A EXENTA COLEXIATA DE VILAFRANCA DO BIERZO.
A EXENTA COLEXIATA DE VILAFRANCA,
Por Xabier Lago
Mestre.
Ao longo da historia os poderes
institucionais sempre se aliaron para exercer o seu poder sobre os dependentes.
Foi o caso dos reis sobre os súbditos, dos mosteiros e señores laicos cos seus
vasalos. Eses poderosos necesitaban vivir a costa dos otros. Para acadar este
sometemento coletivo, os ditos dirixentes negociaron diversos sistemas
xurídicos beneficiosos sempre para eles, con mercedes e privilexios, control
dos poderes lexislativo, xudicial, militar e relixioso.
Nesta ocasión
veremos o caso dos marqueses de Vilafranca. Trala concesión do dito marquesado
(1486) non pararon de acumular poderes de todo tipo sobre os seus vasalos
bercianos coa axuda da Coroa. Esta soubo premiar os servizos prestados co
goberno en Nápoles e otros cargos militares en Catalunya ou nos diversos mares.
Por suposto exerceron un control absoluto no seu marquesado, cos seus poderes
señorial, xudicial, policial, etc. Hoxe pescudaremos no seu poder relixioso,
concretado coa colexiata de Vilafranca.
Na vila do
Burbia existía dende a época medieval un pequeno mosteiro cruñego, da orde do
cruni. Pero este centro foi decaendo até se conver en sinxelo priorato. A
estadía de don Pedro de Toledo en Italia favoreceu a concesión papal para
converter ese priorato en igrexa colexial (1529). Por certo, a política
matrimonial tamén axudou, cando se casan un sobriño do pontífice e a filla dos
marqueses (1533). Os marqueses conseguiron a merced real (Carlos V, 1528) de
maiorazgo para protexer xurídicamente as súas propiedades territoriais fronte a
posibles acredores. Mais os marqueses tiveron o problema de que dito priorato
tiña unha encomenda previa, xestionada por Fernando Mudarra, pois nada houbo
que dirixirse ao Papa para suprimilo, e poder convertelo en igrexa colexial
secular baixo a súa dependencia señorial. Depois a colocar aos seus
partidarios, trala nova concesión papal, prior, chantre, mestreescola, arcediano,
etc. todos ao servizo dos intereses relixiosos dos marqueses.
Para manter
esta abadía colexial houbo novas mercedes papais en 1531 e 1532. O máis
salientable é que este novo centro relixioso foi eximido da xurisdición e
visita dos bispos de Astorga. Un tema chave foi o seu financiamento, por iso se
incorporaron diversos beneficios de diversas freguesías do Bierzo e Ourense,
mediante sucesivas cartas de anexión á colexiata. Como sempre nestes casos, os
señores achegan cartos, mais son os vasalos e fregueses os que máis sufren este
tipo de novidades institucionais. Velaí a conflitividade derivada destas
relaciois sociais desiguais.
A colexiata
ten asignados territorios propios. Este é o caso da terra da Somoza, onde o
cabido xeral da colexiata é señor xuridicional. Por iso nomea os seus meirinos
que executan a xustiza señorial. Mentres que os cargos locais (rexidores e
pedáneos) son elixidos polos concellos rurais. Tamén na localidade de Pradela
tiña fortes intereses económicos segundo a documentación histórica. En 1557
denunciou un roubo de pan e centeo, destinado a pagar diezmos, dos hórreos
señoiais por parte de veciños de Pradela. Isto non empece que a dita colexiata
se alie cos seus veciños na desputa polos lindeiros con Perexe, dependente do
hospital do Cebreiro (1676).
A colexita de Vilafranca tiña importantes ingresos dos foros agrarios. O cobro destes deu orixe a frecuentes conflitos sociais. Sonado foi o preito entre veciños de Arganza e a colexiata por impago de certo foro do casal dos escudeiros. Incluso a colexiata recusou ao correxidor de Ponferrada, na execución da sentenza, porque opinaba que tiña amizade coa outra parte (1591). Tamén houbo que procurar o abeiro da xustiza para recuperar términos ocupados en Teixeira (1588). Os diezmos cobrados aos fregueses bercianos eran mui cobizosos polos poderosos. O cabido da colexiata desputa co arcediano do Bierzo polos de Pradela e Soutelo, reclamando a súa propiedade (1554).
Por suposto,
Astorga non aceitou ben esta exención eclesial forzada dende Vilafranca (nullius
diocesis) no seo do seu bispado. Os problemas territoriais comezaron de
inmediato, velaí o intento de visita do bispo e a posterior concordia de 1538.
No século XVII continúan os preitos, o que obriga a intervir ao propio correxidor
de Ponferrada (1665), representante real na provincia do Bierzo, xa que o
alcalde maior de Vilafranca e o abade da colexitata se negaron a entregar
executoiais gañados no tribunal da Rota, e incluso meten na cadea ao fiscal de
Astorga demandante dos papeis.
Os problemas
xudiciais entre ámbalas instituciois continúan no XVIII, segundo Memorial do
preito datado en 1776. Do seu contido salientamos o alegato astorgano, “estando
como está la dicha villa de Villafranca en medio de este obispado, si se
segregase y apartase del, sería de gran confusión y hacer un refujio de todos
los eclesiásticos díscolos, con quien no se puede valer el obispo para
corregirlos y enmendarlos, porque todos se recojerían a la nueba diócesis de
Villafranca y en conclusión fue destruir este obispado, erigiendo allí una
Babilonia” (rvta. Bierzo, 2000). Coma en todos os longos preitos da Idade
moderna, o Decreto da Cámara real non chegaría até 1795 para pacificar
temporalmente a situación.
As reformas
liberais do século XIX afectaron tamén á Igrexa. Houbo debates políticos sobre
a supresión de instituciois eclesiais menores. Por iso o concello de Vilafranca
protestou ante Cortes sobre o ruxerruxe de supresión da súa colexiata. Así, “el
ayuntamiento recordaba también la necesidad de restablecer la provincia de
Villafranca del Vierzo, como lo acordado por las Cortes en 27 de diciembre de
1822, en cuyo caso debería erigirse allí silla episcopal, haciéndose por lo
tanto indispensable la conservación de dicha colegiata, y pedía a las Cortes se
sirvieses acordala” (Diario de sesiois, xullo de 1837).
Por desgraza,
o Concordato de 1851 fixou a supresión das colexiatas en España. A de
Vilafranca pasou a ser sinxela igrexa parroquial, coma aconteceu coas de Toro e
Ribadeo. Depois a bula Quae Diversas (1873) estableceu que as freguesías
bercianas de Lugo e da antiga colexiata se integrasen na diócese de Astorga.
Así anexionaron as parroquias da Somoza, Valcarce, Barxas, Valboa, val do
Selmo, A Cabreira e otras de Valdeorras. As freguesías bercianas dependentes de
Santiago de Compostela tamén foron segregadas en 1895, a saber, Busmaior,
Trabadelo, Parada de Souto e Soutoparada. Esta política eclesial afectou negativamente
ao uso institucional da lingua galega dos fregueses que foron castelanizados.
Ademais resulta grave comprobar que hoxe poucos coñecen esta peculiar historia
eclesial do Bierzo que non consta nin nas páxinas web dos concellos afectados.
O Bierzo, maio
de 2025.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home