A ORIXE MEDIEVAL DA LINGUA ESCRITA GALEGA-BERCIANA
A ORIXE MEDIEVAL DA LINGUA ESCRITA GALEGA-BERCIANA,
Por Xabier Lago Mestre, de Fala Ceibe do Bierzo.
Por Xabier Lago Mestre, de Fala Ceibe do Bierzo.
Cada vez máis medra a análise histórica da lingua galega superadora dos lindeiros político-administrativos. Queremos dicir que a lingua galega non entendía na Idade Media de lindeiros entre reinos, por iso xorde en Asturies, O Bierzo e A Seabra. No libro Na Nosa Lyngoage Galega. A emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media, editado polo Consello da Galega (2007), atopamos varios artigos sobre a orixe da lingua galega escrita.
A lingua culta da época medieval foi o latín pero paseniño xorde a presenza das linguas vulgares, como así comprobamos na documentación monástica. Temos domentos como a Noticia de Kesos, da despensa de S. Justo e Pastor en Rozuela, escrito en 980, xa con expresióis en leonés. Tamén salientamos o Tratado de Cabreros, de 26 de marzo de 1206, entre os reis Afonso VIII de Castela e Afonso IX de León, con versióis en leonés e castelán, “para evitar distensións entre os cristiáns nesta época (…)” (Elena Rivas, p.235). Pero os estudosos precisan o ano 1230, data da unión das coroas de León e Castela con Fernando III o Santo, cando se prioriza o castelán nas políticas lingüísticas e de feito pasa a ser o idioma oficial das institucióis reais (Corte, Chancelería…).
Os grupos poderosos da Igrexa, Coroa e nobreza, educados en latín, tomaron partido por este idioma culto para controlar os códigos escritos. Pero precisan facerse entender polos sectores dependentes que o descoñecen, velaí a necesidade de recorrer ás linguas populares (castelán, ástur-leonés, galego, catalán, éusquero…), máis achegadas ás falas das respectivas rexióis. Entre eses idiomas vernáculos os poderosos optan polo castelán fronte aos demais. O rei Afonso X o Sabio (1252-1284) consolida a tendencia de introducción do romance castelán nas escrituras, proceso cofificador que xa principiara o seu pai, Fernando III o Santo. Pero tamén o castelán amosaba certas variedades dialectais rexionais (burgalés, leonés e toledano). Ante esta problemática alguis investigadores defenden a opción de Afonso X polo chamado modelo toledano, pero outros discrepan de esta teoría (Emilio Montero, 213).
Documentos xurídicos que tiñan unha influencia directa sobre as persoas, caso dos foros locais, feitos en latín son traducidos ás linguas romances para a súa mellor comprensión xeral. Temos o Foro do Burgo de Castro Caldelas, concedido por Afonso IX en 1228, escrito enteraimente en galego. Neste caso “os axentes de innovación –o grupo de veciños de Caldelas que solicitan o foro, escribán que redacta, responsables da chacelería que validan, e no caso, o propio monarca- puideron tomar exemplo dunha experiencia coñecida que fose verificada nunha variedade romance próxima (por caso, o leonés ou o castelán) (…)” (Henrique Monteagudo, 305). No Bierzo atopamos a Carta foral de Vilafranca, elaborada por la Chancelería de Afonso IX, con data de febrero de 1192, con “traslación al romance gallego” durante el reinado de Afonso X, segundo as palabras súas de Justiniano Rodríguez (Los Fueros del Reino de León, p. 164).
En territorios fronteirizos, tanto en Galiza coma no Bierzo, hai claros intercambios lingüísticos e documentais. Así podemos atopar “marcas leonesas nestes textos facturados en Galiza (textos ´galaico-leoneses`), da mesma maneira que na documentación dos mosteiros estremeiros batemos a miúdo con trazos inequivoamente occidentais” (Ricardo Gutiérrez, 132). Nas rexióis veciñas comentadas existían varios idiomas en contacto, de difícil diferenciación xeográfica e filolóxica pois estaban nun proceso inicial de configuración. Había un continuum interlingüístico medieval, entre o galego oriental “coas variantes leonesas e coas que se habían de converter en normais no espazo castelán” (Rosario Álvarez, 395).
Os mosteiros de Carracedo, S. Pedro de Montes e San Andrés de Espiñareda, aproveitando a súa situación estratéxica entre dominios idiomáticos, presentan documentación con caracteres galego-bercianos e ástur-leoneses en estadíos iniciais. De todos os xeitos, tamén hai que ser crítico con esta documentación monástica porque non se pode pasar por alto a intervención alteradora dos copistas posteriores; caso da copia manuscrita en 1792 no Cartulario de Sta. Mª de Carracedo, “polo tanto, non debemos deixar de pensar na man do copista tamén nestes textos (…)” (Raquel Rodríguez, 411).
Rematamos cunha relación de documentos dos mosteiros bercianos manexados neste libro. “Tereixa Fernández e Maior Fernández, co seu pai Fernán Pérez, véndenlle a don Fernando, abade de San Pedro de Montes, as súas propiedades alén do río sil, en Vilacideira e no Fabeiro” (Tombo de S. Pedro de Montes, maio de 1256), “Don Xoan Johanis, arcipreste, dálle ao mosteiro de S. Pedro de Montes as propiedades que posúe en Vale e Castrelo” (S. P. Montes, novembro de 1253), “García González dóalle ao mosteiro todas as súas herdades de Fombasallá, Cela, Parada e outros lugares, estando prisioneiro nas Torres de León” (Cartulario de Carracedo, xuño de 1251), “O abade do mosteiro de Espiñareda, concédelles foros aos poboadores de Otero de Langre” (Tombo S. Andrés de Veiga de Espiñareda, xuño de 1256).
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home