A VIAXE AO PORTO DE PORTUGAL,
LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL
A VIAXE AO PORTO DE PORTUGAL,
Por Xabier Lago Mestre.
Moitos bercianos temos de viaxar
lonxe para sentir a vitalidade foránea da nosa lingua. Así acontece cando
visitamos ás veciñas ciudades e praias de Galicia. Mais hai outra posibilidade,
achegarse a Portugal. En outono sempre hai viaxes para Chaves, por mor do
xantar do bo bacallau e merca de productos das súas amplas lojas. A verdade é
que o portugués ten moitas semellanzas co noso galego, aínda que tamén hai
diferenzas fonéticas e gráficas. Por exemplo, as nosas grafías, ll e ñ,
corresponden no idioma luso coas lh e nh respectivamente.
Nesta
ocasión imos viaxar para a cidade do Porto, salientable capital do norte de
Portugal. Se usamos o transporte público de seguro que chegamos á súa estación
intermodal de Campanhá (metro, comboios e autocarros). Perto de aquí está o vangardista
estadio do Dragao, da equipa futebol Porto. Na súa contorna atopamos topónimos
agrarios ben recoñecibles, casos das rúas Lameira Cima, das Cavadas, das Antas
(pedrafitas), bairros do Falcao e Meiral. Logo tomamos a rúa Bonfim, onde
contemplamos a súa igrexa parroquial no outeiro e a casa rosa da Junta de
feligresía. Chama a atención a forza das feligresías lusas en comparación coas
nosas pedanías.
Xa
no centro da cidade temos a estaçao de Sao Bento, onde chegan os comboios
(trens). Eiquí hai que desfrutar dos mosaicos azuis da sala principal dos
pasaxeiros, con escenas labregas e históricas. Non moi lonxe atopamos a Sé da
catedral, no seu terreiro temos a igrexa fortaleza e o pelourinho, coluna de
pedra que representa a xustiza medieval e os foros municipais. Os pelourinhos
están presentes en tódalas vilas e cidades de Portugal. Por cero, hai un dito
portugués que recorda que “Lisboa divértese, Braga reza e Porto trabalha”,
típico das competencias interlocais e históricas.
Movémonos
para a Cámara Municipal onde hai unha grande praza dos Aliados. Non lonxe temos
a igrexa da Trindade e o visitado mercado do Bolhao para repoñer forzas con bos
alimentos locais. E para gastar, a rúa Santa Catarina, ben chea de comercios e
mercadorías de todo tipo, e poder visitar o seu café Majestic. Pola redonda
están os vellos teatros Sá da Bandeira e Rivoli. Para o norte podemos chegar
até a praza da República, coa súa mítica estatua alegórica e mailo pazo do
Ministerio de defesa. Por certo, Porto ten a honra ser invicta porque resistíu
os ataques da Coroa absolutista no ano 1832.
Agora
viramos para u suroeste, onde destaca a torre dos Clérigos. Para quen teña
forzas, este edificio ten 225 chanzos de subida até a mellor vista da cidade.
Perto a sede antiga da Universidade de Lisboa. Logo temos a libraría Lelho,
famosa polos libros de Harry Potter, da escritora J. Rowling. Vaia escadas e andéis!
cheas de bos libros para agasallar a calquera. A dous pasos, a igrexa do Carmo
cos seus mosaicos e o hospital de santo Antonio. Por eiquí pasan os eléctricos
(tranvías) que ben merecen unha nova foto.
Recomendable
é ir para os Jardins do Palacio de Cristal, onde repousar de tanta andaina
matinal. Desfruta do miradoiro abraiante do río Douro. Por eiquí atopamos a
biblioteca Almeida Garrett e o museo Romántico. Se hai tempo pódese subir para
a praza de Albuquerque, onde está a estatua monumental á Guerra peninsular. Hai
que pousar a vista no seu conxunto escultórico sen igual. No alto o león aliado
derrota a águia napoleónica. Xunta o cemiterio de Agramonte, novo topónimo
agrario tan común no noso Bierzo.
A
seguinte camiñata será para o sur, a Ribeira do Douro. Temos o museo do Carro
Eléctrico e a igrexa Massarelos. Continuamos polo museo do Viño do Porto e a
Alfándega (aduana), coa compaña dos lentos eléctricos. Polo Cais da Ribeira hai
moito bulicio de xente, de turistas de tódolos países, que aproveitan as
terrazas para desfrutar das vistas panorámicas do río Douro. Máis adiante a
famosa ponte de Luís I, dun só arco de
ferro, de fines do século XIX. Recomendamos atravesalo pola parte de abaixo e
logo voltar pola de enriba.
Cruzamos a ponte para o impresionante mosteiro da Serra do Pilar, coas mellores vistas do Porto. Temos novo repouso no jardín do Morro, onde a mocidade desfruta do solpor. Estamos no municipio de Vila Nova de Gaia, localidade que sempre tivo o seu poderío viñateiro. As súas numerosas adegas gardaban o viño que baixaba polo río en rabelos (barcos), tras ser cultivadas as vides nos socalcos do Douro alto coa forza solleira. Mais a modernidade trouxo os comboios ferroviarios que remataron co dito transporte fluvial.
A
volta temos que facela por enriba da ponte Luis I, e desfrutar das vistas das
outras pontes (Arrábida, Infante, María Pía). Curiosa resulta a ponte D.
Henrique que oculta no seu interior comboios e pola superior circulan os autos
(carros). Por certo, coidado cos eléctricos que tamén pasan pola ponte de Luís.
Á dereita, os restos da muralla Fernandina, onde hai un antigo elevador. Por
debaixo, a longa avenida Gustavo Eiffel remata nun túnel. Cando machan os
derradeiros raios solares, Porto acende os xogos de luces artificiais como
ningunha outra cidade. Que fermosura! os seus monumentos antigos, o casarío
ribeiro, as altas pontes, todos reflicten soños nas augas, mentres a chuvieira
deixa pingas sobre o pai Douro.
O Bierzo, decembro de 2023.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home