INFORME SOBRE O GALEGO DO BIERZO PARA CONSELLO DE EUROPA
INFORME SOBRE O GALEGO DO BIERZO
PARA O CONSELLO DE EUROPA
DO COLETIVO FALA CEIBE DO BIERZO.
O
coletivo Fala Ceibe presenta o seguinte informe sobre a situación do idioma
galego na rexión do Bierzo. Este traballo será presentado ante representantes
do Consello de Europa, que visitarán Madrid (xaneiro de 2024), para coñecer a
execución da Carta europea de linguas rexionais e minoritarias no reino de
España.
CONTEXTO DO GALEGO NO BIERZO.
O
galego está presente na rexión do Bierzo desde a baixa Idade Media. A
comunidade galegofalante concéntrase hoxe na zona ocidental. Ante a falta de
enquisas sociolingüísticas non hai forma de saber o número de falantes, aínda
así se fixan 35.000 falantes de xeito xeral. Sen embargo, habería que
distinguir entre os ditos falantes e os bercianos que son capaces de entender
esta lingua que son moitos miles máis do total da poboación comarcal (119.000
en 2023). O noso galego só ten un uso normalizado nos eidos familiares,
veciñais e rurais.
Históricamente
o idioma galego está presente no Bierzo ocidental. Este territorio non é doado
de delimitar (por líndeiros xeográficos, toponimia ou isoglosas lingüísticas).
Por iso demandamos que se evite a delimitación xeográfica restrictiva (ríos Cúa
ou Sil) e que se execute un criterio xeográfico aberto e amplo (metade
ocidental do Bierzo).
O RECOÑECEMENTO
POLÍTICO-XURÍDICO.
Tras
décadas de demandas lingüísticas, hai dous textos lexislativos que recollen o
recoñecemento do galego no Bierzo. A Lei orgánica do Estatuto de autonomía de
Castela e León, “gozará de respeito e proteción a lingua galega nos lugares en
que habitualmente se utilice” (artigo 5.3). Tamén se recolle o galego na Lei da
Comarca do Bierzo (modificación de 2010) nun texto semellante (at. 1.4).
Por
suposto, temos demandado a cooficialidade do galego no Bierzo ante as Cortes
Xerais de Madrid, para acadar os mesmos dereitos lingüísticos que na Galiza.
Tamén se reclama a presentación dunha Lei autonómica de protección de linguas
de Castela e León que garantice uns mínimos dereitos.
GALEGO NO ENSINO PÚBLICO.
O
noso idioma pódese estudar de xeito voluntario nos centros escolares do Bierzo,
nos ciclos de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e escola oficial de
idiomas de Ponferrada. O problema é que esta lingua non é de oferta obrigatoria
para os centros escolares do Bierzo ocidental. Isto significa que hai centros
aínda non ofertan a lingua galega, polo que moitos alunos non poden exercer
libremente a súa demanda voluntaria de estudo de galego. Demandamos pois que o galego
sexa de oferta obrigatoria en todos os centros do Bierzo ocidental.
GALEGO NAS ADMINISTRACIOIS
PÚBLICAS.
Ante
a falta de cooficialidade do galego no Bierzo, non hai obrigación de uso
administrativo do galego nas instituciois locais (Consello comarcal, concellos
e pedanías das localidades). A escasexa de medios económicos e persoais das
instituciois locais empece políticas lingüísticas. Para superar estas
carencias, demandamos a creación dun Servizo lingüístico polo Consello comarcal
que fomente o uso administrativo polos entes locais comentados.
O
Bierzo depende administrativamente da Junta de Castela e León e da Deputación
de León que non amosan interese político polo fomento do galego. A dita
Deputación ten o Instituto leonés de Cultura e concede unha mínima subvención
para o galego. A Universidade de León
crea a Cátedra de estudos leoneses que ignora o noso galego nas súas
actividades. Fai falta unha Lei autonómica de linguas de Castela e León que
fixe algúns dereitos lingüísticos ante as administraciois (rexional,
provincial, comarcal, municipal e pedánea).
OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN.
Por
suposto, os medios de comunicación están todos en castelán. Soamente alguis
xornais dixitais admiten o uso galego de xeito ocasional através dos escritos
dos colaboradores. A compañía de televisión pública de Castela e León ignora o
galego nas súas emisiois da sede local do Bierzo.
A TOPONIMIA.
A
toponimia tradicional do Bierzo ocidental está presente en galego, na fala
popular e na documentación histórica medieval. Sen embargo a toponimia oficial
está escrita en castelán. Incluso se nos obriga a ter a toponimia en castelán,
por Lei autonómica de réxime local de Castela e León (1998), “a denominación
dos municipios haberá de ser en castelán, respeitándose as denominaciois
existentes (…) (art. 24.1).
GALEGO NAS ATIVIDADES
ECONÓMICAS.
A
nosa lingua está escasamente presente nas atividades económicas. Xorde o galego
de xeito ocasional nas marcas dalgúns produtos agrarios (viños, hortícolas,
frotícolas, etc).
AS NOVAS TECNOLOXÍAS.
Resulta
ser o espazo tecnolóxico un lugar de liberdade lingüística. Velaí a presenza do
galego sen limitaciois (webs, redes sociais, blogues…). O resto de espazos
públicos resultan controlados polos poderes políticos e xornalísticos e, polo
tanto, empecen o uso do galego do Bierzo.
O Bierzo, decembro de 2023.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home