O MOVEMENTO GALEGUISTA NO BIERZO
MOVEMENTO GALEGUISTA NO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. Fala Ceibe do Bierzo.
Na década dos 80 do pasado século XX houbo varios colectivos que tomaron conciencia da necesidade de protexer a lingua galega do Bierzo. Salientamos neste sentido o labor pedagóxico dun grupo de mestres do colexio público de Corullón. Eles tiraron a revista bilingüe A´ Curuxa (1983-1995), un fito dentro das publicaciois que amosan textos en galego. Na cercana Vilafranca do Bierzo xorde a asociación Escola de Gaitas (1989) na defensa da lingua galega. Este grupo organizou sucesivas Xornadas da Cultura e da Lingua Galegas no Bierzo, ao longo da década dos 90, que serviron para presentar diversos relatorios sobre a nosa cultura galego-berciana, as cales teñen continuación agora coas que presenta a Comisión Martín Sarmiento en Vilafranca (2005 e 2006), ademais de consolidar a tradición local dos Maios.
Pero hai que voltar ao comezo da década dos 90 para facer mención á creación da Mesa pola Defensa do Galego no Bierzo (1990), formada basicamente por persoas dos grupos nomeados. Na constitución desta Mesa tivo especial importancia a celebración dos Congresos da Lingua e a Cultura Galegas en Asturias, León e Zamora (Celanova, 1989 e Vilafranca, 1990), que contaron co apoio de sectores académicos e intelecuais de Galiza, e dos cales saíron os correspondentes Manifestos, verdadeiras bases ideolóxicas das comunidades galeguistas estremeiras.
O eixe Corullón-Vilafranca durante anos comandou a reivindicación galeguista no Bierzo por mor destas organizaciois, pero non podemos esquecer que outras tamén traballan dun xeito máis silandeiro a nivel cultural. Referímonos a Carozos de Valboa, Vagalume de Viladepaos, Seraos de Teixeira e demais de carácter local. Todas elas están localizadas no Bierzo occidental, na zona claramente galego-falante (un total de 18 concellos), con multitude de aldeas espalladas polos seus diversos vales e montañas, que sufre os efectos da despoboación, a emigración, a baixa natalidade, a crise agrogandeira, etc. A eses concellos engadimos outros 7 lindeiros, parcialmente galeguizados, onde salientamos o de Ponferrada, o que eleva o número de falantes ata os 35000.
A fines da década dos 90 cremos que se produce unha nova xeira reivindicativa no Bierzo. Esta ten lugar en Ponferrada (66000 h.), a capital rexional que concentra cada ano máis poboación, moita dela orixinaria das comarcas galego-falantes, Ancares, Valcarce, A Cabreira ou Valdeorras. Velaí que paseniño os descendentes urbanos dos galego-falantes inmigrantes van tomando conciencia sobre a súa lingua propia. Un caso peculiar neste sentido é o da asociación Fala Ceibe (www.falaceibe.tk), a cal naceu en 1998 como reacción autodefensiva ante a negativa da Dirección Provincial de Educación de León a impartir clases de idioma galego no instituto “Álvaro de Mendaña” da cidade. Este colectivo deu un novo pulo ao galeguismo, mediante a organización de diversas actividades culturais (Día das Letras Galegas), clases de galego, premios escolares, doazois de libros galegos, revistas e páxinas web, campañas sobre o galego nos centros escolares, nas administraciois locais, na toponimia, no comercio, nos partidos políticos e demais. Non se pode negar que esta reacción reclamadora contou coas facilidades que dá desenvolver o activismo no centro urbano rexional (político, administrativo, mediático...), pois todo o que se fai en Ponferrada ten maior repercusión social sobre o resto do Bierzo.
A comentada centralidade de Ponferrada favorece o dinamismo cultural a todos os niveis. O Instituto de Estudios Bercianos interésase pola cultura galego-berciana cando elabora o Atlas Lingüístico, edita cartularios ou organiza xornadas sobre a lingua galega (1996). Recentemente apareceu outra asociación cultural, Xarmenta (2005), que procura tamén a promoción da lingua galega no Bierzo. Pero sería inxusto esquecer a presenza doutros grupos que traballan pola dignificación da cultura galego-berciana. Incluímos entre eles tanto ás numerosas bandas de gaitas (A Ponte Domingo Flórez, Toural de Meraio, Camponaraia, Ponferrada, Toural dos Vaos, Fabeiro, Fontesnovas... ) coma aos grupos de música étnica (Aira da Pedra, Abraxas, Rapabestas e demais.
Entre todos estes colectivos facemos un grande esforzo por atraer máis á mocidade cara á cultura galego-berciana. Neste sentido os centros escolares do Bierzo, que imparten clases voluntarias do noso idioma, cumpren un importante papel na socialización en galego do seu alunado. O prestixio do galego que os colexios realizan se transmite ás familias, veciñanza e demais. Así recuperamos parcialmente a comunicación interxeracional en galego, agora os descendentes dignifican o idioma minorizado dos seus proxenitores. O uso das novas tecnoloxías da información resulta tamén clave no proceso de galeguización da mocidade ao identificarmos este idioma coa modernidade, á vez que se rexeitan os vellos prexuízos lingüísticos (ruralidade, pasado, inutilidade, etc).
O reto máis importante para o movemento galeguista está na súa capacidade de asimilación do bercianismo social. Lembremos que a cidadanía desta rexión estremeira ten unha forte conciencia identitaria que trata de diferenciarse das veciñas. Recuperar o noso pasado galego-berciano (relaciois históricas, culturais, económicas...) é fundamental para estreitar os vincallos con Galiza. Cómpre dicir que o futuro da cultura galega do Bierzo dependerá da axuda, pública e privada, que veña da Comunidade Autónoma de Galiza. A actual reclamación legal de dereitos políticos e lingüísticos para a minoría etnocultural galego-berciana, ante as instituciois de Castela e León e mailo Estado, non é un labor que corresponde só aos protagonistas directos, senón que esixe un compromiso solidario do resto das comunidades galegas do noroeste peninsular.
Ponferrada, xuño de 2006.
http://www.falaceibe.tk
6 Comments:
temos que unirnos máis as organizacións que traballamos polo galego. Ben que nos iría neste caso. que a unión sempre fai a forza, carallo. Que me dicides?? non podemos seguir así
xa se formou o foro cultural pola provincia do Bierzo.
http://foroculturalprovinciaelbierzo.blogspot.com
hai que recuperar a vella provincia do Bierzo. Que non nos gañen a partida os leonesistas.
Un bierzo galego sempre será milor para os intereses políticos do Bierzo. Non deixemos nunca de procurar as alianzas patrias coa Galiza. Polo referendo de segregacion territorial cara a Galiza, que non nos vai ben en Castela e León. Hai que darse conta dunha vez.
Xuntos podemo-lo conseguir,dende o sur da Galiza mandámosvos unha forte aperta,e a seguir luitando polo que é noso.
claro que o conseguiremos, a segregación territorial desta comunidade autónoma de castela e da provincia leonesa é o noso obxectivo senlleiro. Moitos estamos decididos fortemente a integrarnos en Galiza. Viva o Bierzo libertado.
O Bercio sempres foi Lión, nen Galiza nen Castela. Mesmo as palabras "berzio"ia "butelo" vennen de dúas palabras sturlionesas (bierzu)ia (butiellu) buscáilas nu dicionário da ALLA que significan "cuna" ia "estómago".
A bandeira berciá é inspirado nu pendón d´armas du conceillo de ponferrada, logo úa sinna guerreira lionesa.
Que quede ben claro, o feito de que falemos Berciao ou galego oriental non quer decires que sexamos galegos. En México fálase hespannol ia non por iso van seres hespannois; como tamén non son lioneses nin sturianos us mirandeses. Estes son us nosos erros.
POR UNH BERCIO BERCIÁO DE VERDADE
Publicar un comentario
<< Home