lunes, agosto 18, 2025

OS LUMES CONTRA A POLÍTICA FORESTAL

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


LUMES CONTRA POLÍTICA FORESTAL,

Por Xabier Lago Mestre.

Levamos semanas de fortes lumes forestais no Bierzo. A reación cidadá está nas rúas, nos medios de comunicación e nas redes sociais ben acendidas. Así podemos escuitar de todo o imaxinable. En resumo muita indignación popular sen precedentes, xa que hai mortos, feridos e perda de moradas e patrimonio medioambiental por doquier. Dende logo que as opiniois dixitais e mailas concentraciois cidadás son un desafogo ante tanta desfeita.

                Podemos ter en conta as condiciois meteorolóxicas tan adversas con muita calor e fortes ventos. Pola outra banda, hai graves acusaciois aos políticos de nefasta xestión (redución do financiamento, menos brigadistas, mala prevención…). Quizais antes non se valorara tanto a política medioambiental das administraciois, agora ben, cando hai unha catástrofe como esta todo son opiniois negatívas para todos. Ninguén ten a solución mais podemos achegar propostas de mellora.



                No Bierzo sempre houbo lumes forestais. Uns por causas naturais (tormentas) e tamén por causas humanas e agrícolas. Cando o traballo da terra era fundamental para vivir na nosa rexión, a ordenación territorial era primordial por parte dos concellos rurais. Así, xunta as localidades existían os hortos con frutais, tamén cortiños con labradío de traballo acotío. Nas ribeiras dos ríos e regueiros estaban as tabladas ben cultivadas para hortalizas, patacas, etc. Nas zonas húmidas había pradoiros e lameiros para pastos do gando e colleitas de herbas. Tamén os liñares para facer fibras textiles.

                Seguimos polos cordais interfluviais que eran cultivados con cereais, deixando descansar as terras cos poulos. Na zonas máis altas e menos ricas facían os concellos rozas de matogueiras, cavadas e queimas, coñecidas coma searas e bouzas. Velaí, trala preparación da terra, novos pastos para o abondoso gando. Estas queimas estaban ben controladas polos concellos, regulamentadas nas ordenanzas, e había reparto axeitado da agra de cereal entre a veciñanza.



                Por suposto existían as matogueiras coma hoxe, de uceiras, carqueixas e xestas, mais eran ben aproveitadas para pastos, cama dos animais e combustible dos fogares. O arboredo estaba organizado por zonas, carballeiras, soutos de castaños, bosques de ribeira, etc. Tamén a súa explotación era regulado nas ordenanzas concellís. O concello organizaba as veceiras de gando para levalo aos pastos escollidos e delimitados. As vacas e bois polos mellores pastos das morteiras, as ovellas e porcos a outros coutos, e cabras aos máis rocosos cavorcos. Reparamos nas zonas altas cos portos, brañas e alzadas que durante séculos foron arrendadas a rabaños de meiriñas de Estremadura e Castela.

                En fin, durante séculos os concellos rurais organizaron ben a explotación do medio natural. Por desgraza agora carecen de medios para facelo por mor do despoboamento, baixos prezos agrarios e gandeiros e dos atrancos burocráticos. Hai numerosas queixas da veciñanza porque non se lles permite certa xestión do rural, casos das rozas, entresacas, apertura de caminos rurais, etc. A Consellería de Medio natural coa súa burocracia desincentiva a xestión parcial dos concellos. O curioso é que os que máis coidan do medio rural, os concellos e a veciñanza, están fóra da xestión medioambiental, e as decisiois son tomadas por urbanitas de Valladolid ou León.



                Convén unha nova política medioambiental que conte máis cos concellos rurais. Hai un tema mui importante referido á queima de localidades por mor dos lumes sen control. Non sería lóxico que os concellos tivesen autorización plena para rozar e limpar o entorno máis inmediato dos seus casaríos. O primeiro é defender as vivendas da veciñanzas, que algúns aínda se abraian das resistencias locais ante os desaloxos forzados da Garda civil. Coa creación deses espazos de seguridade para as localidades de montaña, xestionados polos concellos, evitariamos os perigos actuáis. Xa dixen que ninguén ten a solución a este problema dos lunes, mais hai que sentar a tódalas partes para negociar posibles respostas futuras. Por desgraza dependemos das decisiois tomadas en Valladolid, mui lonxe do Bierzo e das súas xentes. Políticas que procuran desviar medios económicos para outras políticas con máis réditos eleitorais. No rural merman os votos e perdemos poder. Non estaría mal reforzar as competencias medioambientais do Consello comarcal para permitir máis traballo preventivo nos meses estivais tan perigosos.

O Bierzo, agosto de 2025.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es