domingo, octubre 01, 2023

VOLTAN OS NOSOS IRMANDIÑOS BERCIANOS.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


VOLTAN OS IRMANDIÑOS BERCIANOS.

Por Xabier Lago Mestre.

Temos novas da vindeira recreación histórica da toma do castelo de Ponferrada polos irmandiños. Boa ocasión ésta para recordar como foron aqueles acontecementos belicosos de fines da Idade Media (1467-69). Por sorte cada vez máis atopamos novos datos na documentación histórica, por iso podemos fundamentar o noso relatorio.

            O Bierzo de fines da Idade Media estaba controlado polos señoríos laicos e eclesiásticos, xogando a Coroa de Castela un papel secundario. Os condes de Lemos foron os máis poderosos. Velaí os abusos de Pedro Osorio cos vasalos da súa esposa, Beatriz de Castro, “certos vasallos de Ponferrada fueron a quexar porque el conde les fatigaba mucho labrando la dicha fortaleza”. Mais o dito señor abusaba tamén dos vasalos alleos cando lle petaba, “mandava e señoreava toda esta provincia del Vierzo (…) traya los ombres de las abadyas, así como de San Pedro de Montes e Santa Marya de Carrazedo e de Sant Andres de La Espinareda (…) les mandaba como a sus vasallos” (segundo preito de 1517).



               Ante os abusos señoriais, os vasalos deciden organizarse en irmandade. No caso do mosteiro de Espiñareda, o seu abade rexeita a irmandade popular, “estando en concejo, juez e omes buenos de terra de San Andrés d´Espinareda, paresçio don Ares, abbad (…) et dixo que como mejor podía e devia como señor de la dicha terra requería et defendía a los dichos consejo e omes buenos que non entrasen en la hermandad sin su licencia” (xaneiro de 1467). Sen embargo, os bercianos organizáronse en irmandade, “quadreleros los chamaron e eles vinieran por servicio de la hermanda a su chamo”, e estableceron o seu programa político, “dexieron quellos farian verbo e condición de se ajudar con derecho para se defender e mantener las costumbres de dicho lugar”.

A OFENSIVA IRMANDIÑA.

            Sabemos que no Bierzo penetraron dúas frontes irmandiñas galegas contra o conde de Lemos. Desde Lugo  entraron as forzas do capitán Pedro Osorio que atacaron os castelos do ocidente (Valboa, Serracin e Corullón). Mentres que polo sul viñera o exército de Alonso de Lanzós, que derrubaron os castelos do Bolo e do Castro en Valdeorras (Isidro Garcia Tato), para logo continuar contra as fortalezas de Lusio, Cornatelo, Pena Ramiro e Pena Belosa na Cabreira. Ambalas dúas frontes irmandiñas coincidiran ante o castelo de Ponferrada, onde estaba o fuxido conde de Lemos.



            Por certo, coñecemos da presenza de irmandiños en Asturias e Seabria, todas comarcas de idioma galego.  O capitán Pedro Osorio, irmao do marqués de Astorga, viña acompañado de “muchos fidalgos, que eran del estremo de las Asturias, y otros gallegos, y otros venían con él de los de Navia y Burón” (Vasco de Aponte). Polo que toca a Seabra, o conde de Benavente queimou aos irmandiños na localidade de Cobreros (I. Beceiro Pita).

            Os irmandiños foron principalmente labregos, vasalos asoballados, ademais de fidalgos descontentos cos grandes señores. Temos o caso do señor de Arganza que se rebelou contra o propio conde de Lemos e resultou asaeteado no castelo de Ponferrada. Ademais houbo conflitos interseñoriais. O marqués de Astorga amosou o seu apoio aos irmandiños ante os ataques contra o seu inimigo o conde de Lemos.

            Pola outra banda, o conde de Lemos contactou coa Santa Irmandade de Castela e León para obter o seu apoio político. Así rexedores dos concellos de Vilafranca, Cacabelos e Ponferrada foron a Madrigal para denunciar aos irmandiños. A irmandade de Castela aprobou unha providencia contra a revolta irmandiña (febrero de 1468). Convén dicir que será o conde de Lemos quen recade e reciba parte dos impostos da Irmandade castelá nos seus territorios.  



A CONTRAOFENSIVA SEÑORIAL.

            Ante a presión irmandiña, o conde de Lemos fuxíu desde Ponferrada ao señorío do conde Luna para a cidade de León, onde vendeu as súas xoias na xudería e puido contratar soldados mercenarios. Ademais procurou o apoio político do marqués de Astorga, ao cal tivo que cederlle as vilas de Sarria e Chantada (septiembre de 1467).

            Os grandes señores galegos organizaron os seus ataques contra os irmandiños. Unha fronte atacou por Seabra co conde de Benavante e mailo arzobispo Fonseca desde Salamanca até Ourense. Outra fronte penetrou desde Portugal para Compostela. E o conde de Lemos atacou desde León contra O Bierzo e Lugo.

            Os exercitos irmandiños, de labregos e fidalgos, foron derrotados pola alta nobreza. E comezou a represión cos rebeldes vasalos. O conde de Lemos obrigou a facer serventías (prestaciois persoais), caso das reparaciois de castelos derrubados.  Os vasalos sufriron novos abusos e queixáronse, mais o conde lles respostaba “carretad, villanos, que bien recios andabades en derribar mis casas” (preitoTabera-Fonseca de 1527).

            A dita revolta irmadiña non debilita o poder señorial. Os grandes señores seguen as súas liortas entre eles. Son os casos das guerras entre o conde de Lemos co conde de Benavente por Ourense (paz de Pomboeiro, 1472) e co marqués de Astorga por Sarria (1471). Serán os Reis Católicos os que comezaran a controlar a nobreza galega. En 1480 o gobernador recibe novo mandato real para executar a xustiza da Coroa en Galicia e “de las villas que son en el Bierzo e Balçarce”. Sen embargo, a derrota final do conde de Lemos ante a Coroa non chegará até depois das súas rebeliois de 1486 e 1507.  



A MEMORIA HISTÓRICA.

            Pasadas as décadas, a revolta irmandiña permanecía viva no imaxinario popular. Foi o caso do preito, entre o mosteiro de Carracedo e os seus vasalos. Estes denunciaron que a imposición fiscal, dos cuartos e quintos pola roturación de montes, foi posta polo conde de Lemos, “quando las hermandades le hecharon del Vierzo despues volvio avya empuesto estos quartos e quintos en los lugares de la abbadia y términos de Favero y campo de Naraya” (1513).

            Incluso a tradición oral en galego conservou, de xeito interxeracional, un romance popular que fai referencia aos irmandiños do Bierzo, “camiñan cara de Ponferrada, os irmandiños, os irmandiños. Galicia polo seu paso volve ser ceibe. Dos montes brancos do Bierzo vaise xa a neve. Os irmandiños avanzan polos camiños. Traen para Galicia paz e xustiza. Os irmandiños, os irmandiños (…)

O Bierzo, outubro de 2023.

 

 

 



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es