sábado, abril 29, 2006

O GALEGO HISTÓRICO DO BIERZO (1ª PARTE)

O GALEGO HISTÓRICO DO BIERZO ( I ),
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

A presenza do galego no Bierzo está constatada dende a Idade Media. Na documentación conservada dos mosteiros bercianos de Sta. Mª de Carracedo, Santo Andrés de Espiñareda, Sta. Mª de Crunego e San Francisco de Vilafranca atopamos multitude de referencias escritas en galego. Os ditos cenobios e os outros máis galegos (Samos, Celanova, Meira ou Sobrado) que tamén tiveron intereses territoriais no Bierzo, utilizaron con total normalidade esta lingua autóctona na súa actividade administrativa, tanto interna como externa. A pesar disto, salientamos que a meirande parte das relaciois sociais, agropecuarias e comerciais en xeral foron ágrafas, xa que a poboación labrega só usaba o galego oral, porque descoñecía a súa codificación escrita, polo que carecemos da correspondente constancia documental.

A documentación monástica ofrece unha variada información que pasamos a analizar. A diversidade lingüística constátase no uso dos dous idiomas territoriais do Bierzo, o galego e o leonés, ademais do latín que, a pesar do seu carácter relixioso e internacional (nas relaciois internas da Igrexa e co Papado), perde importancia local ante o xeneralizado protagonismo das ditas linguas romances, mentres que o castelao gaña progresiva presenza na escrita baixo o abeiro das instituciois da Coroa (caso dos privilexios reais outorgados aos cenobios). Pola outra banda, a tipoloxía documental abrangue trocos de terras, foros enfitéuticos, testamentos, cartas de poboamento, arrendos, doazois, vendas e demais. Toda esta documentación sérvenos para coñecermos mellor a cultura galego-berciana a través de aspectos tales como a toponimia, a relixiosidade, a ordenación agropecuaria (coutos, quiñones, searas, bouzas, viñas, casais, etc), a organización territorial (parroquias, concellos, vilas, lugares, tenencias, etc), sistema de medidas (moios, ferrados...), e demais.

A fin do século XV prodúcese unha serie de acontecementos condicionan a futura relación entre as diferentes linguas romances do Bierzo. A derrota do Conde de Lemos ante o exército dos Reis Católicos supón a perda das súas posesiois territoriais nesta rexión. A Coroa merca Ponferrada, establece nela o corriximento da vila e da Provincia do Bierzo, o que facilita a chegada de oficiais de Castela. A isto engádese o establecemento da nobreza aliada da Coroa (Os Pimentel e os Alba no marquesado de Vilafranca). A reforma monástica dos cenobios bercianos, dirixida dende Valladolid, determinou a castelanización da documentación interna. Neste sentido as Cortes de Toledo de 1480 fixaron a obriga de uso do idioma castelao polos escribaos, feito que significou o abandono definitivo do galego por parte destes oficiais.
Dende entón esta lingua do Bierzo deixou de ter manifestaciois escritas en calquera documentación pública ou privada. Pero isto non significou a desaparición deste idioma porque o galego oral seguiu moi vivo e xeneralizado no seo da poboación durante os séculos posteriores. Mediante a transmisión interxeracional conservamos lendas históricas como a que relata a toma romana de Monte Medulio, romance en galego, orixinario do século XIII, publicado en 1892, que comeza “Do foron homes, fillas e peculio? Intra nostras covas de Monte Medulio (...)”. Os propios peregrinos que atravesaron O Bierzo recoñeceron a presenza do galego, caso do coengo Bernardo de Aldrete (s. XVII), “los mas políticos hablan bien el castellano pero los no tanto i mugeres el leonés que tira al gallego; verdad es que la vecindad i los muchos que passan de Galicia son causa desto”.