viernes, julio 01, 2011

ROTEIRO POLA ANTIGA MEIRINDADE DE AGUIAR (2ª PARTE)


CASARÍO DOS MAZOS DO BIERZO.



ROTEIRO POLO ANTIGO COUTO DE MELEZNA.
por Xabier Lago Mestre,





Comezamos a nova suba coa compaña de Rubidedes, Os Lamazais, Silva Redonda, souto S. Vicente, Carbueira, Chamorro e Arroxo. Recíbenos un touro rubio na estrada, e parece non querer deixarnos pasar para diante. Mentres o touro agarda, nosotros tiramos fotos do casarío dos Mazos. Por fin o grande animal marcha na procura de herba fresca. Máis adiante unha fonte moi viva, co letreiro de Aitor, convídanos a beber e encher de líquido as nosas botellas de dous litros para o resto da viaxe ata a chaira berciá.


Nun desvío á esqueda está o camín para Melezna. Xorden ante os nosos ollos diversas paraxes, a terra fálanos, A Freita, Morreo, Caborca e Carrozais ao redor do val do regato das Forcadas. Dende Trabadelo, no val de Valcarce, viña unha rota tradicional que pasaba por Cadafresnas, Melezna e Os Mazos, e ía para Arnadelo, Sobredo, Cabarcos e pasaba a Galiza.


As poboacióis de Cadafresnas, Melezna e Os Mazos formaron parte do Couto de Melezna, pertecente ao señor Matías Francisco Valboa no século XVIII. Tamén comprobamos nos censos fiscais da Idade Moderna que o dito Couto non medrou moito a súa poboación en tres séculos (74 veciños a fines do XVI a 80 no XVIII), as condicióis de vida foron duras nestas terras estremeiras.


Voltamos ao barrio dos Mazos para principiar a marcha a Corullón. Agatuñamos a costa da estrada, á dereita un profundo cavorco ata o río. Pescudamos coa vista a faldra da montaña, Os Chaos, despois O Rebolón, Uceda e Virtos. Dende o picouto Agudo a montaña descende polo Oteiro, A Morteira, Pena Furada, ata baixar ao leito do río Selmo, co Pedregal.


No mapa xeográfico lemos “arroyo de la reguera”. Ás veces a utilización forzada de idiomas veciños provoca rechamantes mesturas. Sucédense os topónimos, Felgas, Cadaveira, Mogo, Velala, Vedo, Mosteiros e O Castrín. Pola outra ribeira do val, Carballo (castelanizado en Robledo), Queimada e Sabugueiro. Referencias todas ás explotacióis agroforestais.


O Cruceiro, preto do cemiterio de Hornixa. Seguimos por Fontela, e a poucos pasos a escola pública abandonada. O seu casarío descorre pola rúa principal, descendente polo val do regato da Ribeira, na procura do río Selmo, e do pobo da Ribeira, xunto a Cabeza de Campo.


Despídenos Hornixa. Seguimos por Nocedo, Touba, Caleiro e Virtos. A ladeira solaina amosa viñedos para bos caldos. Dende a Lameira de Podamio, a mellor panorámica de Viariz, enriba, e Hornixa, máis abaixo. O Cruceiro ten saídas para Viaríz e Cadafresnas, e para o camín de Galegos, antiga rota comercial por Sobrado, para Galiza. Nosoutros tomamos a estrada descendente cara a Corullón. Saúdanos o cerro A Curuxa. Á dereita, no regato Rebordaos atopamos Val de Sabugueiro, Os Vales de Alba e o Val de Cabana. Deixámonos levar polas bicis sen pedalexo. Na Revolta, cambio de sentido, máis pendente, Freita, Tauno e Tesín. Diante a vila de Corullón co recendo de cereixas maduras.

O Bierzo, xullo de 2011.
http://www.obierzoceibe.blogspot.com/


http://www.facebook.com/xabierlagomestre
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://obierzoceibe.wordpress.com/
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.ponferrada.org/