NOVO DÍA DO GALEGO NO BIERZO.
O DÍA DO GALEGO NO BIERZO.
Por Xabier Lago Mestre.
Un ano máis celebramos para o 9
de marzo o Día do galego no Bierzo. Tal data representa o nacemento, en 1695, de
frei Martín Sarmiento en Vilafranca. Este erudito berciano escribiu muito de
diversos saberes, salientanto en ensino e filoloxía do galego. Neste senso
defendeu a dignidade deste idioma en paridade co castelán e o portugués. Por
suposto, para os galegofantes do Bierzo representa un exemplo a seguir. Estamos
seguros de que Sarmiento loubaría a luita de hoxe polo noso galego, porque
estamos avanzando paseniño cara a nomalización deste idioma na rexión.
A
data do Día do galego serve para facer unha reflexión da actualidade do noso
idioma. Da recente reivindicación da tvgalega no Bierzo podemos salientar o orgullo
coletivo pola defesa do galego. Por suposto, os televidentes podemos dividilos
entre os que falan o galego, os que entenden esa lingua parcialmente, ademais
dos neofalantes (por exemplo, os estudantes de galego e portugués). O galego é
idioma romance moi semellante ao castelán, velaí a fácil comprensión das súas
series, películas, concursos, noticiarios, etc.
A
comunidade galegofalante do Bierzo representa unha minoría en Castela e León.
Aínda así debe ser respeitada pola maioría castelán da provincia leonesa. A
dita minoría cultural ten unha continuidade desde a Idade Media segundo a
documentación en galego dos mosteiros bercianos. Mais non queremos mirar para o
pasado, senón analizar o presente para afrontar un mellor futuro cultural.
Hai
un grupo de falantes bercianos do medio rural que defenden a súa fala
tradicional. Estes podemos denominalos coma dialetistas. Entre eles están os
que se refiren ao seu chapurreao, dialeto berciano ou galegoleonés, falas de
vales (fornelo, ancarés…). Este escesivo localismo céntrase no galego labrego,
gandeiro, toponímico, oral… que amosa
lóxicas especificidades lingüísticas. Velaí que atopen diferenzas léxicas ao ver
a dita tvgalega. Neste grupo engadimos eses etnógrafos que non queren
contaminar o puro galego rural con malas influenzas foráneas, propias da
modernidade. O seu problema existe no seu excesivo localismo que empece
entender a realidade lingüística do noroeste peninsular.
Dentro
da comunidade galegofalante do Bierzo hai outro grupo que podemos chamar
culturalista. Son os que destacan o protagonismo do galego a nivel cultural.
Por iso o importante é editar libros (novelas, poesías, dicionarios…), ou facer
actos culturais (celebrar o Día do galego, festexar Os maios…), fomentar o
ensino nos colexios, convocar concursos escolares, etc. Este grupo cultural
comentado rexeita as chamadas influenzas políticas porque cren que
desprestixian a reivindicación. Agora ben, si están pola relación institucional
cando precisan de cartos públicos para financiar as súas actividades culturais.
O
terceiro grupo galeguista vén representado polos máis politizados. Estes
conseguimos o recoñecemento expreso do galego no Estatuto de autonomía de
Castela e León, e logo ousamos pedir a oficialidade deste idioma ante as Cortes
xerais. Por suposto, este activismo político está mal visto pola maioría. Mais
os politizados que comentamos apostamos polo recoñecemento de dereitos
lingüísticos, os mesmos que teñen os cidadaos na Galiza. Hai un claro interese
por rachar cos artificiais lindeiros administrativos do Cebreiro que perduran
no imaxinario político castelao.
O
grupo politizado que comentamos quere a normalización do galego nos eidos
lingüísticos (ensino, instituciois, política, comercio…). Incluso pretendemos
penetrar nas novas tecnoloxías (tv, radios, dixitais, redes sociais, etc). E
como aposta pola modernización e internacionalización mira para o portugués
como mellor aliado. Quen visita Portugal ben experimenta a irmandade entre o
galego e o idioma luso. Outra cousa son os prexuízos (políticos, filolóxicos…)
de moitos contra unha achega ao portugués.
Os
neofalantes do galego queren un idioma funcional que lles sirva para moito máis.
Viaxar por Portugal e Brasil, desfrutar do lecer (literatura, internet,
música…), estudos universitarios en Galiza e Portugal, atopar novos traballos
fóra do Bierzo, etc. Neofalantes que non entenden de tolerías, políticas, “el
gallego en Galicia, no en El Bierzo”, localistas, “cada comarca tiene su
gallego”, leonesistas, “El Bierzo colonizado por el gallego exterior”,
etnógrafos, “el gallego mata las hablas locales”, etc.
Outra
problemática incomprendida é o tema da normativización do galego escrito e
estandar. Por suposto que hai diferenzas no idioma galego histórico pola
dialetalización, derivada das peculiaridades comarcais. Cada xeración,
veciñanza, localidade, val compartido ou comarca ten achegado ao galego o seu
léxico distintivo ao longo dos séculos. Velaí a necesidade moderna de fixar un
léxico determinado, coa súa gramática correspondente. O galego é falado na
Galiza, mais tamén no Eonavia, O Bierzo e A Seabra. Queremos entendernos todos,
apesar das diferenzas territoriais, coa axuda dunha gramática e léxicos
unificados. E, por suposto, imos máis aló cando miramos fixamente para o
portugués neste século XXI, porque a nosa lingua vivirá se simpatizamos con
máis falantes.
O Bierzo, febrero 2024.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home