NOVAS PUBLICACIÓIS DE SANTIAGO CASTELAO DIÑEIRO
NOVAS PUBLICACIOIS DO VILAFRANQUINO SANTIAGO CASTELAO.
O escritor vilafranquino, Santiago Castelao Diñeiro, deixa no mercado editorial dúas novas publicacióis. Referímonos a El Tejo en El Bierzo e A Pedrada. Na primeira, Santiago volve a dedicar un libro a unha árbore salientable da nosa rexión, o teixo, anteriormente fixo o mesmo co castiñeiro, en Castaños Monumentales de El Bierzo, Tradición y Cultura (2007).
El Tejo en El Bierzo analiza diversos aspectos desta árbore. Lemos sobre a súa historia, mito e lendas, caso da Serpe Rupiana, a toponimia Teixeira da nosa rexión e maila súa relación coa fauna. Seguidamente percorre distintos vales principais (Burbia, Valcarce, Cúa, Sil, Boeza, Cabreira e Selmo), onde persegue a presencia dos teixos e a súa cultura, a través diálogo cos veciños deses territorios. Non podemos pasar por alto as boas fotos do autor que acompañan o texto breve e conciso desta pequeña grande obra a prol da conservación da natureza local.
Na outra obra, A Pedrada, Santiago Castelao recompila diversos debuxos da súa obra gráfica. Nestes debuxos sobresae a súa actitude retranqueira ante a vida que lle arrodea (internet, crise de construción, a política, a relixión, pedofilia, xustiza, etc). Tamén agradecemos o uso da nosa lingua galega por parte dos personaxes dos seus debuxos. “¿Viches o Telediario? Os curas siguen manifestándose en contra do aborto”. Outro veciño espeta, “Eso é normal. Si non nacen nenos non hai bautizos, nin comuniós, nin vodas, nin enterros. Vaise o negocio ao carallo”. Agardamos seguir vendo e desfrutando das caricaturas do noso Santiago Castelao na internet (web do café Avenida de Toural dos Vaos). É moito de agradecer o esforzo persoal dos bercianos galegofalantes por promocionar a nosa lingua galega territorial.
<< Home