viernes, octubre 17, 2025

ANTIGOS PROXETOS FERROVIARIOS NA REXIÓN DO BIERZO

LIBRERIAS SIMÓN Y QUIÑONES
LIBRERIACAJONDESASTRE.COM


ANTIGOS PROXETOS FERROVIARIOS NO BIERZO,

Por Xabier Lago Meste.

O Goberno do Estado anuncia un novo estudo sobre o proxeto ferroviario para salvar o lazo da Granja de san Vicente. A verdade é que levamos tantos estudos prometidos que xa resultan difícis de crer. Todo isto recorda cando se fixeron os primeiros estudos e as posteriores obras ferroviarias do dito lazo. Daquela, na segunda metade do século XIX, houbo muitos problemas para atopar o trazado ferroviario, por mor do grande desnivel dende Brañuelas até a ribeira do Boeza. Ademais dos numerosos valegos que había que atravesar e dos túneis que tiñan que furadar. A todo isto engadimos a creba financeira da compañía ferroviaria debido aos numerosos gastos (infraestruturas, salarios, débeda dos créditos…) e os litixios coa veciñanza que protestaba pola perda de camiños rurais, pastoiros e fontes.

                Durante anos o ferrocarril só chegou só até Brañuelas (1868), logo os viaxeiros tiñan que apearse dos trens e coller dilixencias para O Bierzo e Galicia. Foi no ano 1881 cando se puido continuar a viaxe polo inaugurado ferrocarril a vapor. Posteriormente houbo que agardar a 1955 para conseguir a eletrificación deste complexo traxeto ,o que facilitou o transporte de carbóns bercianos para o resto de España. Agora levamos muito tempo agardando un novo traxeto ferroviario que acurte a viaxe para Castela. Pouco podemos facer xa os bercianos salvo agardar a necesaria decisión política do Goberno español.



                Aproveitando que o río Sil pasa por Ponferrada, queremos recordar outros proxetos ferroviarios que afectaron á nosa rexión do Bierzo. De seguro que as achegas históricas que imos publicitar van abraiar a muitos dos leitores. Ben, comezamos polas reivindicaciois de lucenses e vilafranquinos para facer un ferrocarril a vapor polo porto de Pedrafita. En 1879 demándase ese traxeto para unir a vila do Burbia coa capital luguesa. Para isto habería que construir un túnel para salvar o dito porto galego cunha lonxitude de 2.5 km. Unha obra impresionante para aquela época. O traxeto subiría polo Valcarce, con apeadeiros en Perexe, Trabadelo e A Veiga, a seguir por Becerreá, Baralla até Lugo. Volveuse á carga coa reivindicación galegoberciana en 1930, ante o goberno da ditadura, cunha entrevista co xeral Berenguer en Lugo da comisión vilafranquina. Alegábase que ese trazado era máis curto ca por Monforte, 87 km polo norte fronte a 167 km polo sul. Por suposto, non se atopou financiamento público nin privado capaz de botar as vías nesta rexión tan montañosa. O xornal “El Ideal Gallego” publicaba “el gran momento de una comarca. El Bierzo y Galicia. El ferrocarril de Villafranca a Lugo” (1929).

                Vilafranca do Bierzo non se deu por derrotada co fracaso do ferrocarril para a capital luguesa. Resulta que tamén se reivindicou o trazado até Vilaodrid, coa súa conexión para Ribadeo (1918). Tratábase de poder tirar os minerais de ferro de Lugo e carbóns do Bierzo polo porto mariñeiro de cara aos mercados nacional e internacional. Vilafranca estableceu mui boas relaciois estratéxicas con Ribadeo, velaí que se puxera o nome de Riabadeo á popular rúa da Auga da nosa vila. Este trazado tiña 151 km por zona ben montañosa que esixía muitas infraestruturas ferroviarias, a saber, pontes, túneis, salvar desniveis, estaciois…



Houbo bercianos que defenderon con forza as comunicaciois coa Galicia cos seus numerosos artigos xornalísticos. Este foi o caso do presbítero de Vilafranca, Manuel Santín. Este escribe a prol do ferrocarril Vilafranca a Lugo e da chamada “autopista” Madrid A Coruña (1929). Outro tanto acontece co escritor Antonio Carvajal que, ante o grave abandono institucional, “desde tiempo inmemorial se halla huérfana de toda protección por parte de los Poderes públicos”, por iso defende a unión con Galicia, “la idea de pedir la anexión a Galicia, fundándose no solo en la proximidad (…), no es más que una prolongación de Galicia” (Las Riberas del Eo, 1934).  

Outros proxetos ferroviarios foron presentados por Julio Lazúrtegui quen quería crear a nova Vizcaia en Ponferrada cos seus altos fornos de siderúrxia. El propuso un trazado co país luso, “y próxima a Portugal, cuyo acercamiento se impone mediante un ferrocarril directo de Bragança a Ponferrada” (Mercurio, 1920). Ademais doutros de Toreno coa Robla e san Esteban de Pravia con Villablino. O xeneral berciano, Severo Gómez Núñez, tamén fixo referencia ao ferrocarril de Ponferrada a Seabra, “a través de la sierra de la Cabrera, llena de riquezas que hoy se pierden lastimosamente” (Luz de Astorga, 1927). O escritor berciano, Alberto Carvajal A. de Toledo, propón otros trazados alternativos, “cuenca de Fabero puede comunicarse con el de Cacabelos y también con el actual de Villablino a Ponferrada con poco gasto” (Las Riberas del Eo, 1928). Dito autor engade a proposta das minas de Formigueiros para O Cebreiro. Mentres que o enxeñeiro Juan Bautista Neira de Nogais achega un tren con túnel en Burbia para A Leitosa, así coma outro túnel por debaixo de Candín para saír á terra de Cervantes, segundo nos conta o dito Alberto Carvajal.



                Quen si saíu adiante foi o ferrocarril métrico de Ponferrada a Villablino (1918), empegado para a saída de carbón das concas mineiras. Nesta contorna houbo o proxeto ferroviario de Villablino ao porto de san Estaban de Pravia, por Cangas de Narcea, para exportar o carbón lacianiego. Este trazado tiña 124 km cun túnel de 3 km en Caboalles e Cerredo (La Correspondencia de España, 1920). Proxeto que se retomou en 1945 pola Deputació asturiana sen éxito. Desta zona tamén é o trazado ferroviario que partindo de Lugo, ía para Meira, logo a Ibias, continuar por Tormaleo e rematar en Villablino (La Voz de La Verdad,1925).

                Outros proxetos galegos periféricos só tiveron existencia nos planos. Caso do que unía Baralla con Vilalba, Mondoñedo, Barreiros e Ribadeo (1900), cun total de 147 km. Ademais temos esoutro que vencellaba Becerreá co Sarria, eiquí con saídas para Lugo e Monforte (La Voz de Galicia, 1900). 



De volta na rexión do Bierzo, houbo o proxeto ferroviario de Brañuelas para Villablino. Trátase dun traxeto polo val do río Tremor e serra da Granda, onde había que facer un gran túnel de 1000 m para pasar através do val Gordo para Murías de Paredes. E pequenos ramais ferroviarios houbo en Villablino (Villaseca e Caboalles), en Torre (Antracitas santa Cuz e Brañuelas), Albares, La Silva, La Granja e Fabeiro (mina Julia).

A Minero Siderúrxica de Ponferrada tivo minas de ferro en San Miguel de las Dueñas con cargadeiros para trens de Renfe, e en Calamocos con pequeño ferrocarril propio. Sen esquecer os ramais ferroviarios da fábrica da luz, Compostilla I, Cubillos e cargadeiros do barrio da Placa de Ponferrada. Máis lonxe a dita MSP tivo un cargadeiro de ferr na ría de Vigo, en Rande (1960-70), a onde chegaba o mineral berciano con trens da Renfe. Mineral que era exportado para Inglaterra e Alemaña. E cercano estivo outro cargadeiro marítimo (1925), da “compañía Minerales de Hierro de Galicia”, e que serviu para exportar o wolframio galego, mentres que a meirande parte do berciano viaxaba en camións até o porto da Coruña.

O Bierzo, outubro de 2025.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es