jueves, noviembre 09, 2023

190 ANOS DA PROVINCIA LEONESA.



190 ANOS DA PROVINCIA LEONESA,

Por Xabier Lago Mestre.

Celébrase o 190 aniversario da provincia de León, creada por Decreto de 30 de novembro de 1833. Curiosamente neste 2023 tamén teñen lugar os 200 anos do final da nosa provincia de Vilafranca do Bierzo. Dúas datas históricas que se viven de distinta maneira polos leoneses e mailos bercianos. Por suposto a existencia da provincia berciana ten sido moi sentida polos seus cidadáns (concienciación, datos históricos…). Incluso no Bierzo houbo varios actos de recoñecemento do bicentenario da nosa provincia de Vilafranca (placas, actos políticos, libros, conferencias, exposición, etc.

            Desde León non se valora a importancia do provincialismo histórico berciano. Sempre temos que oir que a provincia de Vilafranca durou poucos anos (Trienio liberal). A isto hai que engadir que houbo outra provincia berciana anterior, a que se creou en 1486 polos chamados Reis Católicos. Esta provincia existíu durante toda a Idade Moderna. Os debates continúan sobre o seu contido institucional, territorialidade, temporalidade, provincia ou partido fiscal, etc. Mais non se pode negar a súa presenza na variada documentación histórica e, polo tanto, na mentalidade da xente dese período. Que non todo se reduce ao protagonismo dun reino medieval leonés, que no Bierzo tamén nos interesa nosa historia (institucional, lingüística, etnografía…

            Pola outra banda, depois de 1833 houbo numerosos e sucesivos intentos bercianos por recuperar a súa provincia, comandados polas vilas de Ponferrada e Vilafranca (1834, 1837, 1841, 1842, 1843, 1846, etc que remataron ante as novas ideloxías rexionalistas. Todos eles demostración da conciencia provincialista colectiva e da busca dunha alternativa provincial a León. Ademais, foron varios os proxetos estatais de recuperar a provincia berciana (Pascual Madoz, Caballero, Lucas Mallada, etc). Sen embargo o centralismo non pasou da concesión do partido administrativo de Ponferrada, do depósito militar de Vilafranca ou dos dous partidos xudiciais.



            Voltamos á atualidade para comentar que a provincia leonesa está ben protexida xurídicamente pola Constitución e pola lexislación do réxime local español, ademais da propia dinámica histórica (centralismo, caciquismo, burocracia, goberno civil…) que favorece a conciencia coletiva leonesista. Velaí a razón de que sexa tan difícil convencer ás elites políticas da necesaria descentralización. Neste senso temos que recordar os ataques que xurdiron coa aprobación da Lei da Comarca do Bierzo (1991) desde León. Para moitos hoxe o Consello comarcal forma parte dunha estratexia política antileonesa de “divide e vencerás”.

            Convén saber que a Comarca do Bierzo está protexida expresamente polo Estatuto de Autonomía de Castela e León, no seu artigo 46.3, mediante lei orgánica de Cortes xerais. Ademais hai un mandato de que “la diputación provincial de León podrá delegar en la Comarca de El Bierzo las funciones que tuviera atribuidas por el ordenamiento jurídico, con las limitaciones establecidas en la legislación básica estatal, previo acuerdo de aceptación del Consejo Comarcal (…)” (LCB, art. 9.1). Polo de agora a Deputación leonesa pouco ten delegado no Bierzo, salvo pequeñas obras, SAM, Banco de terras e oficinas en Ponferrada.

            Vexamos un caso de centralismo da Deputación de León moi especial. Esta institución xestiona a competencia de cultura, na cal se inclúe a promoción das linguas da provincia, a saber, castelán, leonés e galego. Pois ben o Instituto leonés de cultura, dependente da dita Deputación, apoia o galego de xeito ocasional con algunha mínima subvención. A lóxica política ben nos indica que esta competencia sobre o idioma galego debería ser descentralizada no Consello Comarcal do Bierzo. Que desde la capital leonesa se xestione a política cultural sobre o galego non ten pés nin cabeza e resulta ben discriminatoria. Recordamos que a Deputación de Lleida xa sinou un convenio co Conselh Generau de Arán para o fomento do idioma aranés por 200.000 euros.



            Quizais habería que preguntarse se en León xa se asume con normalidade que no Bierzo falamos galego. No Estatuto de Autonomía de Castela e León e na Lei da Comarca menciónase o idioma galego do Bierzo. Moitos leoneses defenden a viabilidade do seu idioma leonés mais negan a existencia de galegofalantes. Vai sendo hora de que se admita a singularidade cultural berciana, non con sinxelas palabras senón con feitos políticos, con descencentralización xa.

            A provincia leonesa non se pode entender sen a diversidade comarcal. O problema é crer que O Bierzo é unha comarca natural coma as demais. Repetimos, temos un recoñecemento histórico, territorial, institucional e político, nas varias leis vistas enriba. Vaiamos máis adiante, hai unha conciencia coletiva bercianista que non se pode negar, que se expresa por exemplo, en partidos rexionalistas, en grupos culturais, en equipos deportivos, etc. Unha manifestación disto son os derbis entre a Cultural e a Ponfe, miles de seguidores coas súas bandeiras leonesas e cruceiras. Casualidade? Non, expresión de sentimentos que son propios de identidades coletivas veciñas.

            Agardamos que este 190 aniversario provincial leonés sirva para que recapaciten os políticos e viren as súas estratexias centralistas atuais. Vai sendo hora de entender a nova realidade institucional e cultural do Bierzo mediante a necesaria descentralización. En caso contrario, de seguro que medrará a conciencia bercianista que procurará o seu camiño vindicativo (reforma Lei da Comarca). En León ben saben das súas carencias políticas, no seu proceso de conformación territorial (poder electoral insuficiente, segregación de Castela…), sen a compaña do Bierzo.

O Bierzo, novembro de 2023.




http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es