CARTA ABERTA Á EXECUTIVA DA MESA.
CARTA ABERTA Á EXECUTIVA DA MESA,
Por Xabier Lago Mestre, de Fala Ceibe do Bierzo.
Por Xabier Lago Mestre, de Fala Ceibe do Bierzo.
A Comunidade Autónoma de Galiza e a rexión estremeira do Bierzo comparten a mesma lingua dende a Idade Media. O lindeiro político-administrativo entre ámbolos dous territorios empece unhas relacióis totalmente normalizadas entre os seus falantes. No século XXI vai sendo o tempo de rachar un chisco máis cos efectos negativos dese lindeiro afastador. Para acadarmos ese obxectivo o protagonismo dos falantes é fundamental. Os falantes debemos tentar normalizar as relacióis culturais e lingüísticas malia do atranco que supón o lindeiro.
Unha problemática especial que mos é a existencia de certos prexuízos sociolingüísticos contra do galego (invasión cultural, impotesición da normativa allea, ataque ao dialectismo e demais). Prexuízos que derivan en parte dunha ideoloxía política uniformizadora que emana da pertenza á Comunidade Autónoma de Castela e León. Así se deduce que en Castela e León só existe o idioma castelán, mentres que a lingua galega é de Galiza. Deste xeito os lindeiros político-administrativos separan falantes de distintas linguas, sen ter en conta a xeolingüística histórica.
O grave disto é que os prexuízos lingüísticos afectan tamén aos propios colectivos progaleguistas do Bierzo. Asociacióis que amosan carencias que condicionan o seu activismo: debate inconcluso do dialectismo, exceso de localismo, falta de cooperación, carencia de recursos económicos que forza á procura de subvencióis, baixa reivindicación polo medo a la reacción social e mediática, miniasociacióis, etcétera.
Fala Ceibe do Bierzo leva 10 anos de vindicación lingüística cun balance de máis acertos ca erros, todo hai que dicilo. Por iso cremos que hai que trocar de rumbo, novos tempos son chegados!. Sempre procuramos ser vangarda, progreseira e de esquerdas, e agora queremos dar exemplo con outra estratexia. Pretendemos rachar con eses prexuízos que empecen a unidade de acción total entre Galiza e O Bierzo, mediante a implantación dunha organización de Galiza no Bierzo, neste caso a Mesa de Normalización Lingüística (MNL).
A acción reivindicativa da MNL no Bierzo tería rexeito inicial por mor dos ditos prexuíxos da poboación. Pero será unha forma máis de loitar contra eles, co exercicio dunha vindicación lexítima e de vangarda. Deste xeito o lindeiro político-administrativo que afasta Galiza e O Bierzo sería asaltado acotío para abraio de moitos prexuizosos.
A Executiva da MNL debe ter presente que as problemáticas sociolingüísticas en Galiza e O Bierzo tamén son diferentes. No caso berciano, condicionadas en parte polo contexto político (dependencia doutras institucióis), territorial (noutra Comunidade Autónoma), cultural (rexión galego-falante só no occidente) ou mediático (mass media que non admiten o galego). Por iso cómpre a creación dunha estrutura organizativa desconcentrada, concretada na formación da Zona do Bierzo, capaz de adaptar o seu funcionamiento específico ás peculiaridades deste rexión estremeira.
Este novo reto estratéxico esixe atrevemento vindicativo por parte da Executiva da MNL para dar un paso adiante. A unión de acción que propoñemos beneficia moito. O asalto ao lindeiro político-administrativo é necesario para a protección e mailo fomento do galego nos territorios estremeiros das Portelas da Seabra, Navia-Eo e O Bierzo. Neste caso O Bierzo toma a iniciativa coa esperanza de abramos unha corredoira para os demais. A unión fai a forza!!
O Bierzo, setembro de 2009.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
www.partidodelbierzo.com
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home