lunes, diciembre 11, 2023

A TRASHUMANCIA TAMÉN PATRIMONIO DA HUMANIDADE.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


A TRASHUMANCIA É PATRIMONIO DA HUMANIDADE.

Por Xabier Lago Mestre.

A trashumancia ten sido declarado patrimonio inmaterial da humanidade neste 2023. Poucos saben que aínda hoxe hai trashumancia entre Galiza e O Bierzo. Referímonos a eses gandeiros de Cervantes que traen o seu gando maior (touros e vacas) até Campo da Auga en primavera. Mais esta atividade gandeira ten moita historia na rexión do Bierzo. Por vén a conto facer un rápido percorrido por algunhas pescudas da trashumancia na rexión berciana.

            Sabemos que na Idade Media o mosteiro berciano de Carracedo conseguiu dos reis diversos privilegios para que o seu gando puidese pastar libremente nos pasteiros comúns (Alfonso IX, 1218), ou para levar rabaños de ovellas ás comarcas da Ribera, A Cabreira, Viana e A Seabra (1317). O dito cenobio tiña granxas gandeiras en Cervantes e Ancares (pena Cabalar) con importantes cabanas gandeiras. Curioso foi caso da fundación mítica de Vilafranca. Segundo a lenda uns vaqueiros asturianos seguiron a súa vaca branca que non parou até chegar un lugar onde se orixinou Vilafranca do Bierzo.



            Por suposto, conservamos máis documentos da trashumancia na Idade Moderna. Así sabemos da presenza de vaqueiros bercianos en Villablino. En  1543 gandeiros galegos e bercianos foron atacados, en Laciana, por cabaleiros do conde de Luna que reclamaba o dominio dos portos e brañas concellís. Pola outra banda, os marqueses de Vilafranca controlaban os importantes pastos da Cabreira (1555, As Verdianas, Camporromo, Butargas, Casaio, etc) que arrendaban a gandeiros foráneos. Outras executorias xudiciais son contra o concejo de Laciana polos rompementos e a ocupación de terras que perxudican os pastos dos rabaños da Mesta (1593).

            A organización de gandeiros castelaos, o Honrado Concejo da Mesta, protexido pola Corona trata de asentar o seu poder na provincia do Bierzo. Isto provoca o rexeito dos concellos locais porque deben compartir pastos con gandos foráneos. En 1639 unha resolución obriga a Bembibre e concellos da contorna a ser irmaos do Concejo da Mesta e someterse á súa xurisdición privativa. Outro tanto aconteceu no preito entre A Mesta e os concellos do mosteiro de Santo Andrés de Espiñareda (1631). Nesta ocasión acusa aos bercianos de “relaciones siniestras de quatro años a esta parte se an essimido de la jurisdiccion de su magestad”, por iso se pretende o sometemento aos xuíces da Mesta foránea.



            Tamén Ponferrada e contorna foi obxetivo estratéxico da Mesta, xa que “los pastores y rabadanes que residen en la provincia del Bierzo, por los malos tratamientos que reciben de las justicias ordinarias”, velaí a presenza dun alcalde da Mesta para imponer o seu poder gandeiro.        En 1786 sabemos dun preito xudicial polo que parroquias de Donis (Cervantes) se opoñen á entrada de ovellas meirinas de Ávila  que veñen da provincia do Bierzo, porque compiten cos pastos do gando local en porto da Cespedosa. Os concellos bercianos de montaña arrendaban as súas brañas para ter ingresos económicos que servían para pagar os diversos impostos reais e señoriais (caso de Valseco y Salientes en 1763). Otra peculiar trashumancia foi a dos gandos de Bouzas que baixaban a Ponferraba na procura de pastos, fuxindo das altas neves invernais.

            Un caso paradigmático da trashumancia berciana foi Campo da Auga. En primavera os veciños de Aira da Pedra abandonaban esta localidade para subir temporalmente até Campo da Auga (cos barrios do Regueiral e As Valiñas) e aproveitar vivendas, cultivos e pastos para o seu gando. O certo é que tódalas localidades bercianas que vivían da gandeiría fixaron veceiras. Esta institución comunal consistía na formación de conxuntos animais (ovellas, cabras, cerdos, cabalos…). Os animais privados xuntábanse nun rabaño conxunto baixo un pastor que levaba as bestas até os pasteiros lonxanos. Os pastores podían ser os propios veciños por quenda ou outros contratados.     



            Das infraestruturas propias da trashumancia coñecemos os seus peculiares camiños gandeiros (canadas, cordeis, veredas e coladas, segundo o seu diferente tamaño). En Burbia existe o camiño dos bois galegos. Outras instalaciois gandeiras foron as brañas, alzadas, malladas, cabanas e corrais. A nosa toponimia de Ancares e Fornela está chea de referencias gandeiras (Morteiras, Campa das Ovellas en pico Tres Bispos, Alto das Becerreiras, A Veiga dos Bois en Porcarizas, Vaqueiros…

            Por suposto, os libros de Castela e León descoñecen nosa historia e nin nomean nosa trashumancia. As meirinas castelás entraban na nosa rexión polos portos de Foncebadón, Manzanal e Cabreira. A fines do século XIX estaba catalogada a Canada Real Coruñesa polo centro do Bierzo. Aínda hoxe Benavente conserva no seu rueiro o nome de Cañada real berciana. Coa chegada do ferrocarril o desprazamento de gando fíxose por este medio de transporte, incluso na estación de Astorga houbo edificio de cargue de meirinas.  

O Bierzo, decembro de 2023.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es