OS ATAQUES LEONESISTAS AO GALEGO DO BIERZO.
OS ATAQUES LEONESISTAS AO GALEGO DO BIERZO,
Por Javier Lago Mestre.
Todos ben sabemos do complexo
xogo político entre os partidos. Dereita contra esquerda, constitucionalistas
contra nacionalistas, etc. Iso si, cando chega a hora dos pactos políticos para
gobernar, quedan ao marxe as ideoloxías e gaña o pragmatismo. Existen dous grandes
partidos estatais, ademais doutras formaciois uniformizadoras (Vox, Ciudadanos,
Upd…), nacionalismos periféricos e mailos rexionalistas. Neste caso queremos
salientar un exemplo peculiar. Trátase do partido Unión do pobo leonés (Upl),
un partido rexionalista que defende a segregación do seu país leonés (LE-ZA-SA)
da Comunidade autónoma de Castela e León.
Recientemente
a Upl remesou un texto aos medios de comunicación no que critica os intentos de
rotulación en galego da toponimia do Bierzo. Segundo eles, a Xunta de Galicia
non ten competencias lingüísticas para facelo. Por iso acusan dunha nova
invasión cultural galega que eliminará as consideradas súas falas locais
leonesas (fornelo, ancarés...). Tamén teiman no presunto colonialismo cultural nas
terras leonesas que impoñerá o galego aos cidadáns.
Razón
pola cal, o galego para os leonesistas é un idioma foráneo que en nada se
semella ao seu galego local. Segundo eles, o galego é o de Santiago,
normativizado, tan diferente ao galego dialetal berciano. Para eles, a súa fala
galegoleonesa non ten relación co idioma galego. O único certo é que Galiza e O
Bierzo compartimos lingua e entendemento mútuo, algo do que carecen no Leste
leonés.
Por
suposto, ese leonesismo político agocha a presenza da cultura galega no Bierzo
desde a Idade Media. Mais os historiadores coñecemos os tumbos dos mosteiros
bercianos (Carracedo, Cruniego, Espiñareda…) e galegos (Samos, Oseira,
Cebreiro…), onde atopamos centos de documentos cos nosos topónimos en galego.
Sen embargo, na Idade moderna progresa a castelanización toponímica nos censos
fiscais e catastros. A consecuencia é que hoxe teñamos que vindicar A Veiga de
Valcarce, Barxas, Vilafranca, Valboa, etc. A microtoponimia ten resistido
mellor, ainda que a despoboación ameaza a súa memoria coletiva. Pola contra, a
Lei do réxime local de Castela e León aínda obriga a que a denominar os
concellos en castelán (artigo 24.1).
Cando
a dita Upl fala de invasión política descoñece que desde O Bierzo demandamos a
colaboración da Xunta de Galicia con preguntas parlamentarias. Tamén queremos a
participación da Comisión toponímica de Galicia que ten investigado tanto na normalización
toponímica. Os colectivos galeguistas sabemos da importancia das instituciois
públicas, propias e alleas, na proteción do galego. Velaí a reclamación dun
convenio ou protocolo xurídico entre Xunta, Junta e Consello comarcal berciano
que regule a colaboración con medios persoais, técnicos e económicos conxuntos.
La Lei da Comarca do Bierzo recolle a mención expresa á “protección e fomento
do galego”, que ben se pode realizar coa restauración toponímica galega.
A REVIRADA POLÍTICA ANTIGALEGA.
A
Upl ten por costume atacar sen medida a lingua galega do Bierzo. Lembramos cando
se recoñeceu o idioma galego no Estatuto de autonomía de Castela e León (ano 1999),
daquela se falaba da imposición da presunta oficialidade. Cando chegou o ensino
do galego aos colexios e institutos (2000), críticas de colonización e obrigatoriedade
de dito idioma foráneo. Logo asistimos ao intento da Upl de eliminar a mención
do galego no Estatuto de autonomía de Castela e León (2005). No seu momento non
faltaron as críticas á RTVG pola súa misión de aculturización antileonesa. Hoxe
voltan á carga, acusan infundadamente de rotulación forzosa da toponimia galega
no Bierzo. O derradeiro delirio leonesista ten sido un cartel da Upl
juventudes. Neste carteliño xorde unha man co debuxo da bandeira galega que
apresa un mapa do Bierzo, co lema “fuera la garra gallega”. Todo é pura
dinámica política antigallega e, á vez, antiberciana.
Para
a revirada dinámica leonesista hai un plan político de afastar máis O Bierzo de
León, co fomento da cultura e lingua galegas. Os seus inimigos son claros, A
Xunta, o nacionalismo galego e maila Junta de Castela. Estes tres xuntos fan a
pinza política ao illado leonesismo. Ademais, os galeguistas do Bierzo son a
quinta columna que cuestionan constantemente a existencia das esencias
leonesistas (historia, territorio, cultura…). Baixo esta agresiva ideoloxía
leonesa, convén saber que a Upl ten escasa representación política e menor
apoio social na comarca. Para nada esta desesperada reación terá consecuencia negativas
nos procesos de normalización do galego no Bierzo que seguerán paseniño no
século XXI.
O BIERZO, AGOSTO DE 2023.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home