lunes, mayo 12, 2025

A CONFLITIVA CIDADE DO DOLAR

Tu libro EL BIERZO PROVINCIAL  


A CONFLITIVA CIDADE DO DÓLAR,

Por Xabier Lago Mestre.

Inténtase recuperar a memoria coletiva da vella Cidade do dólar, así coñecida durante as décadas de mediados do século XX, por mor do desenvolvemento mineiro e industrial de Ponferrada. Todos ben sabemos do crecemento urbano da zona centro, tamén dos barrios periféricos, casos de Flores del Sil, Columbrianos, Compostilla, estación Renfe, poblados mineiros de Msp, etc. A cidade tivo de golpe que enfrontarse con novas situaciois de todo tipo que provocaron problemas económicos, de vivienda, urbanismo, de salubridad, ecolóxicos, sociais, etc. Así pois, non todo foi positivo na chamada Cidade do dólar.

Comezamos por enriba coas cuestiois políticas. O réxime da ditadura mandaba con man de ferro sobre os cidadaos. Polo tanto a sociedade berciana non estaba articulada en organizaciois diversas (veciñais, culturais…), capaces de representar e defender intereses coletivos. Seguía moi presente a división interna entre os vencedores da guerra civil e os vencidos, sen capacidade de diálogo político.  Os primeiros controlaban os escasos medios de opinión pública, Proa de León, Promesa e radio Juventud de Ponferrada.



A ampla oferta de traballo, trala instalación do capitalismo industrial e mineiro na rexión do Bierzo, favoreceu a chegada masiva de xente de fóra (galegos, andaluces, asturianos…). Estes tiveron o problema de aloxamentos axeitados. A toda présa houbo que facer vivendas en Ponferrada e nos barrios periféricos. A alta demanda de vivendas provocou a alza dos seus prezos, tanto de compra coma de alugueres. A isto hai que engadir a falta de urbanización axeitada dos novos barrios obreiros, sen saneamento, nin alumbrado ou pavimentación. Así pois, todo isto foi caldo de cultivo para as protestas veciñais sempre soterradas que evitaban problemas políticos. Tampouco faltou a competividade entre traballadores nos cantares populares, “mineiros toupeiros, ferroviarios viaxeiros” que procuraban dignificar unhas profesiois fronte a outras.

A industrialización trouxo tamén consecuencias negativas. Contaminación atmosférica polas centrais térmicas de Msp e Compostilla I. Ademais os ríos baixaban negros polos efeitos nefastos do lavado dos carbones e de botar os chamados estériles ou menudos. Contaminación mineira imposible de permitir na actualidade coa mentalidade coletiva ecoloxista. Os veciños máis vellos do barrio da Placa de Ponferrada aínda recordan outro grave problema. Trátase de rotura das grandes balsas negras que había na zona das vías de Renfe, xunto aos cargadeiros de carbón e mailas industrias de elaboración de produtos derivados dos carbois. Pois ben, cando había fortes chuvieiras neses terreos, as augas baixaban pola pendente, desbordaban as balsas carboneiras, cruzaban as vías do tren, e arrastraban as augas negras para as rúas e vivendas da Placa. Ano tras ano houbo protestas mais os intereses industriais sempre prevaleceron sobre os da sufrida veciñanza.



Cidade do dólar pola cantidade de diñeiro circulante. Houbo muito esforzado traballo e ganas de desfrutar da vida gastando os sufridos cartos dos salarios. O centro da cidade estaba cheo de lugares onde pasalo moi ben. Tendas de roupa, bares, hoteis, cabarets, etc. O réxime político tiña de facer a vista gorda ante certos comportamentos sociais pouco morais. Desnudos nos cabarets, estafas nos xogos de mesa, perdas desmesuradas coas chapas, etc. Como é lóxico había diferenzas sociais que se manifestaban nos centros de lecer. Velaí o Casino da rúa Reloxo (da burguesía e comerciantes) e a Sociedade de socorros mútuos (dos obreiros), na zona vella da cidade. Mentres tanto a mocidade procuraba a súa diversión. Os da zona alta botaban pedras, dende a esplanada do Moclín, aos de abaixo, que se situaban na beira do río Sil en Navaliegos. Tratábase das dúas bandas xuvenís, coñecidas coma merengues (polo branco da súa ropa limpa) contra os hebreos ou xudeos pobres do barrio da Pobra.

A contorna de Ponferrada tamén tivo conflitos coa capital industrial. As localidades veciñas sufriron os efeitos do seu centralismo político e económico. A urbe necesitaba dos abastecementos alimentarios de fóra. Mais había que pagar taxas para meter produtos rurais polos chamados fielatos. Na ponte de Ferro, no Plantío e na ponte Boeza estaban os postos de control. Por iso era fácil escuitar as coplas do cancioneiro, “Ponferrada, alto! paga o fielato”. Mentres tanto os labregos e gandeiros sorteaban os vaos do Sil e Boeza cos amanceres, para evitar os gravosos pagos desas taxas municipais.



As localidades veciñas tiveron que competir en desvantaxe con Ponferrada porque pasenino os seus habitantes querían traballar e vivir na urbe e abandonaban o medio rural. Atrás quedaban aqueles intentos de Columbrianos e Toural de Meraio de ser municipios independentes (fines do século XIX). Agora Los Barrios de Salas e san Esteban de Valdueza luitaban por sobrevivir, por desgraza máis tarde perderían a súa independencia institucional.

Coa nova Cidade do dólar non se podía competir. As diferencias históricas entre Vilafranca e Ponferrada quedaban mui atrás. Agora a capitalidade de Ponferrada era incuestionable co desenvolvemento industrial, mineiro e urbano. A vila do Burbia só podía ofrecer a súa oferta vinícola, froiteira e madereira. Velaí a copliña antiga, “Vilafranca marquesal, Ponferrada máis real”, onde se enfrontan ámbolos dous pasados históricos, mais onde prima a realidade da Cidade do dólar. Outro tanto acontecía coa vila de Bembibre, “Bembibre está triste, Ponferrada que gozada”, non sabemos se esta derivada vén da rivalidade entre o Atlético de Bembibre e maila Ponferradina. Máis coñecida era a cantiga, “Ponferrada se quema, Molina llora porque no se quema la villa toda”. A superioridade dos ponferradinos manifestábase en “xa están encima as festas da Encina, xa veñen os tontos de todos os pobos”.



Para rematar, non podemos pasar por alto o poder da Igrexa, vella aliada do poder político franquista. A catolización de Ponferrada trata de impoñerse nos sectores mineiros e obreiros para apaciguar as súas demandas sociais e laborais. Así refórzase a imaxe da Igrexa coas súas novas construciois nos barrios de san Pedro e san Ignacio, cuxo campanario semella competir cos tañidos da mesma basílica da Encina. Outra manifestación do poder eclesial é a supresión dos mercados tradicionais dos domingos que pasaron por mandato municipal aos sábados coma hoxe.  A Igrexa local soubo fomentar a festa da patrona da Comarca co seu Diazo do Bierzo, o 8 de setembro. Dende logo que esta celebración era secular mais agora conseguía un novo sentido político sen igual para a formación da conciencia coletiva rexional.

O Bierzo, maio de 2025.  


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es