martes, octubre 07, 2025

AQUELES IRMANDIÑOS DO BIERZO.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL
LIBRERIAS SIMON Y QUIÑONES.


AQUELES IRMANDIÑOS DO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

Chegan os irmandiños do Bierzo mediante unha nova recreación histórica coa toma do vello castelo de Ponferrada. A posta en escena de semellante escenografía ben que atrae a numeroso público. O relato histórico que nos queda lóxicamente é parcial porque prima a teatralidade. Velaí a luita entre caballeros señoriais e mailos irmandiños populares. Por iso quizais conveña profundar na historia deste conflito antiseñorial achegando datos descoñecidos para a meiande parte dos bercianos.

                A chamada revolta popular irmandina tivo lugar nos anos 1467 a 1469. O contexto histórico estaba dominado polo réxime señorial, onde as clases privilexiadas, a saber, grandes señores laicos e eclesiásticos controlaban as súas terras e seus vasalos. Por suposto, os señores competían entre sí de xeito belicoso, ademáis de presionar aos seus vasalos cunha forte imposición fiscal e xurisdicional. Son tempos en que a Coroa de Castela estaba en crise porque distintos pretendientes competían polo trono. A todo isto había que engadir as malas conxunturas económicas, crises agrarias, desastres climatolóxicos (chuvias, xeadas, secas…). En fin un ambiente social mui conflitivo de luita interclasista.



                Polo que se concreta no Bierzo, eiquí había varios grandes señores (conde de Lemos, conde de Benavente, marqués de Astorga…) que pugnaban entre eles. No caso concreto do Lemos, a documentación histórica lemos, “conocio al dicho conde ser ombre muy poderoso e mandava e señoreava toda esta provincia del Vierzo”. Señoreaba, é dicir, gran abusador desta rexión. E isto era así porque nin a Coroa nin os poderes eclesiais (bispados ou moásticos)  podían enfrontarse ao seu poder militar, e muito menos os vasalos propios ou alleos.

                Como ben podemos supoñer, non temos muitos documentos históricos que relaten estes acontecementos irmandiños. Agora ben, sabemos o que acontecera nas terras do mosteiro de Espiñareda, onde había un grupo irmandiño, “estando el concejo, juez e omes buenos de terra de San Andrés d´Espinareda, paresçio don Ares, abbad del dicho monasterio de Sant Andrés, et dixo que como mejor podía e devia como señor de la dicha terra requeria et defendia a los dichos consejo e omes buenos que non entrasen en la hermandad sin su licencia e que presto era de faser e dar licençia para todas las cosas que fuesen servisyo de Dios, e de nuestro senor el rey et de su monasterio e del señor conde de Lemos”. Vemos a preocupación do abade porque os vasalos non se integren na irmandade sen a licenza dos señores en xaneiro de 1467.



                Por suposto, os irmandiños bercianos tiveron a forte oposición dos grandes señores locais (laicos, monásticos e eclesiásticos) que veían un certo perigo nas demandas populares de maior xustiza social ante tantos abusos dos poderosos. Ademais reparamos na persecución que os irmandiños galegos fixeron ao conde de Lemos até chegar fronte o seu castelo de Ponferrada. Podemos dicir que houbo dúas colunas irmandiñas, unha entrou polo porto do Cebreiro, e que atacou os castelos do val de Valcarce (Serracin, Valboa e Corullón). Outra vangarda irmandiña atravesou Valdeorras, onde derrubou os castelos do Castro (O Barco) e O Bolo, para logo continuar posiblemente contra os castelos de Lusío, Pena Ramiro, Pena Vellosa e Cornatelo. O que se confirma é que os irmandiños cercaron a fortaleza de Ponferrada, polo que o conde de Lemos tivo que fuxir para terras leonesas.

                Os comandantes irmandiños eran case sempre fidalgos descontentos cos abusos da alta nobreza. No Bierzo temos o caso da rebelión do señor de Arganza que foi saeteado por orde do conde de Lemos e os seus bens confiscados e cedidos (fialdados) para outro seu criado. Sabemos que o conde de Lemos foi con vilegos de Cacabelos, Vilafranca e Ponferrada para Madrigal das Altas Torres (Avila), á xuntanza da Santa Irmandade de Castela (febreiro de 1468). Eiquí pedíu  axuda contra os irmandiños bercianos e obtivo unha resolución para que os rebeldes depuxeran as armas e non atacasen os seus castelos. Está clarexo que o conde de Lemos contaba con apoio nas principais vilas do Bierzo, e posiblemente menos nas zonas rurais, casos de Espiñareda, Arganza e  Carracedo. Por outra parte, dicir que os territorios estremeiros do reino de Galicia apoiaron a rebelión irmandiña, exemplos das bisbarras de Navia, Burón e Seabra. Nesta comarca houbo unha forte represión polo conde de Benavente con incluso a queima dunha localidade proirmandiña (Cobreros), o cal señor “mando poner fuego al lugar, y que todo se quemó y que quedaron perdidos” (Isabel Beceirro Pita).



                Por suposto, as forzas señoriais, ante o forte empuxe irmandiño, sufriron a retirada das súas posesiois. O conde de Lemos pasou para León onde vendeu as súas xoias na xudería e poder pagar un exército mercenario. Así o contraataque señorial estivo comandado polo conde de Lemos dende León, Ponferrada até Lugo. Outra fronte señorial viña dende Salamanca cos Fonseca e conde de Benavente pola Seabra. Foron mui importantes as negociaciois interseñoriais, caso do conde do Lemos co seu inimigo, o futuro marqués de Astorga.  O conde recoñeceu que se viu forzado nesta alianza estratéxica, “haría donación (de Chantada e Sarria) quel marques le pedía por librarse de el y que cesasen las armas, mas que la haría forçado y contra su voluntad”. Todo fora por acadar a unión señorial conxuntural contra dos irmandiños. Estes, co seu voluntarismo propio das tropas populares, pouco puideron resistir ante os varios exércitos señoriais, profesionais e ben organizados.

                Trala derrota militar irmandiña, o poder señorial forzou a represión de varias formas. Hou execuciois, castigos, encarcerementos, confiscaciois de bens e traballos forzados (serventías). Estes últimos consistion por exemplo na reconstrución dos castelos derrubados, “e vido que para haser la fortaleza de la villa de Ponferrada traya los ombres de las abadyas, así como de San Pedro de Montes e de Santa Marya de Carrazedo e de Sant Andres de la Espinareda, e los trya para la dicha fortaleza e les mandaba como a sus vasallos”.



                Por mor dun preito señorial entre vasallos e maila abadía de Carracedo (1513), os primeiros alegaron que o conde de Lemos creou novos impostos agrarios, “quando las hermandades del Vierzo despues volvió, avya empuesto estos quartos e quintos en los lugares de la abadia y términos de Faveiro y campo de Naraya”. Curiosamente, a imposición dos ditos quintos por roturar novas terras tamén foi obxeto de preito en Castro Caldelas contra dos condes (1523). O conde de Lemos tamén foi acusado por crear localidades en territorios que non eran seus, casos de Fontes Novas e Campo xunta Ponferrada).

En fin, os poderes señoriais impuxeron finalmente a súa parcial xustiza aos vasalos derrotados. E a alta nobreza voltou a guerrear entre eles, como o conde de Lemos contra o conde de Benavente pola hexemonía na Galicia oriental. Sen embargo, unha nova xeira estaba a piques de comezar. A sucesión no condado de Lemos, a decisión real de dividir o dito condado, a rebelión señorial contra a Coroa (1485 e 1507) e certas sentenzas contrarias provocaron a derrota dos Lemos. Os Reis católicos tomaron o control do Bierzo, creando a provincia, fixando a súa capital en Ponferrada, establecendo correxidores reais e executanto a súa xustiza real. Non gañaron os irmandiños mais de seguro que muitos deles tiveron o consolo de ver o novo asentamento do poder real no Bierzo.

O Bierzo, outubro 2025.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es