sábado, mayo 18, 2013

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013 DENDE O BIERZO.


DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013 DENDE O BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

Hoxe, 17 de maio, celebramos unha nova edición do Día das Letras Galegas, festa para todos os falantes e territorios, peninsulares e extrapeninsulares, de cultura e lingua galegas. Semellante efeméride parece un bo momento para reflexionar sobre a situación do noso idioma galego no Bierzo. Lembramos que os seus falantes temos unha lingua minorizada na Comunidade Autónoma de Castela e León. Polo tanto sobrevivimos culturalmente baixo mínimos ante as presióis sociais, da maioría casteláfalante, institucionais e políticas. Botamos en falta que o Día das Letras Galegas non teña máis en conta a problemática secular das minorías galegofalantes periféricas. Seguimos sendo os grandes descoñecidos para a Galiza administrativa.


Moi atrás quedan aqueles séculos medievais nos que a nosa lingua galega tiña un recoñecemento social e institucional, caso dos mosteiros, como atestigua a presencia do galego na documentación dos tombos e cartularios. Pero a posterior castellanización cultural, dos señores laicos e monásticos, favoreceu o illamento progresivo e secular do noso idioma desde fines da Idade Media y durante os chamados Séculos Escuros da Idade Moderna. Iso si, o pobo labrego seguíu utilizando o noso galego-berciano nas relaciois familiares, veciñais (rondas, tabernas, entroido, maios, desenganos, burlescas…), políticas (xuntas veciñais, pedanías…), laborais (oficios, gremios…), relixiosas (esconxuros, ensalmos…) ou agrogandeiras (cantos de segas, muíñadas, aradas, fornos…), etc.



Coa alfabetización do século XIX houbo un interese por recuperar a lingua galega escrita por parte dalgúns autores (Francisco Ovalle, Antonio Fernández y Morales…). Diversas correntes, coma o romanticismo, o costumismo ou o rexurdimento galego serviron para tomar conciencia sobre o valor das culturas rexionais, e concretamente da galega do noroeste peninsular. Foron moitos os que comezaron a usar o idioma galego escrito en diversos eidos intelectuais, literatura, etnografía, historia, música e demais.



Na segunda metade do século XX atopamos a agudización da problemática derivada da emigración europea e aos grandes centros urbanos peninsulares. Así as estruturas rurais, tradicionais e mailo colectivas, véronse gravemente prexudicadas, ao que hai que unir os baixos prezos agrogandeiros e a suba sen xeito dos custes de producción. As consecuencias de toda esta problemática son claras, despoboación, envellecemento, illamento, incomunicación, etc. nas comarcas montañosas onde aínda se conserva a meirande parte dos falantes galego-bercianos.


Hoxe os herdeiros da cultura e da lingua galegas temos a obriga de manter o noso patrimonio idiomático pero con grande escaseza de medios humanos, materiais e mailos económicos. Por suposto, sen ningún apoio dos diversos poderes, sexan político, institucional, económico, intelectual ou dos medios de comunicación tradicionais. Esta falta de colaboración destes poderes hai que cualificala de discriminatoria para cos falantes galegos que somos sistemáticamente ignorados. Sobrevivimos con todas as dificultades do mundo co único apoio das novas tecnoloxías da información (blogues, redes sociais, páxinas web, xornais dixitais…) para divulgar a nosa problemática. 



No medio rural máis montañoso ou vilego se vive en galego con parcial normalidade,  claro é, de xeito oral e antiformal, porque se acuden ás administracióis públicas locais (concellos, Consello Comarcal ou Deputación) o noso galego non se admite. Mentres que o uso do galego nas grandes cidade e vilas da rexión berciana aínda é máis restrinxido. Nos barrios máis periféricos, cos inmigrantes de Galiza ou dos pobos, manteñen relacióis de veciñanza en galego. Aínda así a resistencia cultural galega mantense nas paredes, coas axitadoreas pintadas. Trátase con elas de procurar unha imaxe urbana marxinal en galego. Tampouco se libran da pintada os sinais de tráfico cos trocos toponímicos a prol do galego. Polo demais resulta escasa a imaxe comercial na nosa lingua por parte dos comercios, hostais e restauración. 



O panorama lingüístico galego do Bierzo amosa moitas eivas difíciles de resolver pola dita escaseza de medios persoais , materiais e económicos. Dende logo pouco ou nada pode agardarse do apoio que veña dende Castela e León que non se identifican coas culturas e lingua galegas do Bierzo. Pero máis abraia a falta de compromiso solidario que vén de Galiza, das súas grandes institucióis culturais (Real Academia Galega, Instituto da Lingua Galega, Consello da Cultura Galega, Universidades…) ou políticas (Parlamento de Galicia, Xunta de Galicia, deputaciois, concellos…). Soamente hai pequenas axudas illadas e elitistas de fóra que non serven para fomentar e prestixiar a lingua galega. 




Pero tamén hai que facer autocrítica no Bierzo. Non somos quen de ir máis aló de meros xestos sen elaborar unha estratexia continuada e interesante para atraer neofalantes.  Actos culturais en galego ocasionais non son suficientes, aínda que sexan o mantemento de vellas tradiciois moi populares. Quizais o traballo reivindicativo acotío estea na internet, aínda desaproveitada no Bierzo. Só dende a internet berciana se podería chegar a eses novos neofalantes mediante unha mensaxe bercianeira de interese para a mocidade a través dunha diversidade temática nosa (lecer, historia, deporte, turismo rural…).  Agardemos que o vindeiro Día das Letras Galegos traía máis ilusión para coa nosa lingua galega do Bierzo e solidariedade entre as diversas e viciñas comunidades galegueiras periféricas.

O Bierzo, maio de 2013.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es