lunes, mayo 17, 2010

¿EL MORREDERO NON VENDE?


¿EL MORREDERO NON VENDE?,
Por Xabier Lago Mestre, colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.



O concello de Ponferrada quere trocar o nome da estación invernal, coñecida como El Morredero, para os galegofalantes bercianos O Morredoiro. O Goberno local alega que esa palabra ten un significado negativo derivado da súa orixinaria etimoloxía galega, referida a lugar de morte. Quizais o seu nome veña por ser paso antigo de alta montaña moi perigoso nos crudos invernos da Cabreira, tanto para viaxantes, comerciantes, arrieiros ou gandeiros que entraban ou saían da rexión berciana.


Ponferrada quere potenciar o desenvolvemento deportivo da estación de esquí do Morredoiro. Xa cavilan na atracción de novos visitantes, propios e foráneos, na ampliación dos servizos públicos e privados, na creación de emprego no inverno, e na elaboración dunha marca turística axeitada. Velaí as discusióis actuais sobre o nome da marca territorial de calidade atraínte. Os políticos dubidan coa denominación de El Morredero, polo seu dito significado galego, xa que ese peculiar pasamento non parece un bo comezo para un novo proxecto.


Na rexión bercianos os intentos deturpadores da nosa toponimia non son novidade. Ao longo da historia os falantes da lingua castelán trataron, consciente ou inconscientemente, de impoñer o seu idioma na fala, na escrita e no territorio. Este último resultou sempre moi confuso para os de fóra. Un territorio bilingüe non é doado de entender por quen non admite que haxa varias linguas minorizadas, casos do galego ou do ástur-leonés. Referímonos a dous idiomas históricos que, como non pode ser doutro xeito, deixaron numerosas pegadas toponímicas no noso territorio berciano no devir histórico secular.


Ademais, a legalidade vixente protexe o patrimonio lingüístico, por mor da Constitución Española, a Carta Europea de Linguas Regionais ou Minoritarias, ou o propio Estatuto de Autonomía de Castela e León. Esta última norma xurídica expresamente se refire ao idioma galego, “gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice” (artículo 5.3). Polo tanto, aínda que o galego non é idioma oficial na rexión berciana, merece un respecto social e institucional, concretado no mantemento da toponimia tradicional. A castelanización parcial trocou O Morredeiro en El Morredero, pero é que agora hai intentos por ocultar tal nome de orixe galega porque aínda soa mal. Isto non é un exemplo de protección da lingua galega-berciana senón un novo intento de aculturización.


O debate municipal pola denominación da estación invernal está aberto á participación social a través da elección popular pola rede internet (www.ponferrada.org). Así os posibles nomes propostos son: Peñalba, Tebaida Berciana, Montes Aquilanos y Ponferrada-El Morredero. Por suposto, estamos pola opción que procura o mantemento da denominación tradicional. Incluso aceptamos se antepoña a referencia de Ponferrada. A capital do Bierzo ten xa un amplo recoñecemento xeográfico a nivel autonómico, estatal e internacional, co Camiño de Santiago. Así pois a proposta de Ponferrada-El Morredero resulta a menos mala das catro, pois mantén a denominación tradicional parcialmente (El Morredero), aínda que non recupera a orixinaria (O Morredeiro). Xa quedou ben clara que a intención do poder institucional non é recuperar o idioma galego, máis ben todo o contrario, ao cuestionar o sentido popular e actual de El Morredero.