AS PAISAXES RURAIS BERCIANAS.
AS PAISAXES BERCIANAS,
por Xabier Lago Mestre.
Cando visitamos o medio rural
berciano atopamos unhas paisaxes visuais moi fermosas. As formas xeográficas
son variables, así consta nas altas serras (Ancares, Aquilanos, Gistredo…), con
numerosos cordais que dividen vales vecinos (Fornela, Valdoza, Valcarce,
Cabreira, etc. Neses vales e valegos xorden numerosas localidades con distintas
denominaciois (vilas, barrios, anexos, lugares…), mais noutrora houbo outros
poboamentos agrogandeiros, casos das brañas, malladas, corrais, alzadas, casais,
vilares, quintas (Quintela de Valboa) ou castros (Castropetre e Castroquilame).
As
localidades bercianas organizaban o labradío dos seus territorios. Xunta as
casas estaban os hortos para cultivo das hortalizas e frutais. Aínda hoxe
podemos atopar a labregos atraballar neles. As terras estaban ben divididas en
tabladas (Trabadelo), travesas (Traviesas), tallos, latas, etc. Máis alonxados localizamos
o cortiñedo con pequenos leiros para produtos especializados (patacais,
navizais, millos…). Dos liñares tirábase a fibra vexetal destinada á
fabricación de texidos para as roupas. Serían as pedras testigas, pedrafitas e
os sebes vexetais os que dividían os predios. Existían tamén os pradoiros que
daban escasas segas, mentres que os lameiros, ao ter tanta auga, producían
moita herba para o gando.
Nas
ladeiras dos vales estaban os terreos cultivados con cereais. Referímonos as
cuadrelas ou cuadriellas, divididos en dous terrádegos, un para o cultivo e
outro adicado ao poulo (descanso para pasto ocasional). Máis altos, nos
chamados chanos ou chaos, campas e lombos interfluviais, estaban as searas ou
bouzas, de menor produtividade cerealísta para o centeo. Terras que necesitaban
moitos anos de descanso tralo seu cultivo ocasional. O seu traballo era
comunal, organizado polas xuntas veciñais. Ditas xuntas elixían os terreos que
eran cercados e coutados na chamada agra conxunta. Esta explotación,
posteriormente se dividía mediante eiros entre a veciñanza rural para o seu
cultivo, mediante sortes, adras, partixas e quiñones. Primeiro estas terras
eran rozadas, para depois ser queimadas, sobre as súas cinzas facíase sucesivas
aradas (valbar e binar), a sementeira e logo a colleita de xeito comunal. As
terras comunais podían estar divididas en man cargada (cultivada) e
mandescargada (poula ou pasto).
Os
traballos comunitarios agrogandeiros, mediante faceiras, desapareceron trala
forte emigración rural de mediados do século XX. Dese terrádego comunal
desaparecido queda a toponimia, Agro de Moñon (A Veiga de Valcarce), Agro de la
Gándara (Folgoso de la Ribera), Eiro das searas (Burbia), Agros do pan
(Cabarcos), etc.
Outros
grandes espazos vexetais foron as matogueiras máis variadas, de sardois,
rebolos, carqueixas, uces, etc. Deles saían desde combustibles (leñas,
antorchas…), cama das bestas nas pallozas e corrais, etc. Ante a falta de
cultivos de searas e bouzas, resulta que o mato invade sen xeito todo o
comentado antigo terrazgo ocasional.
Nas
ribeiras hídricas xornden as chopeiras, olmeiros, sabugueiros, fresnedas, etc.
Máis altos estaban os soutos de castaños, carballeiras, teixais, faixal de
Busmaior, etc. Todo deles era aproveitado, a madeira para casas, mobles e
ferramentas, as follas e ramaxe para alimento dos animais, etc. A toponimia
esta chea destas referencias vexetais. Castañoso, Soutelo, Noceda, Finolledo,
Fresnedo e demais. Por certo, mentres a propiedade do solo era comunal,
xestionada pola xunta veciñal, a propiedade das árbores era privada, caso dos
castaños. Tamén as xuntas veciñais regulaban a súa explotación mediante a
fixación de coutos, para portexer os froitos, así como os tempos da permitida apañada
humana ou súa inxesta polos animais (piaras de gochos nos soutos e enciñais).
Nas
altas serras estaban as famosas brañas gandeiras, onde acudían os rebaños de
meirinas castelás, previo aluguer desas terras polas xuntas veciñais
propietarias aos gandeiros foráneos. Tamén existían as chamadas morteiras,
lugares boscosos reconveridos en terreos de pastos, ante o medre da demanda de
carne pola xente das vilas desde o seculo XVIII. Por suposto, o gando vacún
tiña os mellores pastos, coa compaña das ditas ovellas, mentres que as cabras
estaban nos máis rocosos. Recordamos que algún vecinos emigraban
estacionalmente, de forma conxunta, dende as súas localidades, co seu gando,
para subir aos altos pastos (de Campo de Agua a Aira da Pedra ou de Burbia a
Algueira).
Na
chaira berciana, estaba o viñedo dividido en bagos. A alta produtividade do
viñedo e a procura de pastos para o gando favoreceron os desexos de
privatización dos antigos terreos comunais, coas desamortizaciois do século
XIX. Velaí a razón de que hoxe as terras comunais sexan máis grandes nos
concellos montañosos que nos concellos da chaira berciana, onde xa
desapareceron nas vilas (Ponferrada, Vilafranca, Cacabelos e demais.
Outra
ordenación rural está representada polas vías de comunicación rurais, son os exemplos
das corredoiras, vieiros, sendeiros, carruñas, rodeiras, vados, etc. Os
concellos ordenaban a obriga de arranxar estas vías de xeito comunal
(faceiras). Xuntas veciñais que tamén protexían os cauces de auga (ríos, regueiros,
regatos..,). Durante as secas había que reparar as canles para traer auga ás
localidades dende fontes e mananciais. Ademais, os concellos regulaban os regos
dos hortos e cortiñedos mediante turnos (quendas) para evitar conflitos
veciñais. A institución das veceiras servía para levar o gando de xeito común
para os pastos.
Oxalá
esta exposición sirva para ver a paisaxe rural doutro xeito. Hai que valorar a
súa beleza e valores naturais. Mais tamén debemos comprender a súa toponimia
para coñecer a súas historias locais, feitas co traballo acotío de moitos
labregos e gandeiros. A singular arquitetura rural forma fermosos casaríos que
non se poden illar da ordenación territorial que enriquece a descritas contornas.
O Bierzo, novembro de 2023.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home