domingo, enero 08, 2012

CRONICA SUBXECTIVA DO CONGRESO BERCIANISTA








CRONICA SUBXECTIVA DO CONGRESO BERCIANISTA (7.1.2012),
polo militante bercianeiro Xabier Lago Mestre.

Os partidos políticos son estruturas de poder nas que os militantes temos que loitar polo recoñecemento dos nosos dereitos porque a organización procura o seu reforzamento ideolóxico e funcional ante calquera proposta de cambio. Os que temos alguna experiencia nestas dinámicas políticas buscamos as nosas estatexias de cambio, sabendo ben das resistencias políticas internas por parte dos órganos de poder consolidados.

O TEMA LINGÜÍSTICO ENCENDE O DEBATE.
Neste contexto político que comentamos, no recente XX Congreso do partido do Bierzo, tratamos de protexer as demandas do sector galegueiro da militancia e dunha parte dos bercianos. Velaí a razón da presentación de varias propostas de modificación dos Estatutos do partido. En principio pode parecer normal que nun partido se favoreza o recoñecemento de novos dereitos dos militantes. Todo o que sexa protexer máis aos militantes fronte aos órganos de poder do partido, benvido sexa!, podemos ben pensar. Pois sorpresa, a maior polémica, a máis dura verbarmente, chegou á hora de recoñecer o uso do idioma galego polos militantes no partido. Non fai falta ser moi espabilado para saber que a maioría está en contra do uso político interno do noso outro idioma. Nun partido pequeno todos nos coñecemos. Ben, ante a necesidade de argumentar o voto contrario cara o galego, pois hai que recorrer aos prexuízos, que se estou casado cunha galega pero… que se me gusta moito Galiza pero… que se son galego de nacemento pero… que se falemos castelán que é a lingua de España e non caíamos en nacionalismos… o galego fálase no Bierzo oeste e punto. Demasiada polémica para un partido bercianista. Chega o momento de estoupar, un dos asistentes remata con… estou farto de tanto debate lingüístico cando a min non me interesa para nada este tema, en palabras sinceiras. Ante esta actitude provocadora da maioría, houbo que presionar doutro xeito non verbal, cun chisco de teatralidade, recollida de papeis e peche do computador persoal da mesa, nun intento de forzada retirada.




Finalmente, tralo quente debate polo recoñecemento de novos dereitos para os militantes conseguimos a aprobación destas dúas resolucióis de modificación dos Estatutos do partido, no artigo 11, de dereitos dos afiliados. “11.9. Os militantes teñen dereito a expresar a súa opinión a título persoal en calquera medio de comunicación, interno ou externo, indicando, se así o queren, que son militantes do partido” e “11.10. Dereito a poder falar en calquera lingua do Bierzo recoñecida legalmente, en órganos de goberno, previa documentación bilingüe salvo en medios de comunicación”. A pesar de que a redación poida non ser todo o acertada posible, hai que recoñecer un dobre avance no reforzamento dos dereitos dos afiliados, nos temas da liberade de expresión e do uso político do galego. Os galegofalantes teñamos en conta que debemos loitar acotío polo recoñecemento social e institucional dos nosos dereitos lingüísticos. Para pechar este tema, recordamos as insistentes palabras dun dirixente do partido que nos retrucaba, “esas non son formas”, e nós dicimos, que fácil é falar así cando estás no alto do poder e non tes necesitade de defender os teus dereitos lingüísticos minoritarios.




CORRENTES DE OPINIÓN BAIXO CONTROL.
A chegada ao partido dunha nova e grande corrente de opinión socialista supón a regulación de todas as que poida haber. Quedou aprobado o regulamento de funcionamento das ocrrentes de opinión do pb. Consecuencias inmediatas, a necesidade dun rexistro, e tamén “as correntes de opinión deberán levar un rexistro contable das achegas que reciban, así como o pago de cotas dos seus integrantes no partido, de dichos rexistro, a Comisión Executiva do partido poderá requirir un informe (…)” (art.9). ¿Alguén confía en que estes controis van favorecer a proliferación das correntes de opinión ou todo o contrario?. As estruturas de poder do partido só buscan máis control interno e menos participación militante.




O RELATORIO POLÍTICO INACABADO.
O partido leva anos detrás do chamado Libro branco, algo semellante temos agora co relatorio político. Por suposto, o noso voto final sobre este texto foi a abstención ¿razón?, non houbo debate deste importante documento por falta de tempo. Un bo amigo militante teimou en saber a nosa opinión sobre o documento. Pois ben, somos cumpridores das nosas promesas e temos a obriga de dicir algo por enriba pois son moitos folios que ler e analizar, quizais demasiados.





O Bierzo é unha rexión, segundo o documento, abandónase a reclamación provincialista. Hai unha abundante fundamentación histórica, cultural, territorial e demográfica sobre O Bierzo. Nesta primeira parte xorde o apartado con referencia á “pluralidade cultural e lingüística do Bierzo fronte ao uniformismo mesetario”. Pero xa temos visto as resistencias do partido cando alguén trata de acadar un recoñecemento político para o idioma galego. O texto comentado insiste en demandar máis autonomía para a rexión do Bierzo, a través dunha lei autonómica, deixando de lado a reclamación dunha nova Comunidade Autónoma. O relatorio político continúa coa crítica para as deputacióis, mancomunidades e provincias. O Bierzo autónomo vai vir da mán do Consello Xeral do Bierzo.



Tamén se indica a “desaparición do problema anexionista galego, leonés o castelán”. Isto vén a conto do novo discurso político que rexeita a anterior proposta a prol da decisión popular, mediante referendo, respecto á libre e democrática pertenza territorial a outra comunidade autónoma viciña. Queda claro que “O Bierzo non é asturiano, galego ou castelán, é berciano”. Pero a realidade é que hoxe está integrado na provincia de León e na Comunidade Autónoma de Castela e León. Os bercianos xa non temos apoio político bercianista para decidir en que Comunidade Autónona queremos integrarnos. Este intento por pechar a vía anexionista viciña resulta moi contraditorio cando o partido insiste no tema da integridad territorial da rexión do Bierzo, onde se inclúe a comarca de Valdeorras.


O CAMBIO IDEOLÓXICO DO PARTIDO DO BIERZO.
A segunda gran parte da ponencia política refirese parcialmente á ordenación territorial da rexión. Xorden titulares como ”rede de ciudades (…) capital do Bierzo (…) áreas metropolitanas (…) concellos. Botamos de menos a presencia das nosas históricas xuntas veciñais ou a articulación institucional das comarcas da rexión do Bierzo.




Procúrase un maior protagonismo das políticas sociais (mulleres, mocidade…). Non pode faltar o apuntamento sobre as novas tecnoloxías da información, “Comunicación, mellorar as canles de comunicación que nos permiten avanzar, na mellor maneira posible, as nosas mensaxes ao público. É mester revisar e adaptar a comunicación de forma bidireccional, tanto entre os colectivos verticais e transversais na región e o Consello Político do partido (…)”. Canto lle queda ao partido por facer neste tema, páxina web, blogues, redes sociais… para achegarse aos internautas bercianos de xeito directo sen a intermediación dos medios de comunicación tradicionais (xornais, tv, radios…). Segue habendo medo institucional a abrir o partido á participación social e mediática porque ameazan a excesiva formalización procedimental. Neste sentido, como noutros tantos partidos, o pb non interpreta ben as protestas das rúas do movemento 15M de profundación democrática.



O cambio ideolóxico reafírmase nas últimas páxinas de xeito sorprendete. Lemos referencias como “o partido do Bierzo é esencialmente un partido que ten como base fundamental a loita pola independencia rexional e dos pobos do Bierzo (…)”, “o partido do Bierzo ten como obxectivo fundamental a consecución dunha socieade sen clases (…)”, “o partido do Bierzo cre que non é admisible, atendendo ás propias esixencias teóricas do socialismo, que ninguna concepción o partido que a representa se considere protagonista exclusivo y excluínte da súa teoría e práctica, pois o socialismo admite diversas tendencias compatibles entre si”, “o pb considera que a sociedade socialista é inseparable da abolición da propieade privada dos medios de produción (…)”, “a concreción do punto anterior esixe precisar que el pb estima que a socialización deber abranguer os medios de produción nos distintos sectores da economía: agrario, industrial e de servizos (…)”. Non seguimos con textos de clara ideoloxía socialista e quizais menos socialdemócrata. Como non houbo debate non se pode confirmar. Clara ideoloxía de esquerdas no antiimperialismo, Unión Europea antimercantilista, separación Igrexa-estado, autodeterminación dos pobos de España, enseñanza pública, laica e gratuíta, planifiación económica democrática, sanidade como dereito social, socialización do solo urbano, socialización agraria, política económica social, etc. En fin, un amplo traballo neste relatorio político que hai que agradecer aos relatores do pb.

















2 Comments:

Anonymous Odilo said...

Olá Bierzano, sorprendeme que o rechazo que se presenta dende o partido do bierzo a anexionarse con Galiza e que se conformen con uns ideais tan rexionalistas. É que o bierzo xa sucumbiu a España?. Digo isto, entre outro motivos, por que xa que dende o primeiro reino de Europa (o Reino Suevo da Galiza) vos fúchedes galegos, ata que uns chamados reis católicos nos separaron, pois o conde de Lemos estaba aglutinando moito poder e había que castigar a Galiza (despois viñeron outras represalias). Aínda así nos escritos históricos seguirian refiríndose ao Bierzo como a porta de Galiza. Sorprendeme máis o rechazo cara o galego (a lingua), xa que é parte da vosa e da nosa cultura, ademáis é unha parte que non recibe apoios institucionais no Bierzo (que eu sepa) polo que precisa aínda máis sustento e revindincación por parte de organizacións coma o partido do bierzo. Por non dicir que debería ser un dereito dos galegofalantes bercianos.
A miña opinión persoal, é que deberíades redebatir estes temas e unirvos máis entorno o galego, nós sempre vos teremos os brazos abertos, pois aquí o sentimento xeral, no ámbito nacionalista e soberanista, e que sodes unha parte ben querída de nós aínda que nós sabemos o que é loitar pola independencia.
Un saúdo e bierzo ceibe!

4:23 a. m.  
Blogger Ruben said...

Moi bo artigo coma sempre, parabéns. Son un galego da Coruña, e dende aqui comparto a postura que defende o galego no Bierzo; xa que ainda que non sexa a loita persoal de toda xente do Bierzo, os dereitos linguisticos son do pobo que o fala ou quer falar.

Adiante sempre....e recordade que o amor vence ao odio e cada palabra é un tesouro...

8:03 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home