O CONSELLO XERAL BERCIANO PROGRESA
O CONSELLO BERCIANO PROGRESA,
Por Xabier Lago Mestre.
En marzo acontece un novo
aniversario da aprobación do Estatuto do Bierzo mediante Lei de Cortes de
Castela e León aló polo 1991. Para o 2026 serán xa 35 anos de maioria de idade institucional.
Atrás quedan xa aqueles ataques ao Consello comarcal de tódalas partes. Os de
esquerdas querían un previo plan comarcalizador para Castela e León. Os
bercianistas dicían que era pouco recoñecemento institucional cando tiña sido
provincia en dúas ocasiois (1486 e 1821). E os leonesistas non deixaban de
criticar os intentos da Junta autonómica de dividir territorial e políticamente
a súa provincia de León, xa saben iso de “divide e vencerás”.
Convén
recordar aqueles comezos cando non había nin sede para as xuntanzas cormarcais,
aínda hoxe seguimos hipotecados cos alugueres do edificio mineiro. Por certo,
houbo a petición de cesión do edificio da Deputación en Ponferrada, por suposto
dixeron que non (1999). Xa van máis de 30 anos sen sede fixa apesares de tantas
promesas oficiais foráneas de cofinanciamento. Por iso hai que agradecer sempre
o traballo daqueles primeiros presidentes do Consello comarcal que traballaron
pola nosa autonomía sen medios iniciais (Manuel Alonso e Rita Prada).
Como
era ben de agardar, houbo muito que negociar dende unha posición política de
grande debilidade. Habia un Lei da Comarca con competencias expresas mais estas
estaban nas mans da Junta autonómica e da Deputación leonesa. Como resulta
lóxico, quen ten poder institucional non pretende soltalo. Aínda recordamos as resistencias
dos presidentes da Deputación de León a ceder competencias ao Bierzo. O Agustín
Turiel declaraba que se inhibía na posta en macha da Comarca (agosto de 1991),
e o seu sucesor, José Antonio Diez dixo non querer transferir e abogaba incluso
pola supresión del Consello comarcal (agosto de 1999).
Por
suposto a Deputación de León foi cedendo algo, concretamente o Servizo de
asesoramento a entes locais (SAM) e o plan de pequenas obras rurais, e axuda a
financiar o Banco de terras. Sen embargo a Deputación mantén as súas oficinas
en Ponferrada que deberían ser xestionadas polo Consello comarcal. Outro tanto
podemos dicir da Junta de CeL que fomenta diversas mancomunidades na rexión
berciana cuxas competencias deberían ser asumidas polo Consello comarcal dende
hai anos se houbera vontade política axeitada. Teimamos en que, tanto a
Deputación coma a dita Junta, non van dar facilidades para a necesaria
descentralización no Bierzo.
A Comarca do Bierzo executa outras competencias nas áreas de medio ambiente (desbroces de montes e limpeza de caminos), benestar social (proteción de menores, intervención familiar e drogodependentes), promoción económica (programa Leader, feiras, emprego, etc), atención ao cidadao (ventá única e rexistro), promoción turística, cultura, lingua galega, deporte, etc. Somos muitos os bercianos beneficiados coa prestación destes servizos públicos.
O Consello comarcal é unha institución tamén
política que ten apoiado numerosas vindicaciois do Bierzo, recordamos as
manifas mineiras, ferroviarias, sanitarias, económicas, etc. Ter unha
institución propia que defenda as nosas demandas é importante. As veces non é
doada a relación direta cos outros poderes foráneos, casos da Deputación e da
Junta de Castela e León. Sempre terá máis representación e prestixio o
presidente do Consello comarcal que calquera dos nosos alcaldes á hora de
negociar a solución dos problemas locais.
Muito
tense debatido sobre a viabilidade do Consello comarcal. Sociolóxicamente
ninguén nega que na cidadanía existe un sentimento coletivo mui bercianista.
Velaí as súas diversas expresiois coma a identidade territorial, a defesa da
bandeira Cruceira mentres a leonesa está ausente, a existencia de instituciois
propias (Consello comarcal e xuntas veciñais), o Diazo (8 de setembro),
mantemento da lingua galega, a conciencia provincialista histórica, etc. Dende
León non se entende este complexo bercianismo xa que non existe nada semellante
no resto de comarcas da súa rexión chairega. E de nada teñen servido os ataques
foráneos para devaluar o susodito bercianismo político, institucional ou
cultural, porque O Bierzo é unha marca simbólica de proxeción nacional.
O Consello
comarcal segue xestionando políticas públicas, ademáis de fornecer o
bercianismo territorial, institucional e simbólico. Cunha modesta política de
negociación vai conseguindo, de xeito continuado, a sinatura de acordos marcos
entre Junta de CeL e Consello comarcal que serven para financiar a asunción das
súas competencias. Incluso está a piques de fixarse un novo acordo para as
vindeiras datas deste 2025. Por suposto que este sistema de coperación non é o
mellor para o funcionamento da Comarca porque hai exceso de dependencia
financeira allea. Agora ben, sabemos que a institución máis poderosa (Junta
CeL) é quen establece as regras deste xogo político no que estamos participando
dende 1991.
Entendemos que
o Consello comarcal nestes 34 anos de dinámica política está a progresar institucionalmente.
De seguro que mellor sería ter xa a desexada provincia mais tomamos experiencia política fronte a
instituciois máis fortes (Junta e Deputación). Que ninguén dá autonomía ao
Bierzo por nada, hai que sabela conquistar con presión e negociación. Mentres
nos conceden a provincia ou a rexión, seguimos aprofundar no que ofrece o
Estatuto do Bierzo coma fórmula política do autonomismo.
O Bierzo,
marzo de 2025.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home