiras autonómicas nas
entradas á súa rexión leonesa. Qué ben!, sinalización en leonés si, mais non
para a sinalización en galego no Bierzo. A coerencia cazurra sempre está mui
presente no seu ideario político.
Reparamos
agora en que a linguaxe é a expresión do pobo e tamén do poder, polo que pode
ser expresión de ideoloxías concretas. Todos ben sabemos como se manipula a
linguaxe con intenciois comerciais, relixiosas ou políticas para divulgar concretos
relatos interesados. Os políticos fan iso coas linguas. Na Constitución
española, no seu artigo 3, hai referencias á lengua castelá, as linguas
oficiais e as otras modalidades lingüísticas. Se o galego do Bierzo non é
oficial, será unha modalidade lingüística?. Cando se pretende a xerarquización
lingüística pois se provocan extrañas consecuencias. No Estatuto de autonomía
de Castela e León temos o artigo 5. Nel hai referencias ao castelao, presente
nos “ámbitos educativo, administrativo y cultural”. Este mesmo recoñecemento
non acontece para “la lengua gallega”, mentres que o leonés resta coa
indeterminación ídiomática (lingua, dialeto ou fala?). En fin, de novo a forzada
xerarquización lingüística provoca desfeitas legais.
No
mes de setembro do hogano tivemos a visita en Ponferrada do deputado de cultura
da Deputación de León. Este político upeleiro foi quen tivo a iniciativa de
defender a súa identidade leonesa fronte ás presuntas manipulaciois e
desinfomaciois dos medios de comunicación de Castela. Pois ben, comentando a
presenza do idioma galego no Bierzo declarou, através da rede social Facebook,
que “claro que sabemos que falais un dialecto galego, pero tamén un dialectos
astur-leonés” (18 setembro). Para este político leonesista no Bierzo non
falamos o idioma galego senón o dialeto galego, coa súa intención de
desprestixiar nosa lingua. El semella saber máis cós filólogos cando estes se
refieren ao idioma galego do Bierzo. Os filólogos de hoxe, sexan galegos,
asturianos ou bercianos defenden a existencia de tres linguas na rexión
berciana. Por suposto que houbo estudosos que teimaron na singularidade teritorial
berciana, na súa mestura lingüística, divulgando expresios mui localistas. Son
os casos de Antonio Fernández y Morales (dialecto berciano, 1861), Francisco
González González (“un nuevo producto hablado, el berciano”, 1983) ou Jesús
García Garcia (berciano, 2011).
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home