jueves, marzo 23, 2006

A PLURALIDADE CULTURAL DO BIERZO

PLURALIDADE CULTURAL E LINGÜÍSTICA FRONTE AO UNIFORMISMO DA CHAIRA CASTELÁ,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

A rexión berciana amosa dende a Idade Media varias culturas e linguas pegadas que tien a súa orixe na desintegración do idioma latino. Así se deduce da propia documentación histórica conservada dos tumbos dos mosteiros bercianos (Santa María de Carracedo, S. Pedro de Montes, Santo André de Espiñareda, San Francisco e Santa María de Cruñego de Vilafranca).

As dúas linguas territoriais do Bierzo tien os seus respectivos eidos espaciais; a galega na zona occidental e maila ástur-leonesa na oriental. Pola outra banda, a castelá espállase progresivamente por todo O Bierzo por mor do abeiro institucional que sempre tivo dos poderes político, económico, relixioso e demáis.

A pesar de que os falantes dos dous idiomas territoriais do Bierzo estiveron discriminados nos ámbitos socio-lingüísticos de primacía castelá, o certo é que con grande esforzo os dous colectivos etno-culturais minorizados souberon manter os seus idiomas ata hoxe con diferentes dinámicas. O profesor berciano, Manuel Gutiérrez Tuñón, indícanos que “o leonés (...) é xa irrecuperable –e non quero entrar en comparaciois con outras zonas do leonés-, mentras que o segundo, o galego (...) resulta tan recuperable como o é o galego da provincia de Lugo”. E así o demostra a reivindicación galego-berciana que está conseguindo avances importantes no proceso de normalización lingüística nos ámbitos educativo, político, administrativo, medios de comunicación e demáis. O que se pretende por parte desta comunidade etno-cultural é acadar o pleno recoñecemento de derechos idiomáticos, individuais e colectivos, como os posuídos polos falantes bilingües da Comunidade Autónoma de Galiza.

A cultura galego-berciana segue moi presente na actualidade, na fala, os nomes de persoas (antropónimos), de lugares (topónimos), de plantas (fitónimos), de animais (zoónimos), a música (canciois, bailes, instrumentos...), a gastronomía, os costumes (festas patronais, fiandois, entroidos, magostos, maios...), economía social (tratos, mercados, feiras...), saber etno-botánico, a relixiosidade popular (romarías, crenzas...), mentalidade social, as literaturas oral (ditos, lendas, adiviñas...) e escrita, etcétera.

Este variado patrimonio cultural e lingüístico do Bierzo debe manterse. O maior problema para a súa existencia de seu é o monolingüismo castelao que se fomenta por parte dos poderes político e económico dende Castela e León. Estes últimos deben ter a obliga legal de respectar e protexer a nosa variedade cultural. Ademáis, O Bierzo non debe desenvolver só os necesarios procesos de normalización lingüística, sería un suicidio cultural aillarse da comunidade lingüística veciña da Comunidade Autónoma de Galiza, pois precisamos dos apoios político, económico, cultural e demáis.


Ponferrada, marzo 2006.
www.falaceibe.tk

2 Comments:

Anonymous Anónimo said...

o día 9 de abril de 2006 sobre uns 3000 gaiteir@s invadiremos Ponferrada para celebrar un novo certame de bandas de gaitas neste territorio galego estremeiro. Espero que os bercianos recibamos como se merecen estes gaiteiros e gaiteiras. Viva a música gaiteira!

11:18 p. m.  
Anonymous Anónimo said...

Que o lionés é irecuperavel, non me faigas rir, ia o galego-berciao si é recuperavel, si home, o que ti digas si dimos recuperares o berciao importando o RAG dimos de cú...

BERCIO BERCIAO

12:50 p. m.  

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home