O GALEGO CHEGA AO CONGRESO.
O GALEGO CHEGA AO CONGRESO.
Por Javier Lago Mestre.
Temos de novo grande debate
político no Congreso dos deputados co uso das linguas oficiais do Estado. Por
suposto que os galegofalantes estamos ledos coa iniciativa que permitirá facer
política en galego nos vindeiros días. Atrás quedarán os tempos en que se
censuraban as verbas noutras linguas minorizadas pola presidencia de turno.
Non
se pode entender que a política estatal estivese restrinxida ao idioma
castelán. Os demais falantes das declaradas coma linguas oficiais tiñan o
dereito a expresarse no seu idioma propio. A representación política está
vencellada claramente á liberdade de expresión. E ésta maniféstase através da
liberdade lingüística. O político de provincias poderá usar a lingua propia da
súa rexión de orixe, en representación dos seus falantes.
Os
contrarios ao uso das linguas minorizadas rebaten cos seus argumentos sobre o
exceso de gasto (tradutores, auriculares…). A verdade é que a tecnoloxía avanza
e reduce custos, caso dos tradutores que temos todos nos nosos teléfonos.
Ademais, aqueles defenden a lingua común fronte aos outros idiomas. Para eles,
no fundo desvalorizan os considerados outros idiomas menores (rexionais ante o
estatal). Pois xa vai sendo hora permitir os usos, político e xurídico, nas
dúas Cámaras, como xeito de dignificar máis a política. España ten varios
idiomas dende a Idade Media, con millóns de falantes deles, e non se entendía
censurar o seu uso no Congreso e no Senado. Ademais, o protagonismo das
variadas linguas permitirá tamén unha maior integración política dos
territorios periféricos, capaz de resolver a problemática nacionalista
peninsular.
No
Bierzo queda xa claro que falamos galego. Atrás restan as vellas polémicas coa
terminoloxía: chapurreao, falas locais, dialeto berciano, galegoleonés, etc.
Por suposto, os menos seguen cos seus prexuízos para non admitir a existencia
do idioma galego no Bierzo. Incluso certos investigadores das falas locais
recompilan palabras das súas localidades. Son os casos de libros como:
Vocabulario del Vierzo (1934), El habla de Toreno, Diccionario berciano
folgosino, Aportaciones al vocabulario popular de la Comarca, etc. Convén dicir
que esas verbas non teñen sentido sen unha lingua que as articula axeitadamente
(sintaxe, fonética, semántica…). Sen o contexto do idioma galego normativizado esas
palabras tradicionais están condenadas a morrer.
Os
falantes do galego do Bierzo usamos a nosa lingua no ámbito privado (familiar)
mais tamén público (veciñanza, mercados, agrogandeiro, pedanías, ensino, etc),
e medra no mundo dixital paseniño. Este proceso de normalización lingüística
bate coa diglosia, onde o castelán domina as funciois idiomáticas principais.
Agora ben, vemos como un avanzo propio que o galego se poida usar no Congreso
dos deputados. O noso idioma asoballado agora terá un maior prestixio político
que agardamos que contaxie á nosa clase política berciana no Consello comarcal
e nos concellos.
Non
podemos rematar sen recordamos que o galego tamén reclama o seu espazo político
ante a Unión europea. Nas instituciois europeas xa está ben presente o
portugués, idioma tan vinculado co galego por historia. Porque un berciano
galegofalante cando visita Portugal non se sente foráneo cando comprende os
escritos, cartelaría e sinais lusas, apesar das diferenzas fonéticas e gráficas
ocasionais que poidamos atopar. En fin, que os novos recoñecementos políticos
para o galego van ser moi positivos tamén para O Bierzo, pois servirán para
prestixiar socialmente o noso idioma e tomar máis conciencia do noso
bilingüismo secular.
O Bierzo, setembro de 2023.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home