O MARQUESADO MÁIS CONFLITIVO
O MARQUESADO MÁIS CONFLITIVO,
Por Javier Lago Mestre.
Cando visitamos Vilafranca do
Bierzo quedamos abraiados pola fermosura da zona vella. Mentres paseamos polo seu
casarío sosegado cavilamos na importancia desta capital señorial na historia. Mais
os pensamentos rachan o silencio rueiro cando recordamos o seu pasado
conflitivo. Foron os Reis católicos quen en 1486 crearon o marquesado de
Vilafranca, trala derrota militar da rebelíón do conde de Lemos en defesa das
súas posesiois fronte ás desputas internas pola herdanza familiar.
Tanto
o marquesado coma a súa capital foron medrando secularmente por mor da política
señorial. Ésta baseábase en diversos poderes, a saber, gobernativo, xudicial,
relixioso ou fiscal que estaban nas mans dos sucesivos marqueses. Nesta ocasión
imos estudar o enfrontamento entre o poder señorial e mailos asoballados
vasalos. Todo se baseaba nun sistema político desigual, propio da sociedade
estamental, con privilexios, mercedes e concesiois da Coroa. Por suposto, a
lóxica histórica tiña que presentar variada conflitividade social por mor da
lexítima resistencia dos vasallos.
Comezamos
pois coa revolta do conde de Lemos cando intentou recuperar de novo Vilafranca
en 1507. Sabemos que houbo unha forte represión por parte do marqués aos
seguidores do nobre rebelde, “confiscó los bienes de algunos y condenó a muerte
a los más destacados”. A mentalidade xusticieira dos marqueses xorde gravada en
mármore no panteón da Anunciada, co lema “Terror e castigo”. Os problemas
seguiron en 1545 coa traizón do administrador do marqués. O marqués marchara
para Italia e deixou a súa muller de gobernanta. Pois ben, ésta denunciou que
“quanto mal dizen e procuran (…) ciertos vasallos y criados” ” (C.J. Hernando
Sánchez, 1994). Clarexos exemplos de que había resistencias internas ao goberno
do marquesado.
O
século XVI foi moi conflitivo para o marquesado. Vilafranca preiteou contra os
seus señores en 1566. Estes vasalos elaboraron un memorial de agravios que se
refería ao peche de camiños públicos, roubo de auga de fontes, ocupación de
cargos municipais cos seus criados, meter viño de fóra, etc. Outro tanto
acontecerá con Cacabelos (1561), que denunciara a proibición de pesca no Cúa e
caza en montes, pagos de alcabalas nas feiras, quitarlles un mercado, etc. E
máis do mesmo sucedera na Cabeira (1527), onde se proibe aos veciños a caza.
Houbo de protestar máis para que se lles concedera aos cabreireses cazar
perdices (1554).
Tamén
sabemos do xuízo de residencia realizado ao gobernador do marquesado (1545). Do
documento xudicial sabemos dos abusos do dito oficial señorial. “Mostraba tener
parcialidad con sus deudos amigos y criados ansi en las causas de justicia”,
ademais por ter “labrado casas en
Villafranca sin licencia del marqués”. Acúsanlle tamén de “que tuvo negligencia
sin castigar los pecados públicos, mancebas de clérigos y frayles y casados”.
Ademais doutros cargos por visitas de términos, toma de salarios de penas,
maltrato de palabra, repartimiento de cantidades abusivas de maravedís entre
vecindario, etc.
No
século XVII os problemas no marquesado continuaron. Ante a ausencia do marqués
en Vilafranca queda de gobernadora a súa filla monxa, sor María de la Trinidad.
As débedas do concello de Ponferrada permiten que os marqueses consigan a
concesión real do cobro das alcabalas (imposto sobre o comercio) mentres os
ponferradinos se resisten aos pagos. A dita sor María escribe ao seu pai (1614),
“y todo topa en la dilación destas alcabalas que no se yo con que conciencia se
las retienen”, e continúa co seu relato, “los más graçosos locos que he visto
en mi villa, soñando de noche disparates que hacen a la mañana, pero como estos
labradores son ynorantes van a sus aldeas a pregonarles mil boberías” (A Guzmán
Sancho, 2015). Esta mentalidade señorial amosa a superioridade social cos seus
vasalos bercianos rebeldes.
Polo
século XVIII son numerosas as queixas contra os oficiais do marquesado. O
concello de Vilar de Corrais preitea contra o alcalde maior por usurpación de
xurisdición (1788). O mesmo acontecerá entre ese dito oficial señorial e miloo
concello de Corullón (1793). Máis longo foi o preito entre os lugares da
gobernación de Valcarce a prol do cese do seu gobernador nomeado polo marqués
(1785-1791).
Os
correxidores de Vilafranca non tiñan boa zona en Vilafranca. En 1782 o correxidor
señorial tivo que tomar declaraciois a veciños ante a aparición de certos “pasquines que conspiraban contra el”, ademais
de “haberle roto a pedradas las vidrieras de su casa una noche” (M. Higuera
Quindos, 2017). Depois, en 1784, máis problemas de goberno pois outro correxidor
se enfrontou aos alcaldes ordinarios da vila, para evitar competencia xudicial
e cobrar el as costas e honorarios dos xuízos. As queixas populares son ben
expresivas, “suplicamos a ustez nos consuele con algún remedio pues si sigue
tanto daño consiguira acabar con nosotros y con nuestros vienes y asi pedimos
aiga remedio para ello” (A. Alvarez de Toledo, 1997).
Trala
invasión napoleónica prodúcese a crise do Antigo réxime. As Cortes de Cádiz lexislan
en contra do poder señoríal. Por suposto, os bercianos toman conciencia coletiva
da nova política liberal e protestan ante os abusos señoriais. En Corullón reúnense
localidades do marquesado para queixarse contra o alcalde maior do marquesado
(1814), “de los crecidos salarios que exigen además de las estorsiones que son
consiguientes extraiendo con la mayor violencia y sin ninguna consideración los
bienes y efectos destos naturales”. Corullón comanda de novo as protestas tamén
en 1815 e 1817, alegando a autonomía histórica desta vila fronte ao poder
marquesal (MJ. Garcia González, 2007).
Por
suposto, as reformas liberais do XIX provocaron a resistencia de certos
sectores sociais, caso da Igrexa (bispados, mosteiros e párrocos). Neste caso cabe
salientar o informe elaborado polos cregos de ”los pueblos que se compone la
Merindad de Aguiar en la provincia del Bierzo” (1817) que amosaron o seu apoio ao
mantemento do marquesado de Vilafranca (I. García Tato, 2000). Recordemos que
muitos cregos rurais desfrutaban dos beneficios en parroquias dependentes da
Colexiata de Vilafranca, creada polos marqueses no século XVI. Finalmente o
réxime señorial foi derrotado polo novo réximen liberal que creou a provincia
de Vilafranca.
O Bierzo, xullo 2024.

0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home