IDIOMA GALEGO PADRÓN E DIALECTISMO BERCIANO.
IDIOMA GALEGO PADRÓN E DIALECTISMO NO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre, do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
Por Xabier Lago Mestre, do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
Hai uns días volvín falar co meu bo amigo Santi, o de Vilafranca, a persoa que máis sabe da historia local e da natureza do Bierzo oeste. Espetou, na nosa conversa telefónica, que el aposta pola fala berciana. Como fundamento desa declaración, dixo que el sempre busca as palabras locais no diccionario galego que lle regalei e que nunca as atopa. Outro día vexo na internet unha recompilación de termos, da comarca da Somoza berciana, feita por Ismael Poncelas, o cal anima, no seu escrito, á Real Academia Galega a recuperar esas verbas para o diccionario.
Estes dous exemplos non son illados, porque hai moitos bercianos que teñen esas dúbidas lingüísticas. Son dúas persoas galegofalantes, do medio rural berciano, que se resisten á perda da súa fala tradicional. De todos os xeitos, dígolles, aos meus ditos amigos, que esas palabras dialectais do Bierzo poden estar xa rexistradas nos diccionarios de idioma galego. ¿Onde? Pois no libro de X. Luis Franco Grande, Diccionario galego-castelán, ed. Galaxia. Este libro recolle multitude de verbas propias do dialectismo galego. Eu xa fixen hai anos a proba, e si, moitas palabras do Bierzo estaban recollidas no dito diccionario.
Sigo cos meus amigos, e teimo en que un diccionario específico, sobre o dialectismo galego, si pode recompilar palabras da rexión berciana. Nembargante, os diccionarios novos e xerais que precisa a meirande parte da xente deben ter outros contidos. A maioría dos cidadáns necesitamos un diccionario que recolla palabras modernas, propias da linguaxe científica, informática, tecnolóxico, urbana e demais. As verbas dialectais non poden cumprir moitos dos requisitos que esixe a linguaxe moderna, propia do século XXI.
CARA AO IDIOMA GALEGO MODERNO.
Outro exemplo, ¿poderían darse clases de galego nos colexios do Bierzo só coa linguaxe dialectal local?. Non, o noso alunado que estuda galego quere aprender unha linguaxe moderna, con moitas aplicacióis, no ensino universitario, no laboral, no xornalismo, nas ciencias, nas novas tecnoloxías da información, etc. Por iso necesitamos o chamado idioma galego padrón, normativo ou oficial. Este idioma, consensuado socialmente, evoluciona dende o dialectismo galego, para modernizalo tamén a nivel de morfoloxía, sintaxe, fonética, vocabulario e demais. Porque durante séculos, a falta dunha norma padrón do noso idioma, favoreceu o dialectismo comarcal no noroeste peninsular, dende Navia-Eo, pasando polo Bierzo, A Mariña luguesa, Vilagarcía de Arousa, ata chegar a Vigo.
A meirande parte dos termos do galego dialectal do Bierzo son propios do medio agrogandeiro, forestal, rural… e o idioma galego moderno percisa doutro vocabulario, máis acorde cos tempos que vivimos. Unha cousa é querer recuperar esas vellas verbas dialectais, feito que é moi necesario, e outra moi distinta, querer vivir en galego. O noso idioma debe poderse utilizar no ensino, nos concellos, na xustiza, na sanidade, na universidade, no comercio… En fin, en todos os eidos sociais e cotiás posibles.
Tamén hai que dicir que esas palabras dialectais do Bierzo teñen máis sentido dentro da lingua galega que na castelá. Porque se crearon para ser inseridas no primeiro idioma, que é o seu contexto natural e tradicional. O idioma galego ofrece ao dialectismo berciano un complexo lingüístico (sintaxe, morfoloxía, fonética e gramática) axeitado para recuperar a vitalidade desa linguaxe local. Trátase de modernizar o noso idioma, de ir máis aló da sinxela oralidade cando se espeta: “escribo tal e como o digo”. Ninguén sabe de certo o que pasará co dialectismo berciano, pero ten unha oportunidade de sobrevivir coa recuperación da lingua galega.
O Bierzo, xaneiro de 2011.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa
http://www.facebook.com/xabierlagomestre
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://obierzoceibe.wordpress.com/
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.partidodelbierzo.com/
www.ponferrada.org
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa
http://www.facebook.com/xabierlagomestre
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://obierzoceibe.wordpress.com/
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.partidodelbierzo.com/
www.ponferrada.org
<< Home