REVOLTAS CONTRA O MOSTEIRO BERCIANO DE CARRACEDO (2ª PARTE)
REVOLTAS LABREGAS CONTRA O MOSTEIRO BERCIANO DE CARRACEDO (2ª PARTE)
por Xabier Lago Mestre, Pte. Fala Ceibe do Bierzo.
Chegou a sentenza, o 4 de xuño de 1513, favorable ao mosteiro de Carracedo. Pero os vasalos retoman o preito en 1523, anos despois da revolta das Comunidades de Castela, cun novo fallo en contra en noviembre de 1524. As resistencias dos vasalos continuaron nos preitos de 1626 e 1697, instados por Camponaraia e Naraiola, polos quartos e quintos que esixía o mosteiro ao roturar novas terras, por certo as sentenzas foron outra vez en contra dos intereses labregos. Temos que ter moi presente que o sistema de dependencia señorial estaba plenamente artellado, a nivel socioeconómico, político e xudicial, o cal deixaba pouca marxe de beneficio para os intereses dos vasalos bercianos.
En 1802 sabemos da entrega polo concello de Camponaraia de 2 carros de leña por dereitos de señorío ao mosteiro de Carracedo. “Las regalías a que el concejo y vecinos de el, se le contribuye annualmente co dos carros de leña, y asimismo que a la persona que elije juez de veintenas, no se le recargue con ningún oficio ni cargo concejil, y guarden las exenciones que siempre ha disfrutado (…)”. Camponaraia resístese a pagar esa gravosa carga señorial e amósase contrario a recoñecer ese xuíz de veintenas, nomeado polo abade. Indica o historiador Jose A. Balboa de Paz que “pese a las sentencias desfavorables, Camponaraya nunca daría su brazo a torcer, lo que posteriormente provocará los graves enfrentamientos, ya descritos, en los aciagos años de la Guerra de la Independencia; momento que aprovecharán muchos otros pueblos para intentar sacudirse el dominio de Carracedo” (El monasterio de Carracedo, 1991).
Sabemos tamén que o cenobio berciano estableceu unda Xunta da Jurisdición e Abadía de Carracedo da que formaban parte representantes de todos os concellos do señorío. A de 1804 estaba composta polo gobernador justicia maior ordinaria da dita vila e xurisdición, o rexidor decano dela, rexidor de Naraiola, deputado de Camponaraia, procurador de S. Andrés de Montejos, rexidor de Vilaverde, rexidor de Sorribas, rexidor de Vilamartín, deputado de Paradela do Río, deputado de Sobrado, rexidor da Barosa, deputado de Lago, rexidor de Campañana, deputado de Carucedo, alcalde pedáneo de Covas e veciño de Naraiola.
Durante a Guerra da Independencia quéimase o arquivo do mosteiro, o cal deixa sen argumentación documental a posesión de terras e dereitos señoriais de Carracedo. Á vez isto favorece parcialmente as pretensióis dos concellos e vasalos. Así Vilaverde, Devesas e Viladepaos resístense a pagar réditos de fincas que o mosteiro alega estaban aforadas ao seu nome, polo que o preito se substancia na Chancelería de Valladolid.
O alcalde pedáneo d Camponaraia, Fernando de Rivera, e os veciños asaltaron a casa do prior, o 4 de setembro de 1813, provocando graves destrozos nas reservas de cereal do celeiro e viño da adega, ademais de destruír o arquivo, polo que desapareceron o libro cobrador e os memoriais de débedas. Claro ataque labrego ao principal símbolo do poder señorial do mosteiro de Carracedo no priorato de Camponaraia, o seu arquivo e os seus libros de pagos e impagos de rendas. O prior, nesa revolta popular, foi montado nunha bestia e expulsado do logar, “lleno de consternación, terror y espanto, con el rostro cubierto de sangre (…)”, así como outro freire vello. Segundo a documentación o dito pedáneo foi un dos promotores do concello constitucional de Carracedo, e instigou ao pobo “en el más encandaloso despotismo y tiranía (…)”. Para poñer orde tivo que vir o propio corrixidor de Ponferrada cos seus soldados, os cales foron recibidos con agasallos polos monxes. En 1815 parece que Camponaraia volve á tranquilidade (tirado de Pegerto Saavedra, “La economía del monasterio de Carracedo, ca. 1700-1834”, 2003).
O profesor Juan M. Bartolomé Bartolomé nos informa que os concellos de Carracedelo, Carucedo, Vilaverde e Naraiola se queixan, en 1842, de que aínda teñen que seguir pagando os vellos dereitos señoriais, pero neste caso á Facenda pública. Anos despois, en 1847, eses preitos seguen sen sentenza, e en 1849 únense a eses contenciosos Vilamartín e Carracedo ante a Audiencia de Valladolid. Os conflitos continúan polos dereitos de pastos nas antigas posesióis do mosteiro de Carracedo, que son declarados bens nacionais desamortizados polo novo Estado Liberal. Os concellos bercianos intentan recuperar eses pastos, caso de Carracedo en 1844, que reclama a preferencia no dereito de remate, ou Naraiola en 1849 que demanda o dereito a apacentar os seus gandos en monte do suprimido mosteiro berciano (“La problemática concejil en El Bierzo…” 1998).
O Bierzo, setembro de 2009.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.partidodelbierzo.com/
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.partidodelbierzo.com/
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home