lunes, diciembre 25, 2023

VI MARQUES DE VILAFRANCA CONTRA CATALUNYA

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


O MARQUÉS DE VILAFRANCA CONTRA CATALUNYA,

Por Xabier Lago Mestre.

O Goberno de España trata desde hai tempo de normalizar as relaciois políticas con Catalunya. Ben sabemos todos dos intentos de segregación territorial unilateral, dos disturbios rueiros, da proposta de amnistía política, etc. Toda esta conflitividade política ten tensionado hoxe as relaciois entre os partidos e no seo da cidadanía. O certo é que as relaciois dificultosas entre España e Catalunya veñen de lonxe. Neste caso imos ver o que acontecera no século XVII, concretamente coa revolta catalá de 1640, e a relativa participación berciana.

            Na chamada época Barroca a alta nobreza, caso dos marqueses de Vilafranca, participaban ativamente no goberno de Castela. Este foi o caso dos irmaos, García Alvarez de Toledo (VI marqués de Vilafranca) e Fadrique (primeiro marqués de Villanueva de Valdueza). Ámbolos dous foron capitáns mariños de galeiras de España (no Mediterráneo e no Océano, respetivamente). Por certo os dous familiares caeron en desgraza ante o conde duque de Olivares e metidos na cadea. Neste escrito imos centrarnos no primeiro e na súa participación militar contra a revolta catalá de 1640.



            O VI marqués de Vilafranca tivo varios vincallos con Catalunya. Sabemos que en 1636 negocia a achega de tropas cataláns aos exércitos da Coroa española. Máis importante foi a súa participación ativa na luita contra a Catalunya rebelde. Na chamada revolta “dels segadors” (xuño de 1640), éstes atacaron aos oficiais reais ao berro de “visca el rei d´Espanya, muiren els traidors”. Os amotinados foron contra o pazo do Virrei de Catalunya, ao cal asasinaron durante a súa fuxida, e tamén queimaron a casa do marqués de Vilafranca do Bierzo.

              A revolta catalá comezou cos seitadores que acudiron a Barcelona na procura de traballo agrícola. Agora ben, medrou a rebelión polo descontento xeral contra as imposiciois do goberno de Castela, cos recrutamentos, abusos dos soldados dos tercios, resistencia aos aloxamentos militares,  etc. Había unha crise militar e facendística da Coroa de Castela que forzou a política centralista, mediante o sometemento dos reinos ás leis de Castela. Así o conde duque de Olivares presentou a Union de armas en 1626, que causou o rexeito dos reinos máis autonomistas coma Catalunya e Portugal. Por último, a política internacional favoreceu a Francia que conquistou  Roselló e Cerdanya.  

        Existe unha carta dos consellers de Barcelona (18 de xuño de 1640) que remiten ao marqués de Vilafranca. Na misiva desculpanse pola queima do seu pazo en Barcelona, e indican que se tiraron tiros desde a casa aos seitadores cataláns, á vez que tratan de descubrir e detener aos delincuentes. Por suposto, estes acontecementos influiron na política de man dura e no ofendido orgullo do noso marqués con Catalunya.  



            O marqués xa tiña aconsellado ao conde de Olivares, en 1637, amosándolle a súa desconfianza cos cataláns, “viene a ser 6,000 pleitos que se acabarán en años y la provincia se ríe”, e incluso propuso a formación dun exército de 15.000 castelaos fronte aos 6.000 cataláns. Está claro que o marqués defendía a estratexia militar para resolver este conflito territorial. Por iso, cando as súas galeiras chegan a Palamós, escribe que “si brevemente no se corrigiesen podrían dar motivo a una guerra enfadosa en España” (1640).

            Cando se produce a revolta en Barcelona, “dels segadors”, el marqués de Vilafranca levou as súas galeiras ao seu porto. Nesta cidade rebelde tivo un problema  político co virrei de Catalunya, o cal non puido fuxir nos seus barcos, e foi capturado e morto polos rebeldes. O marqués marchou para Cartaxena sen deixar barcos para o dito virrei (xuño de 1640). Entre os seus actos bélicos salientamos o bloqueo de Barcelona, e o levantamento dos sitios de Tortosa, Roses e Tarragona. Neste último caso foi acusado polo duque de Olivares de non afundir a flota francesa.

            O marqués de Vilafranca remesa os seus memoriais (xaneiro e febrero de 1641). Neles fala de facer un castigo a palos para cataláns. E propón, para depois da conquista bélica, a creación dunha cidadela militar en Barcelona e a construción de 4 presidios en Lleida, Tarragona, Girona e Tortosa. Nos seus escritos insiste na amenaza catalá, “a todos los reinos de su magestad y provocar la pérdida de España toda”. Recordemos que España daquela xa estaba en guerra con Portugal que tamén loitaba pola súa independencia política. Por todo o dito, sentenciaba que “jamás me convendré en ningún acuerdo con Cataluña”.  

SÁTIRA NAPOLITANA DO MARQUÉS 


            Como en todo conflito bélico hai negociaciois políticas para rematar coa guerra. Mais resta clarexo que o marqués aposta pola vía militar. Por iso nun novo memorial ao rei Felipe IV comenta “lo mucho que conviene domar aquella provincia sujetándola desta vez para perpetua obediencia a Vuestra Majestad” (setiembre 1641). A linguaxe do nobre non deixa dúbidas, quere a derrota total dos cataláns até o seu dominio. Noso militar establece a súa estratexia castelá ofensiva, atacar Tortosa, Tarragona, Lleida, para conquistar depois Cervera e finalizar con Barcelona.

            Convén dicir que no bando real non todos compartían a estratexia belicosa de García Álvarez de Toledo. Outra carta, coñecida coma Consulta da Junta Grande (xaneiro de 1641), refírese a que os marqueses de Miravel e Castrofuerte pediron que se queimara unha carta do VI marqués de Vilafranca ao conde duque de Olivares. Eses dous nobres amosan clara oposición ás opiniois do marqués berciano. O propio rei Felipe IV comentou que “Si el marqués entendió y entiende que no puede haber composición (…) yo soy padre en cualquier parte que venga el hijo”. Estas palabras da Coroa son exemplo do apoio á vía negociadora con Catalunya que o noso marqués rexeitou sempre.

RESISTENCIAS FISCAIS


            Abraia agora esa postura tan belicosa do VI marqués de Vilafranca. Sen embargo, convén coñecer o lema presente no panteón do convento da Anunciada, “Terror y castigo”. Os marqueses de Vilafranca teñen unha historia moi represora. Recordamos as fortes condenas contra os seus vasalos que apoiaron as revoltas do conde de Lemos. Os seus recadadores de impostos señoriais non tiveron piedade cos pobres pecheiros. Habería de escoitar as queixas dos rebeldes napolitanos que foron reprimidos duramente polos virreis bercianos. E, por suposto, temos presentes os mortos nas batallas navais, comandadas polos sucesivos marqueses, no Mediterráneo, no Océano ou nas costas catalás. Velaí a outra historia que non xorde nas guías turísticas.

            O comentado sexto marqués de Vilafranca foi un militar e político español que defendía o imperio español porque cobraba moitos cartos dos seus diversos cargos cortesanos. Pola outra banda, pertencía á casta da alta nobreza, protexido por un réxime xurídico que lle privilexiaba pola súa linaxe (marqueses). Velaí que mirase con superioridade aos seus vasalos e tamén aos rebeldes cataláns, que tiñan a obriga imperial de someterse ao seu rei castelao. Non pensaban o mesmo outros moitos, caso do político Diego Saavedra Fajardo que sabía que “ninguna otra provincia gozaba de mayores bienes ni más mayor libertad que Cataluña, porque ella era dueña de si misma”  (libro Locuras de Europa).

O Bierzo, xaneiro de 2024.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es