FIN DA PROVINCIA DE VILAFRANCA DO BIERZO.
FIN DA PROVINCIA DE VILAFRANCA DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
O Real Decreto de 1 de outubro
de 1823 declarou “nulos y sin ningún valor ni efectos todos los actos del
gobierno constitucional”. O rei Fernando VII derroga todo o traballo político
do chamado Trienio liberal. Deste xeito, prodúcese o fin da provincia liberal
de Vilafranca do Bierzo. Este acontecemento salientable merece un recordo e
unha reflexión sobre o que supoñe para a memoria coletiva de hoxe. Referímonos
a que aínda moitos bercianos asumen que a supresión da dita provincia tivo a
súa orixe nas desputas, entre Vilafranca e Ponferrada, pola capitalidade. Mais
a realidade histórica foi outra ben distinta que analizamos.
Convén recordar que o réxime
político do Trienio liberal (1820-1823) se enfrontou ao absolutismo da Coroa.
Esta conflitividade peninsular prodúxose en plena ocupación napoleónica, cando
a guerra atacou as instituciois do chamado Antigo réxime (monarquía, señoríos,
Igrexa, etc). Trala derrota militar francesa, as forzas burguesas defenderon o
seu réxime liberal (constitucionalismo, democracia censitaria, reforma
territorial, novas instituciois, etc). Sen embargo, as monarquías europeas
organizáronse para defender o réxime absolutista. A súa reación militar foi a
creación do exército dos Cen mil fillos de san Luis que invadiu España na
primeira metade de 1823.
Os militares franceses avanzaron
cara ao Bierzo ao mando do xeneral Bourke. O réxime liberal nomeou a Pablo
Morille, conde de Cartaxena, como comandante do 4º exército (Galicia, Asturias e
León). A presenza deste exército liberal na nosa rexión ocasionou numerosos
problemas aos bercianos (aloxamientos, abastecementos, transportes, requisas,
contribuciois, etc). Bourke ocupa León (en maio) e vai para o Cerezal, onde inicia negociaciois co Pablo
Morille. Este militar evita o enfrontamento militar e retírase a Lugo (26 de xuño).
Nesta cidade emite unha proclama a prol do absolutismo, rexeitando a
destitución do rei Fernando VII e criticando ao Goberno liberal provisorio.
Posteriormente, Bourke chega a Lugo e Morille sométese (xullo). Agora ámbolos dous
militares únense contra os focos liberais de Galicia, así o militar francés
ataca Mondoñedo, Viveiro e Betanzos, mentras Morille ocupa Santiago, Pontevedra
e Vigo.
A RESISTENCIA PROVINCIAL
BERCIANA.
A deputación de Villafranca pouco
podería facer fronte ao poder dos xefes militares dos dous exércitos foráneos. No
Bierzo a institución provincial tiña escaseza de medios personais, económicos e
materiais. Quen si atuaron foron as partidas realistas que ocuparon as
localidades bercianas. No caso de Vilafranca, os partidarios do conde realista
Fideli destruiron a simboloxía liberal (queima de constituciois, romperon
escudos e documentos, formaron voluntarios realistas, etc). Os liberais
bercianos continuaron a loita dende as montañas, exemplos do xefe político
provincial, Nicolás de Castro, ou o abade do Barco, que chegaron a recuperar
temporalmente Ponferrada e Vilafranca.
A resistencia provincial
berciana ante o absolutismo tiña os días contados pola súa inferioridade
militar. As partidas bercianas estaban divididas entre absolutistas e liberais.
Mais a presenza do exército absolutista decantou a vitoria do seu bando. O novo
réxime absolutista derrogou a obra política liberal, coa supresión da provincia
de Vilafranca. Velaí a recuperación das instituciois do Antiguo réxime, coma os
antigos correxedores. Así se repoñe un novo oficial real en Ponferrada,
”corregidor, justicia mayor, capitán á guerra, subdelegado de todas las rentas
reales (…) de la villa de Ponferrada, su jurisdicción y partido” (octubre de
1823). O correxemento ponferradino correspondía co antigo partido-provincia do Bierzo
da Idade moderna.
Ante o triunfo de réxime
absolutista, os rexedores ponferradinos procuran o abeiro real, “como capital
en el partido del Vierzo, en el reino de León (…), se dirige sumiso al augusto
trono de V.M. con el más ardiente entusiasmo al ver a su adorado Soberano con
su cara esposa y Real familia”. Ademais aproveitase este escrito municipal para
recordar a pérdida provincial, “avisándole tan enorme sentimiento la mudanza de
su antigua capital a pueblo menos digno, decretada por los titulados Padres de
la patria en la época de desorden” (Gaceta de Madrid, marzo de 1824). En varios
documentos segue aparecendo a referencia á provincia berciana. Así acontece
cando A Somoza reclama os seus privilexios ante a Coroa, “Sindico general de la
Somoza de San Cosmed, de la provincia del Bierzo” (1825). Incluso o Diccionario
de Sebastián Miñano, de 1826, refírese a “montañas de Asturias, y dividen la
provincia del Bierzo, del reino de Galicia”.
A supresión da deputación de
Villafranca non significou o fin das aspiraciois provinciais bercianas. Ao longo
do século XIX, sempre que a conxuntura política española o permitiu, os
bercianos reclamaron a descentralización na nosa rexión coa recuperación da
provincia histórica. Por suposto, Vilafranca e Ponferrada comandaron as
diversas iniciativas, ademais dos proxetos provinciais foráneos (Patricio de la
Escosura, Fermín Caballero, Pascual Madoz, Lucas Mallada, etc), e con recoñecemento
xeográfico específico (F. Fabre, R. Macias Picavea, Dantín Cereceda, etc. Por
desgraza, outros debates territoriais potenciaronse (o rexionalismo periférico,
federalismo, rexionalismo administrativo estatal, etc), deixando aparcada a
reforma provincial até os nosos días.
O Bierzo, outubro de 2023.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home