O NOSO IDIOMA GALEGO DO BIERZO
O NOSO IDIOMA GALEGO DO BIERZO,
Por Javier Lago Mestre.
Por mor dos documentos contidos
nos tumbos dos mosteiros bercianos (Carracedo, Cruniego, Espiñareda e Montes)
sabemos da existencia da nosa lingua galega. Os acontecementos políticos de finais
da Idade Media influiron nas relaciois lingüísticas. Referímonos á derrota
militar do conde de Lemos que señoreaba esta rexión, e o posterior control por
parte da Coroa cos chamados Reis Católicos. Este novo poder político supuxo a
progresiva castelanización. Aínda así o idioma galego seguíu presente na fala
popular, a toponimia, a literatura oral, etc. Xa no século XVIII, grazas ao erudito
frei Martín Sarmiento, os seus estudos filolóxicos determinaron os vencellos do
galego co idioma portugués.
A CONCEPTUALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.
Hoxe
hai un maior acordo sobre o que falamos no Bierzo, o idioma galego. Atrás restan
os debates sobre a definición lingüística. Recordemos cando algúns dicían falar
o chapurreao. Esta especie de mestura lingüística que non define nada. Por certo,
concepto que tamén utilizan en Aragón para referirse á súa problemática lingüística
(aragonés, catalán...). Ben, para outros hai diversas falas (ancarés, fornelo,
pachuezo, torenes…) inconcretos localismos, entre galego e leonés, supoñemos.
Algúns
escritores bercianos apuntaron a expresión dialecto berciano. Son os casos de
Antonio Fernández y Morales (século XIX) ou o filólogo Francisco González
González. O primeiro dicía que entre o galego e o berciano había semellanzas e diferenzas,
“entre el gallego i su dialecto berciano, hai diferencias mui marcadas”. Tamén
indica que “las particularidades que separan el Berciano de los dialectos i
subdialectos gallegos hermanos suyos”. Deixa, pois, claro que hai demasiadas vinculaciois
entre o galego e o seu berciano.
Polo
que toca a Francisco González, establece as zonas de influenza entre as linguas
galego e leonesa. Do encontro territorial entre ámbalas dúas fixa o seu
dialecto berciano. Por suposto, non hai neste dialecto unidade lingüística
porque hai dous idiomas veciños en contacto estreito, segundo el. Desde
posturas leonesistas, políticas e culturais, xorde a expresión dialecto galegoleonés.
Por suposto, ningún investigador serio defende a existencia destes supostos
dialecto berciano ou galegoleonés.
O
catedrático Francisco Fernández Rei estableceu bloques lingüístico para o
galego do Noroeste peninsular. No bloque oriental xorde a área central, que abrangue:
O Courel, O Bierzo, Ancares e Cervantes. Pola súa banda, a filóloga Ana Seco
Orosa fixou as chamadas líneas isoglosas lingüísticas do galego na nosa rexión berciana.
Chegados a este punto a maioría da poboación xa non discute a existencia do
galego, sendo a mesma lingua que falan en Galicia.
A CONCRECIÓN LINGÜÍSTICA.
Temos
visto algo do dialectismo galego máis enriba. Para algúns a existencia do
dialectismo casa mal coa necesaria normativización lingüística. O dialectismo
ten unha orixe histórica, propia da evolución das linguas (desde a Idada Media
até a actualidade). Ademais existe a cuestión da territorialidade. Hai
diferenzas lingüísticas entre vales e comarcas no galego do noroeste peninsular.
Velaí a existencia de diferenzas léxicas cando damos nomes ás plantas ou mailos
animais. Algo totalmente normal entre falantes tan alonxados.
Para
evitar problemas de comunicación entre falantes dunha mesma lingua, casos de
vigueses, monfortinos e bercianos por exemplo, necesitamos normativizar o
idioma común. Houbo que crear un diccionario e unha gramática para todos. Os
filólogos tiveron que fundamentar o léxico, as regras gramaticais, a fonética
ou a morfosintaxe do idioma galego. Cando usamos termos xurídicos, médicos, técnicos,
dixitais, etc. necesitamos precisión terminolóxica para a boa comprensión
verbal e escrita, e evitar erros interpretativos. Velaí o fundamento da
existencia da normativa galega.
Por
certo, as normativas lingüísticas poden e deben evolucionar como o ten feito o diccionario
da Real Academia Española (RAE) ao longo dos séculos, desde o XVIII. A Real
Academia Galega (RAG) fixo reformas que achegan cara ao idioma portugués. Ben
vistas pola maioría porque son linguas irmás con grande vinculación histórica e
na actualidade.
A
normalización lingüística procura a galeguización nos distintos eidos
sociolingüísticos. Referímonos ao ensino, administración, xustiza, sanidade,
dixitalización, etc. Cando hai dous idiomas en contacto (castelán e galego)
tenden a cumprir funciois diferentes (diglosia). A lóxica procura que ámbalas dúas
linguas teñan iguais funciois. Por iso hai que normalizar os ámbitos
lingüísticos para o idioma menos empregado ou minorizado polas políticas
públicas, caso do galego.
Non
se pode recuperar unha lingua minorizada sen axuda, por medio dos ditos procesos
de normativización e normalización. O máis importante é dar á lingua en
situación de inferioridade novas funcionalidades. O galego secularmente estivo
restrinxido ao mundo rural, agrogandeiro, que determinou o seu dialectismo
territorial. Agora tratamos de ofrecer ao galego novas funcionalidades
(técnicas, dixitais, internacionais, etc). Cada vez vese máis nas redes sociais
a presenza do galego. No Bierzo medra a demanda deste idioma nos centros escolares.
O seu alumnado quere estar ben preparado idiomáticamente, ante as universidades
veciñas, as ofertas profesionais variadas, as viaxes ao estranxeiro, etc.
Non
podemos rematar, sen dicir que o galego do Bierzo posibilita as comunicaciois
en Galicia mais tamén en Portugal. Sabemos das diferenzas parciais entre o galego
e o portugués (léxico, fonética ou gramaticais). Agora ben, non cabe dúbida que
saber galego facilita a comunicación en Portugal. Co galego do Bierzo resulta
máis doado moverse por Lisboa, Braga ou Porto. Ninguén pode negar que a reciclaxe
lingüística, cara ao portugués, é máis doada para un berciano galegofalante que
para un castelán de Valladolid. Deste xeito, o idioma galego convértese en
idioma internacional co portugués. Máis funcionalidade imposible!.
O Bierzo, agosto de 2023.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home