A TOPONIMIA GALEGA DE VILAFRANCA.
A TOPONIMIA DE VILAFRANCA,
Por Xabier Lago Mestre.
Vilafranca do Bierzo é unha
importante localidade do Camiño de Santiago. Ademais identificamos Vilafranca
cun pequeño municipio hoxe. Máis antigamente foi unha xurisdición formada por
13 aldeas, e tamén deu nome a un amplo marquesado señorial da Idade Moderna (Valcarce, Aguiar, Corullón, Cabreira, etc). Agora
trataremos de pescudar na pequeña toponimia que conserva esta vila e a súa contorna.
Por
suposto para saber da toponimia histórica consultaremos os vellos textos medievais
que conservan os tumbos monásticos. A
primeira referencia da nosa localidade foi Burbia, “sita estin villa Burvia,
que alio nomine nuncupatur Villa Franca” (ano 1120). Cando se populariza o nome
de Vilafranca, engádese a expresión “cerca de Valcalce”. Aínda hai debate sobre
a razón da nova denominación, se pola presenza de francos (relacionados co
mosteiro do Cruñego) ou pola concesión real de foro vilego cos correspondentes
dereitos francos.
A
organización interna de Vilafranca dependeu das primitivas igrexas (Santiago,
Nicolás, Catalina…). Sabemos dos vellos nomes dos primeiros barrios (Seco, Falcón,
Catalina, Santi Espiritus, Santiago…). A isto hai que engadir a presenza de
novos barrios periféricos, fóra da cerca e das portas (Salvador, Concepción,
Tejedores, Granja…).
Do século XIV o mosteiro de Cluni achega outros documentos, “en el dicho lugar de Villafranca, e ias u dicen Cucelo, so signo de Santa María de Villela, e ha términos de vinna de vos mismos, e por términos vinna de San Bras (1376)”. Lemos a peculiar grafía ll e nn en lugar de l e ñ respectivamente, éstas propias da oralidade local.
No Cartulario do mosteiro de Carracedo temos
varios documentos que nos falan da toponimia de Vilafranca. “Duas vinnas que eu
ei en Villafranca, su signo de Sancta María de Crunnego. Una destas vinnas
chaman a vinha das Troitas (…), outra vinna chaman das Fontainas” (1312). Neses
temos sabemos da existencia dun vello castelo, anterior á fortaleza dos
marqueses, “una bodega del monasterioque es en el castello, en la colación de
Santiago” (1408). E non todo eran viñas, “cerca dese lugar de Villafranca, o disen
la Devesa, so signo de Santiago”.
Se
estudamos o tumbo do cenobio de Santo Andrés de Espiñareda, atopamos tamén
referencias a Vilafranca. “El poulo iaz hu chaman Bergonno, per términos de Nicholao
Paleyro e Domingo Perez Capellan de San Nicolao, e pela carrera antigua a Val
de Aquil” (1266). Incluso con menciois aos concellos populares no Campairo, “concello
de Villafranca ayuntado en la eglesia de san Nicolao de Villafranca” (1290). Como
temos visto, os sucesivos escribanos e monxes utilizaban a grafia que coñecían
en cada época, onde non resulta extraña a lingua romance galega.
Para
saber da toponimia do século XVIII relemos o tumbo do priorato do Cebreiro. Así
atopamos “una viña sita en Cotelo, término de Villafranca” (1755), e outro
texto, refírese a un foro de viña “na Pedreira, término de Villafranca,
colindante con camino y jardín do marqués de Villafranca” (1756). Os grandes
propietarios (laicos e eclesiásticos), controlan a terra, caso do convento da
Asunción de Vilafranca que paga por unha viña sita no Toleiro (1760). Topónimos
galegobercianos continúan en textos casteláns, “por el medio día camino de
carro que baja al sitio que llaman Millaradelo y da con el de Fompombeiro”
(1788).
Na
propia Vilafranca temos numerosos topónimos ben galegos. Casos do requeiro
Barbuliña e a praza da Xirula. A praza do Campairo perdeu a súa igrexa medieval
de San Nicolás, e con ela, desapareceron as xuntas do concello e o seu mercado
vello. O Campo baixo recorda o Campo Cruñego que esnaquizou terreo comunal para
dar orixe ao xardín da Alameda no século XIX.
Outros
topónimos locais ben que trocaron. Caso da rúa de Auga (recordo das enchentas
humidas) que foi tamén de Ribadeo (ferrocarril a Villaodrid) e do almirante
Topete (guerra de Cuba), segundo os mandatos políticos. Os gobernos de turno
impuxeron Comandante Manso (Campo baixo), Fernández Marva (Campairo), praza
Generalísimo (praza maior) ou Calvo Sotelo (A Pedreira).
Vilafranca
é moi monumental e isto modifica a traza urbana e maila nova toponimia. Os máis
significativos edificios arquitetónicos condicionan casarios (Castelo,
Anunciada, Colexiata, Concepción, estación, etc). Outro tanto acontece coas que
foron importantes fontes comunais (san Lázaro, Cubero, Trivijano, Quintano, Libertad…).
A expansión urbana do século XX forma pequenos barrios coas urbanizaciois
(Cotelo e Guindaledo).
Aínda
hoxe, nos pagos viñateiros de Vilafranca, atopamos topónimos ben galegos. Ao
sur da antiga estrada nacional VI existen Tolleiro, As Chas, A Cabana,
Fumpumbeiro, Cabalo latoso, Cerezais, regueira de Toleiro, camiño de Vilela,
etc. Queremos que eses vellos topónimos non se castelanicen coas perdas do
artigo galego, dos sufixos, etc. porque como tais forman patre do noso
patrimonio lingüístico berciano secular. Mais os perigos impositivos axexan por
doquier, coas concentraciois parcelarias, as novas vías de comunicación terrestres,
os polígonos industriais, etc.
O Bierzo, decembro de 2023
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home