POLO BIERZO NO FUTURO PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DE GALICIA
POLO BIERZO NO FUTURO PLAN DE
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DE GALICIA.
No
Bierzo temos novas da reforma do Plan de normalización lingüística de Galicia.
Sabemos da constitución de diversas comisiois de traballo, entre elas a de Proxeción
exterior do galego. Por suposto, entendemos que a problemática do galego no
Bierzo ten de estar presente nese novo Plan de normalización. Por iso, queremos
facer algunhas propostas a prol da promoción do noso idioma territorial.
1.
TERRITORIALIDADE. A Lei autonómica de Nomalización lingüística de Galicia de
1983 fai referencia ao chamado galego exterior. Esta denominación pode ser
aplicada ao galego da emigración mais non para ás comunidades galegofalantes veciñas
do Eonavia, O Bierzo e As Portelas. Neste último caso debería denominarse coma galego
estremeiro. Nestas tres comarcas hai unha clarexa continuidade territorial e
cultural coa Galiza, polo tanto nada dese “galego exterior”. A actual fronteira
administrativa que divide as ditas comunidades lingüísticas non pode
condicionar a nosa identidade cultural global e coletiva para nada. A dita Lei
de Nomalización lingüística establece que “protexer a lingua galega hablada en
territorios limítrofes coa Comunidade autónoma” (artigo 21.2). Expresamente
lemos territorios limítrofes, logo digamos xa galego lindeiro ou estremeiro.
2.ENSINO.
No tema do ensino no Bierzo, podemos estudar galego de xeito voluntario en
diversos niveis educativos. Agora ben, reclamamos que o ensino do galego sexa
de oferta obrigatoria para os centros escolares situados na área galegofalante
histórica e voluntario para o seu alunado. Hai lexitimidade histórica e
cultural para ofertar ensino galego en tódolos colexios do Bierzo ocidental. As
viaxes escolares de bercianos a Galicia deberían fomentarse, asi coma a
colaboración educativa con centros de Valdeorras pola súa proximidade.
3.
USOS ADMINISTRATIVOS. Falta uso administrativo do galego. O Consello comarcal
do Bierzo ben pode principiar ese uso administrativo. Por iso cómpre demandar
un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, Junta de Castela e León e
Consello comarcal sobre uso do galego nos entes locais. A Lei da Comarca de 2010 establece “a
participación da Comarca do Bierzo nas actuaciois que realice para a promoción
da lingua galega” (art. 1.4). O Consello comarcal ben pode crear un Servizo
lingüístico con dito apoio institucional tripartito mediante un convenio ou
protocolo. Ese servicio lingüístico pode impartir cursos de galego, facer
documentación bilingüe, fomento do galego nos concellos e pedanías, etc.
4.
TOPONIMIA. Hai unha necesidade de recuperar a nosa toponimia tradicional na
nosa lingua galega. Convén un acordo entre instituciois galegas (Comisión de
toponimia e universidades galegas) e Consello comarcal para facer estudos
toponímicos, publicaciois de investigaciois e colocación de nova sinalización
toponímica axeitada.
5.
MEDIOS DE COMUNICACIÓN. Todos sabemos da sintonización da TVGalega por
muitos bercianos e bercianas. Mais
botamos de menos unha mellor atención informativa da nosa rexión, máis contidos
locais, establecemento de correspondente profesional, mellora técnica do
repetidor de Corullón, convenio de colaboración informativa coa TVCYL en
Ponferrada, etc. Ademais, habería que axudar aos xornais dixitais do Bierzo
para que tiveran aceso ás subvenciois en materia de uso da lingua galega.
5.
CULTURA. En materia cultural, pódese fomentar o uso do galego en publicaciois
do Consello comarcal, do Instituto de estudos bercianos e da Universidade
leonesa no seu campus de Ponferrada. As universidades galegas poden establecer
colaboraciois con estas instituciois do Bierzo en relación con futuros estudos
históricos, xeogáficos, filolóxicos, etc. Valdeorras e O Bierzo teñen
Institutos de estudios respectivos que poden colaborar no fomento mútuo do
galego, recompilación toponímica e de léxico das falas locais, así coma a
creación de revistas dixitais conxuntas.
6.OUTRAS
INTERVENCIOIS SOCIOCULTURAIS. Certas actuaciois culturais de Galicia poden ser
compartidas no Bierzo. Son os casos do Día das letras galegas que debería
conceder unha atención especial cos galegofalantes estremeiros e non tanto a
persoeiros destas comarcas. Hai que continuar coa colaboración da Xunta de
Galicia na celebración do Día do galego no Bierzo (9 de marzo), cos seus actos
escolares. Non pasamos por alto a necesidade de prover de libros en galego de
balde ás bibliotecas municipais e escolares do Bierzo. Certas exposiciois
culturais de Galicia ben poderían viaxar tamén prá nosa rexión. A festa de
Correlingua ten de chegar ao Bierzo algún día coa axuda dos organizadores de
Galicia. Campañas de fomento do galego no ensino non poden pasar por alto O Bierzo.
O Bierzo, abril de 2025
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home