viernes, enero 26, 2024

O ENTROIDO NA REXIÓN DO BIERZO

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL



O ENTROIDO BERCIANO,

Por Xabier Lago Mestre.

De novo chega o entroido que ten moito raízame porque descoñecemos a súa antiga orixe. Posiblemente esta festa de inverno sexa máis pagana ca cristiá. Dende logo a dureza do inverno rural (chuvias, néboas, neves, friaxe…) ben merece unha festa moi divertida coma o entroido. A relixión católica ben soubo impoñer a súa moral restritiva polo que se refire ao cumprimento dos seus mandamentos sacros. En contraposición a isto, o entroido rachado contra os poderes históricos, enténdase a igrexa, a nobreza señorial, os concellos, a xustiza real, etc.

Na rexión do Bierzo temos o entroido rural e o chamado carnaval. Este último impóñese no medio urbano das ciudades e vilas, coas comparsas e vistosas carrozas que seguen as modas conxunturais e foráneas. Así o carnaval ten caracteres semellantes en diversos puntos do planeta. Eiquí faremos mención ao entroido tradicional berciano. Referímonos ao entroido rural que aínda pervive con risco de desaparecer pola diversa casuística (despoboación, envellecemento, illamento…



Comezamos no Bierzo alto onde salientamos Noceda cos seus zarramacos vestidos de farrapos de roupas. O protagonismo é da súa vaca foira e do touro louco. Os animais vacúns foron os señores das montañas durante séculos. Outras localidades que festexan con cortexos animais son Santibáñez del Toral e Castropodame. Nesta última pasean o seu monigote enriba dun burro. Mentres en Igueña teñen o seu Maruxo, ese home vestido de muller que recorda a crítica sexual. Nos lugares gandeiros xorden figuras de pastores (Salientes) e nos industriais non faltan os mineiros tiznados de negro. Salientamos a Tremor coas súas famosas burras, figuras axigantadas que fan seus cortexos polos calexos, mentres repiten “burra, cantosa, marrana y asquerosa”. En Urdiales de Colinas as rondas serven para recadar comida polas casas que se consume no xantar máis comunal.

Pola zona ocidental do Bierzo, os maranfallos de Burbia. Eles fan pasarúas ao berro de “maranfallón, maranfallón, cara de gatín”. Os cortexos son pedigüeños de viandas, porta por porta, para facer depois as ceas comunais entre a veciñanza. As noites son iluminadas cos fachois tamén purificadores e non faltan os diaños temerosos. En Vilar de Aceiro córrese o entroido mentres se cisca cinsa ou fariña entre os veciños e visitantes. Diversión e agresividade mesturan o entroido. Hai que saber levar as brincadeiras propias destas datas porque é o prezo a pagar pola socialización tradicional. En Moreda os maragatos levan refaixos de muller, onde destacan personaxes coma a Frasca e A xoroba. As localidades de Sortes e s. Pedro de Olleros teñen os seus animais, a vaca e mailo touro,  coma símbolos gandeiros. 



Fronte ao silencio eclesial e regrado, o entoido berrador, “vello raiouco, nacido no couto, vello raiouco, nacido no couto, o día do entroido”. Por Valtuille, queiman o entroido, un moneco de palla, para o martes, mentres recitan “entroido peludo, orellas de burro”. Baixamos para atopar os carantoños de Oencia, onde plantan o pau de antroido, outro tanto acontecía en Lusío e Vilarrubín, co seu pao do meco. Mentres en Sobrado había unha batalla de fachas acendidas, entre os bos casados e os malos solteiros. Quen non recorda as xostradas e golpes que se reciben uns doutros. A limpeza non existe cando voa a cinsa do forno ou a fariña, tampouco faltan as picadas das formigas bañadas en lamas. A figuración maniquea no entroido de diversos xeitos.

Temos visto xa a impotancia da literatura oral no entroido con varios exemplos. A palabra compartida (canciois, coplas…) socializa tanto coma a diversión. Sabemos da importancia das caretas para reforzar o anonimato festivo, “en entroido, disfraz de coiro”. E visto queda a importancia do xantar comunal, mellor cun bo botelo! “entroidiño, comiches a carne, e deixaches o pan”. Todos ben saben o que acontecerá cando remate o bo entroido, o sosego obrigado e imposto, “entroido á raxeira, pascoa á lareira”. Mentres chega a represiva Coresma, que soe a música, “antroido, pandoiro, pasou por eiquí, tocando a gaita”.

A crítica social non falta no entroido, por iso os ataques represivos dos poderes. A política na diana máis crítica, “polo entroido, non hai partido, todo compatido”. As autoridades, obxetivo satírico, “o correxidor está perdido, que a xustiza está fuxida”. O caciquismo botado, “o gobernador, gran compoñedor eleitoral, seu concellal sempre servicial”. A Igexa non se librou dos ataques populares, “este é o Santo Entroido, é o santo verdadeiro, o que quere o Santo Entroido é que lle enchen o…



A resposta do poder sempre foi a represión, desde os altares ou coa xustiza civil parcializada. Os reis de España ben que se aplicaron en executar leis anticarnaval. Carlos V impuxo azotes e desterros contra os portadores d disfraces de carnaval (1523). Austrias e Borbones seguiron coas súas dinámicas represoras. O Código Penal de 1870 deixaba claro a súa oposición a levar máscaras. En tempos do franquismo, o Boletín oficial de León está cheo de sucesivas circulares contra o entroido, “suspendidas las llamadas fiestas de carnaval”, por orden del gobernador civil.

A Igrexa, sempre vixilante da súa moral. Os visitadores do bispo de Astorga, en Toreno, denunciaban que “los disfaces que suelen hacer algunas mozas en las noches de carnestolendas y otras con el abuso y apellido de farramecos” (1784). Foron moitas as localidades bercianas que tiveron que agocha as palabras entroido e carnaval para evitar as proibiciois, gobernativas e eclesiais, por iso utilizaron a expresión “festas de inverno” para burlar as autorizaciois.

O Bierzo, febreiro de 2024.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es