A EXPOSICIÓN DAS IDADES DO HOME DE VILAFRANCA DO BIERZO.
AS IDADES DO HOME
Por Xabier Lago Mestre.
Temos novas da concesión da
exposición As Idades do Home a Vilafranca do Bierzo para o ano 2024. Resulta un
acontecemento sobrandeiro que todos apoiamos. Aproveitamos a ocasión para facer
unhas propostas bercianas que sirvan para enriquecer o contido da dita
exposición.
O
primeiro é comentar que estaría ben facer unha sede dual con Santiago. A
“Fundación de las Edades del Hombre” propuxo que para o ano 2025 a exposición
sexa compartida entre as ciudades de Zamora e Porto (Portugal). A posible sede
dúal entre Vilafanca e Compostela só traería beneficios comúns. A vila berciana
ten poder de atración turística propio. Agora ben, mediante a unión urbana
habería unha publicidade dobrada. Compostela é a capital de Galicia, un centro
rexional, administrativo, económico, etc. con forte posicionamento mediático en
España, de todo isto pode ben aproveitarse Vilafranca indiretamente.
Pola
outra banda, na dita exposición non se deberían pasar por alto as vinculaciois
históricas entre Galicia e mailo Bierzo. A catedral de Santiago tivo incluso
posesiois territoriais bercianas, casos da vila de Cacabelos, Busmaior,
Trabadelo, Parada de Souto e Soutoparada y Lindouso. Outro tanto aconteceu coas
numerosas freguesías dependentes do bispado de Lugo nos vales de Barxas,
Valcarce e Valboa. Outras instituciois relixiosas galegas tamén tiveron
influenza territorial na nosa rexión. Son os casos dos mosteiros do Cebreiro
(Perexe), Samos en Vilela, Meira, Sobrado dos Monxes, etc. Convén tamén
recordar os vincallos entre Compostela y Villafranca no tema das ámbalas dúas portas
do perdón, onde se pode gañar o xubileo.
Outra
proposta é que na exposición de Vilafranca se traian obxetos relixiosos levados
fóra do Bierzo. Referímonos a obxetos bercianos presentes en museos leoneses.
Como exemplos disto, os relicarios da Colexiata de Vilafranca , esculturas e
cruces parroquiais en Astorga, o Calvario de Corullón e a Cruz de Peñalba en
León, libros do desamortizado mosteiro de Carracedo, etc. Neste contexto, habería
que recordar as apropiaciois de reliquias pasadas, casos dos roubos de restos eremíticos
en Peñalba de Santiago ou a traída do corpo de Lorenzo de Brindis desde Lisboa
polos marqueses de Vilafranca. Deste xeito, compensaríase dalgunha forma a
forzada deslocalización de bens relixiosos bercianos.
Outro
aspecto que se debe ter en conta na exposición berciana é o tema da presenza
dos territorios periféricos galegos do bispado de Astorga. A zona pastoral de
Galicia comprende 5 arciprestadegos, a saber, A Rúa, O Barco, A Veiga, Viana e
Trives-Manzaneda, con máis de 290 localidades e barrios. Polo tanto en
Villafranca terían que estar obxetos relixiosos destes territorios e
feligreses.
Engadimos
que Villafranca foi considerada “abadía nullius diócesis”, o cal significou a
exención parcial do bispado de Astorga durante séculos. Vilafranca tivo
feligresías, bercianas e galegas, dependentes da súa colexiata. Concretamente,
nas comarcas da Somoza e Aguiar no Bierzo, Valdeorras, A Cabreira, O Bolo e
Viana. A exposición ben debería reconocer este feito histórico, así como a súa
conflitividade institucional, e non agochalo
unha vez máis por parte das autoridades relixiosas.
Tampouco
pode faltar o tema lingüístico da presenza do idioma galego no Bierzo e
Valdeorras. O bispado de Astorga ten ignorado esta problemática e vai sendo
hora de que tome conciencia disto. Centos de fregueses, durante séculos, non
viveron a religiosidade católica na súa lingua materna en galega, ante o
centralismo idiomático castelán ordenado dende Astorga. A exposición de
Vilafranca debería amosar certo respeito á lingua galega mediante a colocación
de paneis informativos bilingües. Ademais da presenza de documentación en
galego do mosteiro de San Pedro de Montes. Sinxelos e baratos xestos eclesiais que
demostrarían o necesario cambio de atitude ante o bilingüismo do Bierzo e
Valdeorras.
O Bierzo, setembro de 2023.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home