miércoles, abril 14, 2010

ADEUS AO DIALECTO BERCIANO, DEICA OUTRA!


¡ADEUS AO DIALECTO BERCIANO, DEICA OUTRA!,
Por Xabier Lago Mestre, colectivo Fala Ceibe do Bierzo.



Os bercianos e as bercianas somos tan nosos que ás veces non valoramos coa obxectividade necesaria a realidade cultural. Isto mesmo acontece co tratamento axeitado da presenza da lingua galega na rexión do Bierzo. Os que se chaman defensores do dialecto berciano teiman, unha e outra vez máis, no perigo do idioma estándar galego que vén da Comunidade Autónoma veciña. Insisten en que o galego normativo remata paseniño co dito dialecto berciano. Curiosamente non parece preocuparlles o poder político e económico do idioma castelán na nosa rexión, nin o seu estatus de oficialidade xurídica única. Non señores, non, o perigo para a pervivencia do dialecto berciano parece vir da mala-lingua galega, que a castelá non fai nada neste contexto formal de liberdade cultural de máis.

Xa asimilamos plenamente o contexto uniformista castelá, por iso non se cuestiona polos defensores do dialecto berciano. Os perigos veñen dos outros, os galegueiros e mailos ástur-leoneses que tratan de impor as súas novas linguas foráneas. Cantos reivindican ese dialecto berciano recorren á autoridade do libro de Antonio Fernández y Morales (1817-1896), Ensayos Poéticos en Dialecto Berciano, recompilador da literatura oral da chaira do Bierzo, alonxada das influencias castelá e galega. Por suposto que respectamos este valioso traballo literario, pero hay que inserilo na súa época, o século XIX, e recoñecer que os estudos filolóxicos teñen avanzado moito ata a actualidade, no ano 2010. Así pois, respectemos tamén os actuais investigadores que recoñecen que non existe o dialecto berciano, e que na nosa rexión hai varias linguas históricas en contacto, castelá, galega e ástur-leonesa. Non intentemos, alegando o único feito certo de sermos bercianos, cuestionar esta teoría xeolingüística foránea de hoxe en día.


Outro dato curioso, ¿cantos deses defensores do presunto dialecto berciano o falan?. ¿Qué me respostan?… menos dos que pensamos. A gran maioría dos defensores do dialecto berciano non o falan. Máis ca outra cousa, eles comentan que hai un rico vocabulario propio da rexión do Bierzo, que se comparte ou non con outras linguas veciñas. Tampouco teñen problema para utilizar esas palabras bercianas dentro do idioma castelá, porque parecen casar moi ben. Sorprende a súa escasa preocupación filolóxica por saber se esas verbas son, por exemplo, de orixe galega-berciana. Pero é que sempre resulta que son moi bercianas e pouco ou nada galegas.


Polo que toca á morfoloxía, ortografía, fonética, sintaxe e demais ramas, pois que os defensores do dialecto berciano seguen sen atopar relación co idioma galego, nin co histórico nin co o estándar actual. Talvez hai unha lixeira influencia ventosa que vén de Galiza, claro, algo propio da veciñanza territorial, non se pode evitar, ¡hai tantos galegos e galegas na nosa rexión berciana que nos deixaron a súa pegada secular…!


E qué dicir dos outros perigos galegueiros. O ensino do galego estandar nos centros escolares do Bierzo está rematando co dialecto berciano. Quen pode pensar que no ensino actual do galego non se ten presente o dialectismo galego-berciano. Pero ¿hai alguén que o poida dubidar?. Os mestres de galego de hoxe recorren ao dialectismo berciano porque é o mellor complemento e exemplo para que a súa pedagoxía escolar estea moi en contacto co territorio e coa comunidade social. Incluso os regulamentos da programación da materia de idioma galego, aprobados pola Consellería de Educación da Junta de Castela e León, obrigan a que se teña presente o dialectismo berciano.


Ese peculiar dialecto berciano ten o seu espazo de aprendizaxe dentro da materia de lingua galega que se imparte nos centros escolares do Bierzo occidental. Seguro que coincidimos todos e todas en que ese complexo dialectal berciano non se estuda dentro doutras materias. Resulta difícil asimilar que ese complexo dialectal se poida estudar coa materia de idioma castelán; non vaia ser que a mocidade se confunda e mesture o correcto co incorrecto (por suposto, tanto o dialecto berciano como o galego). Logo ben podemos dar as grazas á materia de galego por esa recuperación e mantemento dese peculiar complexo dialectal berciano ¿non si?.

Pero o importante é que os neniños e a mocidade que aprende o idioma galego nas escolas e institutos do Bierzo teña un medio máis de comunicación social. A lingua galega da nosa rexión permítelles unha mellor relación cos falantes de Galiza a través do idioma estándar. Este idioma moderno faise internacional co portugués e mailo brasileiro, vencellados os tres históricamente. Así pois, encastelarse co dialecto berciano non resulta un avance social, nin para os falantes vedraños nin para os seus descendentes, xa que todos eles procuran o mesmo, que o idioma galego do Bierzo ofreza o mellor do mellor.


Podemos deducir que eses defensores do dialecto berciano están moi felices de que xa non vexamos o sinal dixital da TVGalega. Para moitos deles, esta televisión resultaba perigosa. Esa forma doada de meter o galego nos fogares bercianos estaba rematando co dialecto berciano, sentencian de cando en vez. O galego televisivo e moderno, o estándar ou normativo, destrúe o dialecto berciano, ruralizado e dos vedraños. O idioma galego da televisión, dos xornais, da internet, da tecnoloxía ameaza o contexto lingüístico da rexión do Bierzo, e o que é pior, o estatus xurídico de oficialidade monolingüe. Hai un perigo certo de que a mocidade berciana acceda con facilidade ao idioma galego, e se identifique cada día máis con esa cultura. E se esa mocidade algún día quere tomar conciencia de que esa cultura e lingua galegas son tamén nosas, por herdanza histórica secular, pode decidir reclamar os seus dereitos lingüísticos, os mesmos que xa teñen os falantes galegos da Comunidade Autónoma veciña. Isto si será un perigo político para a Junta de Castela e León e para as Cortes autonómicas que deberá dar resposta definitiva a esta problemática bilingüe da rexión do Bierzo.

O Bierzo, abril de 2010.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home