O VAL DE ANCARES NA REXIÓN DO BIERZO.
O VAL DE ANCARES NO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
O val de Ancares avanza cara a
recuperar a súa denominación tradicional tras cumprir cos preceitivos trámites
administrativos. Ancares, un curioso topónimo que ten un carácter espansivo en
Galicia pola comarca veciña e pola serra do mesmo nome. O certo é que o noso
val de Ancares ten moita historia. Na Idade Media está documentado o castelo de
san Esteban de Fresnedelo ou Ancares (1033) que tería o seu territorio
dependente, a tenencia de Ancares (1072). Por suposto os reis tiñan as súas
terras, entre elas o castelo de Fresnedelo e alfoz que é doado ao bispo de
Astorga polo rei Afonso IX (1206).
As
veciñas terras de Ancares foron dependentes dos mosteiros, casos de Fornela e
Burbia trala doazón de Afonso XI a santo Andrés de Espiñareda (1317). E
saltamos para o tempo dos chamados reis católicos e recordar que moitas terras
e vasalos do bispado de Astorga pasaron a ter xustiza real. Cando os reis crean
a provincia do Bierzo (1486) delegan a súa xustiza no seu corrixidor de
Ponferrada (lexisla e executa). Algúns territorios do dito bispado (Los Barrios
de Salas, A Somoza astorgana, Molinaseca…) dependeron xudicialmente do
comentado corrixidor real. Talvez tamén acontecera o mesmo co val de Ancares
que pasou a ser de reguengo, e quedou baixo o control do corrixidor. Neste
senso existe un documento que fala dos lugares de Ancares que son do bispo de
Astorga, o cal preitea por términos co mosteiro de santo Andrés de Espinareda
(1496).
Xa
no século XVI Ancares pasará a ser da Coroa. Velaí a continua referencia
documental ao Real Val de Ancares. Desta dependencia real recordan os ditos,
“Ancares é real, fóra toda abadial” (mosteiro de Espiñareda e colexiata do
Cruñego de Vilafranca). Curiosa foi a demanda do concello veciño de Burón que
quixo pasar á provincia do Bierzo baixo o corrixidor de Ponferrada, “que nos
aplique a la noble villa de Ponferrada, que tierra d´Ancares ques de Ponferrada
confina con tierra de Nabia e tierra de Nabia con la de Burón” (1526). Eses galegos
pretendían deixar de ser vasalos do señorío
de Altamira para ser reguengos, xa que “de la nuestra Corona real no faga merced
de nos a quien nos desfuelle las caras” (1526).
En
un documento de 1776 atopamos a referencia a unha xunta de veciños na “casa del
ayuntamiento de este valle” na localidade de Sorbeira. Nela a veciñanza elixe
diversos oficios públicos, un xuiz do val, un alcalde da irmandade e un
procurador. Como a xustiza era real, a cargo do corrixidor de Ponferrada, os
ancareses tiñan a obriga de pagar polo seu exercicio (47 reais ao ano). Outros
actos comúns foron o pedimento da quita das contribuciois para reparación de
pontes lonxanos (1774). Noutra ocasión, as localidades do val protestaron
contra a Mesta de gandeiros casteláns, xa que non querían que os alcaldes entregadores
fixeran audiencias na cercana vila da Veiga para favorecer os privilexios de
pastos das ovellas foráneas (1624).
Segundo
o Castastro de Ensenada (1752) as localidades do val de Ancares pagan en común
o imposto das alcabalas reais, “destos nueve lugares que incluye dicho valle en
un cuerpo como acredita dicha carta de pago”, claro exemplo de cooperación e
solidariedade fiscal. Sen embargo, non pagaban outros impostos reais, “no paga
dicho común servicio ordinario ni extraordinario por gozar todos los vecinos de
previlegio de hijosdalgo” (Sorbeira). Dichos pagos fiscais tiñan que realizarse
no castelo de Ponferrada, baixo a administración dos marqueses de Vilafranca.
O
Val de Ancares poseía os seus oficiais públicos. En 1775 fálase do nomeameto do
encribán do número do “valle de Ancares, Provincia del Bierzo”. Tamén había un
procurador síndico da xurisdición do val de Ancares (1808), defensor dos
intereses populares, que denunciou os empadroamentos irregulais de fidalgos. Xa
sabemos que os fidalgos estaban exentos de pago de certos impostos, o cal
significaba un privilexio concedido pola Coroa. O catastro de Ensenada (1752)
refírese á existencia dun xuíz ordinario e Lumeiras. A revolución liberal do
século XIX impuxo un forte pulo por rematar coas instituciois do Antigo réxime.
Velaí a supresión dos señoríos e maila creación dos municipios centralizados
por unha capital, caso de Candín en sustitución do vello val de Ancares.
Por
suposto, as localidades do val tiveron problemas de términos entre elas e coas
veciñas. Vilarbón e Sorbeira preitearon con Burbia sobre prendas de gando que
pastaba no término de Toloveira (1595). Lemos tamén que Suarbol, na “provincia
de el Bierzo”, tivo desputas de lindes co concello de Piornedo sobre unha
mancomunidade pastos (1799). Mentres que a Valouta preiteou co mosteiro de
santo Andrés de Espiñareda pola execución da xurisdición civil e criminal nun
longo proceso xudicial ante a Chancelería de Valladolid (1542-1584). Outro
tanto acontecera cos concellos de Teixedo e Pereda que descutiron polo
aproveitamento de pastos nos montes de Bercias e Reconquiños (1606-1628).
Non
podemos rematar sen facer mención á galeguidade lingüística do val de Ancares.
O etnógrafo José Fernández González ten estudado esta cultura local e comenta
que “el ancarés ante gallegos habla gallego, y ante ancareses habla la
modalidad del gallego que llaman ancarés” (Etnografía valle de Ancares). Mais
non faltan os piques entre veciños, “con galegos i ancareses, tratos poucas veces”,
ou “os inimigos da alma son tres, fornelo, galego i ancarés”. O que sobra é o
orgullo ancarés, “Por el Alto de la Cruz no se pasean chavales, lo recorren
buenos mozos del Real Valle de Ancares”.
O Bierzo, marzo 2024.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home