AS IDADES DO HOME EN VILAFRANCA DO BIERZO.
AS IDADES DO HOME NO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
Temos novas recentes da
concesión definitiva da exposición As Idades do Home a Vilafranca do Bierzo
para o ano 2024. Resulta un acontecemento sobrandeiro que todos apoiamos.
Aproveitamos a ocasión para facer unhas propostas bercianas que sirvan para
enriquecer o contido da dita exposición.
O
primeiro é comentar que está moi ben establecer unha sede dual con Santiago. Velaí
que os gobernos da Xunta e da Junta asinaron un protocolo de colaboración para
executar esas exposiciois con apoio económico mútuo. A “Fundación de las Edades
del Hombre” aprobou que para o ano 2025 a exposición sexa compartida entre as
ciudades de Zamora e Porto (Portugal). A sede dual entre Vilafranca e
Compostela só traería beneficios comúns. A vila berciana ten poder de atración
turística propio. Agora ben, mediante a unión interurbana haberá unha
publicidade dobrada. Compostela é a capital de Galicia, un centro rexional,
administrativo, económico, etc. con forte posicionamento mediático en España,
de todo isto pode ben aproveitarse Vilafranca indiretamente.
Pola
outra banda, na dita exposición non se deberían pasar por alto as vinculaciois
históricas entre Galicia e mailo Bierzo. A catedral de Santiago tivo incluso
posesiois territoriais bercianas, casos da vila de Cacabelos, Busmaior,
Trabadelo, Parada de Souto e Soutoparada y Lindouso. Outro tanto aconteceu coas
numerosas freguesías dependentes do bispado de Lugo nos vales de Barxas,
Valcarce e Valboa. Outras instituciois relixiosas galegas tamén tiveron
influenza territorial na nosa rexión. Son os casos dos mosteiros do Cebreiro
(Perexe), Samos en Vilela, Meira, Sobrado dos Monxes, etc. Convén tamén
recordar os vincallos entre Compostela y Villafranca no tema das ámbalas dúas portas
do perdón, onde se pode gañar o xubileo.
Outra
proposta é que na exposición de Vilafranca se traian obxetos relixiosos levados
fóra do Bierzo. Referímonos a obxetos bercianos presentes en museos leoneses.
Como exemplos disto, os relicarios da Colexiata de Vilafranca , esculturas e
cruces parroquiais en Astorga, o Calvario de Corullón e a Cruz de Peñalba en
León, libros do desamortizado mosteiro de Carracedo, etc. Neste contexto, habería
que recordar as apropiaciois de reliquias pasadas, casos dos roubos de restos eremíticos
en Penalba de Santiago ou a traída do corpo de Lorenzo de Brindis desde Lisboa
polos marqueses de Vilafranca. Deste xeito, compensaríase dalgunha forma a
forzada deslocalización de bens relixiosos bercianos de xeito irregular.
Outro
aspecto que se debe ter en conta na exposición berciana é o tema da presenza
dos territorios periféricos galegos do bispado de Astorga. A zona pastoral de
Galicia comprende 5 arciprestádegos, a saber, A Rúa, O Barco, A Veiga, Viana e
Trives-Manzaneda, con máis de 290 localidades e barrios. Polo tanto en
Villafranca terían que estar obxetos relixiosos destes territorios e feligreses
como respeito e homenaxe.
Engadimos
que Villafranca foi considerada “abadía nullius diócesis”, o cal significou a exención
parcial do bispado de Astorga durante séculos. Vilafranca tivo feligresías,
bercianas e galegas, dependentes da súa colexiata. Concretamente, nas comarcas
da Somoza e Aguiar no Bierzo, Valdeorras, A Cabreira, O Bolo e Viana. A exposición
ben debería reconocer este feito histórico, así como a súa conflitividade
institucional, e non agochalo unha vez máis por parte das autoridades eclesiais.
Neste contexto relixioso estivo ben presente o mecenazgo dos marqueses de
Vilafranca.
Tampouco
pode faltar o tema lingüístico da presenza do idioma galego no Bierzo e
Valdeorras. O bispado de Astorga ten ignorado esta problemática e vai sendo
hora de que tome conciencia disto. Centos de fregueses, durante séculos, non
viveron a religiosidade católica na súa lingua materna en galega, ante o
centralismo idiomático castelán ordenado dende Astorga. A exposición de
Vilafranca debería amosar certo respeito á lingua galega mediante a colocación
de paneis informativos bilingües. Ademais da presenza de documentación en galego
dos mosteiros bercianos de San Pedro de Montes e Carracedo. Sinxelos e baratos xestos
eclesiais que demostrarían o necesario cambio de atitude ante o bilingüismo do
Bierzo e Valdeorras.
Esta
exposición conxunta, entre Vilafranca e Compostela, vai favorecer a renovación
dos vincallos históricos e relixiosos entre ámbolos dous territorios. Sen
dubida vai favorecer a chegada de turistas de Galicia ao Bierzo e, polo tanto,
o desenvolvemento económico doutras vilas da nosa rexión, por exemplo, Cacabelos
e Ponferrada, por cercanía e capacidade hoteleira. Aínda moitos recordamos a
anterior exposición das Idades do Home en Ponferrada, titulada “Yo camino”
(2007), e as positivas consecuencias que tivo para a promoción turística de
todo O Bierzo. Vilafranca posúe edificios máis importes que ofertar (S.
Francisco, S. Nicolás O Real, A Colexiata e
A Anunciada) que presaxian un éxito sen igual para esta localidade que
non quere afastarse da veciñanza galega.
O Bierzo, decembro de 2023.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home