viernes, abril 19, 2024

OS LINDEIROS GALEGOS DO BIERZO.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


OS LINDEIROS GALEGOS DO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

Sempre hai grande debate social e político co tema da identidade compatida entre Galicia e O Bierzo na historia. Para engadir máis datos sobre este controvertido tema hoxe viaxamos á Idade moderna, por mor da leitura de diversos textos históricos que temos recompilado. Quizais eses papeis sirvan para comprender como os seus autores veían as relaciois estreitas entre ámbolos dous territorios veciños.

            A fines do século XV os condes de Lemos señoreaban os seus territorios do ocidente de Galicia e O Bierzo. Os cronistas desta época relatan a toma de Ponferrada polo conde Rodrigo (1486). Así Hernando do Pulgar vincula esta vila con Galicia, “conde de Lemos é señor de Ponferrada (…) era el mayor señor de aquel Reino de Galicia”, tamén “fizo algunos robos y fuerzas por la comarca para bastecer aquella villa, e las otras fortalezas que tenía en el Reyno de Galicia”. Pola súa banda, Jerónimo Zurita refírese a esa rebelión coma “teniendo el Rey nueva desto, considerando que cualquier novedad podría ser muy peligrosa en Galizia” (Anales de la Corona de Aragón),   


 

            Foron os chamados Reis católicos os que decidiron executar mellor o poder da Coroa de Castela sobre o reino galego. Varios documentos (1480, 1484 e 1486) refírense a ordes para que os oficiais reais fagan xustiza, ante “os males e escándalos (…) que ha abido en Galicia o en El Bierzo”. É dicir, xorden os dous territorios vinculados e veciños diferenciados. E cando ditos reis outorgan privilexios ao lugar de Acebo por limpar o camiño, o texto fai referencia a “que son en el puerto de Rabanal, de la entrada del Reino de Galicia” (1489). O arquivo de Indias de Sevilla recolle datos de emigrantes bercianos, nos papeis de rexistro xorde “Villafranca que es en Galicia” (1513), como demostración de identificación territorial.

            Tralas revoltas do conde de Lemos contra a Corona (1486 e 1507) en defesa das súas posesiois galegas e bercianas, O Bierzo xorde claramente coa denominación de provincia territorial a efeitos fiscais, militares e gobernativos. Dita provincia sempre estivo baixo o control dos correxidores reais que moraban na capital ponferradina. Esta vila berciana ten conciencia de ser “puerta y llave de los reinos de Castilla y Galicia. Y en tiempos de diferencias, es fuerza muy segura para mandar y señorear y defender desde allí, mucha parte de dichos reinos”, según preito polos seus xuices locais de 1505. O castelo de Ponferrada posúe valor militar estratéxico nos tempos das Comunidades de Castela. Velaí que a alta nobreza galega demande ao soberano Carlos I (asemblea de Melide, 1521) a súa defensa para evitar os contaxios comuneiros, polo que o rei determina “quanto a lo que suplicays mandé proveer alguna gente de guarda de este Reyno (Galicia), en lo de Ponferrada”.



             Noutro preito, entre os concellos de Mansilla e Ponferrada, polo pago dos portazgos, na correspondente sentenza lemos que “e por ser como era, llave e principio del reyno de Gallizia (…) en la dicha villa de Ponferrada que dividia e partia el dicho Reyno de Gallizia destos nuestros Reynos de Castilla y de León” (1522). Xorde claro o carácter fronteirizo do Bierzo entre reinos veciños. Outro documento real do mesmo ano fai referencia aos apeos do mosteiro de Samos sitos en “nuestro Reyno de Galicia e provincia de Verzo (sic)”, de novo coa diferenciación territorial.

            Ambrosio de Morales fixo unha viaxe a Galicia, por orde de Felipe II, na procura de reliquias. Cando visita rexión do Bierzo escribe que “también cuento por de Galicia a S. Pedro de Montes, monasterio de Benitos, aunque es en El Vierzo, que ya es del reyno de León” (1572). Incluso outro documento do arquivo de Simancas fai referencia expresa aos mosteiros do Bierzo, “porque el corregidor de Ponferrada deje la jurisdicción como tal a unos monasterios de Galizia” (1501). Para as instituciois de Castela O Bierzo tiña moita relación con Galicia. Así, cando se concede a tenencia do castelo de Ponferrada aos marqueses de Vilafranca (1561), nova alusión a “la fortaleza de Ponferrada, situada no reino de Galicia o en otro reino del dicho Rey”.



            No século XVII, na “Crónica General de la orden de San Benito”, o seu autor, Antonio Yepes, relata que “la Provincia del Bierço (como dizen) haxe dos luzes, esta mirando al Reyno de Galizia, como quien tiene vezindad, y está en el Reyno de León, por esso quiso el Rey don Bermudo en aquel puerto fundar un Monasterio muy noble (Carracedo), que estuviesse en medio de entrambos Reynos”. Velaí o popular dito local, “do Bierzo birollo”, que aproveitamos para recordar outro, “Galicia es la huerta y Ponferrada es la puerta” (Luís Manescal, 1621). Incluso en León lo cantan claro, “si Coyanza castellana, y el Bierzo gallego son, y la Montaña asturiana, ¿qué le dejas a León”. Alonso Castillo Solorzano, escribiu “La niña de los embustes” (1632), onde se refíre á protagonista que “tuvo su patria en Galicia, en la villa de Cacabelos”, nova referencia aos bercianos coma galegos.

            Voltamos aos textos históricos para comentar que Hernardo Camargo, en su libro “La iglesia militante “ (1642), escribe “Villabona, en la provincia del Bierzo, del Reino de Galicia”.  Pola súa parte, Alonso de Villerino estuda as relixiosas recoletas,  para escribir, “divide el Vierzo al Reyno de Galicia de la provincia de Campos, Villafranca es el pueblo más lúcido de este país, y más conocido en España, por la grandeza de su señor, y está en la raya de Galicia” (1690).

            Xa no século XVIII temos algunhas referencias ao Bierzo galego. Cando se anuncia a morte de frei Martín Sarmiento se indica “cronista general de la orden de San Benito de la Congregación de España, natural de Villafranca del Vierzo, en Galicia” (El Mercurio político, 1772). Este erudito berciano, realizou varios traballos filolóxicos de campo, os cales rematan o seu ámbito territorial de estudo no porto de Foncebadón, onde finaliza a posible influenza da cultura galega no Bierzo. Por certo, a chamada Cruz de Ferro tivo unha forte significación sentimental para os emigrantes, tanto bercianos coma galegos. Era alí onde se producía a despedida dos emigrantes que baixaban para Castela, e tamén o rencontro coa nación galega dos que voltaban. Para os peregrinos estranxeiros O Bierzo e Galicia eran o mesmo territorio (paisaxe, costumes, lingua…). Incluso o viaxeiro francés, Guillermo Manier, declara que Astorga es “la primera ciudad de Galicia” (1726). E no chamado “Don Quixote de la Cantabria” (1792) lemos que os bercianos “dizen vienen a ser ya mediu gallegos”.

O Bierzo, maio de 2024.  




http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es