CHEGA O BIERZO VIÑATEIRO XA.
CHEGA O BIERZO VIÑATEIRO,
Xabier Lago Mestre.
No mes de setembro o campo
berciano recupera o seu protagonismo. Trala recollida das mazás e as peras das
nosas denominaciois de orixe, chega a vendima. Atrás restan as preocupaciois
das colleitas (chuvias, xeadas, prezos das vendas…). As vilas máis viñateiras
recuperan a vitalidade agrícola, coma sempre Cacabelos, Vilafranca, Viladecaes,
os Valtuilles, Los Barrios, etc. Lóxicamente os tempos mudan, estamos no século
XXI onde a tecnoloxía xoga un papel fundamental. Mais a cultura viñateira vén
de ben lonxe, quizais cos romanos, e sabemos da importancia dos mosteiros no
desenvolvemento das viñas bercianas. Nesta ocasión queremos facer mención
á Idade moderna porque temos muita
información documental.
Por
suposto, os grandes propietarios da terra eran os mosteiros, casos de
Carracedo, Espiñareda e Montes. Estes cedían as súas terras aos vasalos,
solaregos e labregos en xeral para faceren determinados cultivos através de
contratos de foros, casos das viñas. Nestes contratos establecíanse as obrigas a cumprir polas dúas
partes. Por suposto, nesta desigual relación os señores sempre se levaban a
mellor parte dos beneficios das colleitas. A renta a pagar era fixa nun longo
período de tempo, agora ben, se había malas colleitas, polas sucesivas crises
agrarias, o labrego tiña a obriga de pagala sen desculpas o que provocaba o seu
endebedamento económico.
Outro
aspecto a ter en conta era o protecionismo económico que había nos séculos da
Idade moderna. Así por exemplo, os concellos das vilas aprobaban ordenanzas do
viño. Nesta normativa local regulábase todo o relacionado co viño. Establecíase
o aceso ás viñas, os tempos de vendima, o rebusco de restos, o peche de viñas,
traballo de xornaleiros, entrada de viños de fóra, prezos de venda, etc. Por
suposto, os grandes viñateiros organizáronse para a defesa dos seus intereses
económicos, así xurdíu o gremio de viñateiros de Ponferrada ou a xunta de
viñateiros de Vilafranca. Estes grupos procuraron controlar o poder políticos
dos seus concellos para fixar unhas ordenanzas locais do viño que lles
favorecían claramente. Neste sentido empeceron a entrada de viños foráneos nas
súas vilas porque poderían prexudicar a venta dos seus. Os grupos de grandes
viñateiros controlaban as produciois de Ponferrada e Vilafranca, mais tamén das
aldeas da súa contorna e de máis aló. Así non deixaban meter viños dos
Valtuilles, Viladecais, Los Barrios ou Valdeorras.
Non podemos pasar por alto o tema dos variados traballos que se executaban nas viñas da provincia do Bierzo na Idade moderna. Esas labouras agrícolas eran mui diversas ao longo do ano. Así temos as dúas podas de xarmentos (chapodar e poda en verde), as cavas (unha en marzo e outra en final de primavera), o abonado, a planta de bacelos (probainas de viñas novas), apostar vides (enrodrigar), entrechantar cepas, tirar as malas herbas, os tratamentos (azufre e sulfatos), a vendima da colleita, os tranportes en carros (carrexar) e cabalerías, a pisada das uvas nos lagares ou cos lagares de madeira, fabricación de mostos e oruxos en adegas, os coidados bodegueiros, as vendas, etc. Canto traballo había nos lagares, con esas grandes vigas que prensaban as uvas na lagareta, eses fusos e contrapesos de pedra, o mosto saíndo para o pilo, os procesos de maceración e fermentación, o trasego de mostos a depósitos, logo os caldos nos cubetos e toneis, etc.
Os procesos viñateiros descritos n antiguidade non estaban mecanizados coma hoxe. Agora ben, unha cousa era clarexa, necesitaban de muita man de obra de xornaleiros. Velaí que nas xeiras de traballos agrícolas chegasen ao Bierzo xentes de fóra na procura dun salario extra. Inmigrantes galegos viñeron á provincia do Bierzo durante os séculos da Idade moderna, segundo a documentación histórica. Foron tantos os inmigrantes galegos que deron lugar a muitos problemas (mendicidade, roubos, medre de poboación, etc). Os correxidores de Ponferrada ditaron sucesivos autos de bo goberno para controlar a súa estadía na vila do Sil. Nos Barrios de Salas tamén aprobaron ordenanzas sobre os xornaleiros da viñas desas tres localidades (J.D. Rodríguez Cubero). Así sabemos que houbo desacordos entre patrois porque os máis ricos ofrecían mellores salarios e atraían a traballadores doutras viñas. Por iso se fixaron os salarios, para evitar competencias problemáticas, “no les paguen más de dos reales a cada uno por día”. Ademais, desputaron polo tema dos xantares dados aos xornaleiros. Os propietarios das viñas acordaron dar unha soa comida frugal nas mesmas viñas, e sen levarlles ás adegas. Esa comida contiña viño moderado, cecina, carne ou peixe e non pan, e dábase no xantar e na cea (ano 1601).
Por
suposto, a ampla provincia do Bierzo era varíada a nivel agrícola. Na zona
montañosa predominaban os terreos gandeiros (brañas, alzadas, morteiras…),
ademáis dos cereais (searas, e bouzas). Mentres que O Bierzo chairego se
especializou nas viñas na procura da produtividade e dos mellores prezos
agrarios. As conxunturas económicas (crises agrarias, demandas, prezos…)
condicionaban os cultivos coma hoxe. Agora tamén as políticas europeas
determinan os cultivos e non digamos nada dos prezos fixados polas bolsas
internacionais. Ben, na segundo metade do século XVI houbo un exceso de plantaciois
de viñas e escaseza de pan. Isto provocaba un aumento da demanda de pan, polo
que medraron os prezos do pan, e muitos non pudieron págalo para alimentarse.
Ante a protesta social a Coroa acordou executar unha política económica
restritiva para as novas viñas. O correxidor de Ponferrada foi o encargado de
facer as infomaciois ao respeito, executar o mandato real e multar a quen
plantaba novas viñas. Dos interrogatorios á veciñanza podemos dicir que para
uns non había tanto exceso de viñas e que non faltaba pan, mentres outros
defendían a postura contraria. Non podemos pasar por alto os conflitos de
intereses entre os viñateiros da rexión que non querían a competencia das novas
plantaciois. Os grandes viñateiros defendían o seu control, de plantaciois,
produciois e prezos vinícolas. Cavilemos
en que nesta xeira non existía librecambio económico senón protecionismo local,
regulado polos gremios, caso dos maiores viñateiros e as oligarquías dos
concellos das vilas.
O Bierzo,
setembro de 2025.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home